Inicio » Un » 1º de Maio: Día Internacional da Clase Obreira

1º de Maio: Día Internacional da Clase Obreira

Dicía o filósofo alemán Walter Benjamin que para a clase obreira todas as situacións son situacións de emerxencia. Logo de case quince anos de crise continuada do Capital, podemos concluír que para o caso da clase obreira galega -sometida a unha dobre explotación, de clase e nacional- o precepto de Benjamin cúmprese por partida dobre.

Neste albor da terceira década do século XXI, asistimos a unha agresión sen precedentes do Capital en fase neoliberal. Ao proceso, xa coñecido, de deslocalización permanente da produción na procura dun menor custe dos salarios, súmase agora unha verdadeira ofensiva sobre aqueles dereitos que a clase obreira fora conquistando coa súa loita durante a segunda metade do século XX: privatización constante de servizos públicos como a Educación e a Sanidade, atraso da idade de xubilación e conxelación das pensións ou a desregulación do prezo de bens de consumo básico, como a enerxía e o combustible. A isto súmaselle unha precarización continua dos nosos dereitos laborais que non foi revertida, nin moito menos, na reforma da reforma do mercado laboral promulgada polo goberno de PSOE e UP.

A esta regresión nos dereitos e condicións de vida dunha clase traballadora ameazada polo desemprego e os baixos salarios, engádeselle tamén a espiral inflacionista froito das políticas desreguladoras do mercado enerxético promulgadas nos anos 90 e que tampouco foron en ningún momento revertidas polo actual goberno do Estado español, que se limitou a paliar mediante subvencións aos empresarios a suba do prezo do combustible. No caso galego, asistimos a unha auténtica expropiación dun ben común -o vento- entregado de xeito vergoñento a mans exclusivamente privadas, mentres o país ve como pechan as súas industrias por non dispor dun prezo da enerxía acorde coa súa condición de produtor. Outro tanto acontece coa vivenda, entregada unicamente á predación do sector inmobiliario, rescatado da súa propia voracidade con cartos públicos na crise do 2008 e que agora nos devolve o favor convertendo a vivenda un luxo para a clase obreira. Deste xeito, a pobreza é xa, no noso país, unha realidade para case a metade da sua poboación.

Mais non proveñen unicamente desde o modelo económico as malas novas para as traballadoras, tamén no ámbito das relacións entre os Estados xorde agora un novo horizonte de inquedanza para a clase obreira galega e internacional. Desde a FPG denunciamos decote a política criminal da OTAN ao servizo do imperialismo norteamericano, coas súas recentes actuacións vergoñentas en Libia e con anterioridade en Iugoslaiva. Denunciamos tamén a política de cerco á Rusia postcomunista e advertimos das perigosas consecuencias que iso podería provocar no futuro. Porén, na FPG manifestámonos tamén contrarios á guerra en Ucraína e advertimos que o seu corolario para as traballadoras vai ser o do rexurdimento da extrema dereita e das súas políticas baseadas, no caso do Estado español, na recentralización, na xenofobia e na violencia. Nin paz entre as clases, nin guerra entre os pobos.

En definitiva, vivimos hoxe nun verdadeiro estado de excepción continuado que ten como primeiro obxectivo convencer á clase obreira de que o seu único futuro é o da competencia individual pola supervivencia e non a loita colectiva pola súa liberación e a construción do socialismo.

Na FPG non imos capitular nunca ante as chantaxes dun Capital que hoxe bota man do recurso ao fascismo como único medio de disciplinar a clase obreira e seguir acumulando maiores cotas de plusvalía sobre a base da nosa cada vez maior explotación. Somos fieis ao proxecto de liberación que representa o comunismo como único horizonte de paz e dignidade posible. Hoxe, 50 anos despois do asasinato dos obreiros ferroláns Amador e Daniel, seguimos loitando pola liberación da nosa clase e do noso pobo.

Viva a loita da clase obreira.

Viva o Primeiro de Maio.