Inicio » Opinión » A arte de sumar restando

A arte de sumar restando

O sentido común, ese valor etéreo que invoca o presidente in pectore, aseguraba que non era posible que os partidos que se autocualifican “de esquerda” puidesen gañar votos en Galicia. Cada un paga o seu e a crise o de todos. Por un lado, o PSdG-PSOE recolle a sementeira dun candidato que só se gustaba a si mesmo, reflexo (outra vez, e outra) da falta de proxecto político para este país desde aqueles anos, xa historia, nos que decidiu non ser un partido nacional ao xeito do PSC, senón unhas siglas algo diferentes, pero non de todo, de calquera sucursal autonómica. Así que o sentido común, que ben podería chamarse Caamaño, marchou polo cano do desencanto e levou consigo aqueles votos hipotéticos dunha proposta diferencial.

A novidade foi, con respecto á última caída do PSOE, que o electorado da franxa “voto útil de esquerda” deixou de percibir o BNG como proposta de esquerda a pesar do esforzo dos últimos meses. Dúas e dúas son catro, pensaron na Dirección ao poñeren remate á era Beiras: se pillamos o voto do galeguismo difuso e sumamos o voto fiel (a esquerda máis ou menos nacionalista), caerá grupo parlamentario en Madrid. Pero ás veces un e un non son dous, senón pouco máis de cero. As fotos de antonte con CiU, a que recorta a Sanidade pública en Cataluña, as declaracións “centristas” de Quintana, a política vaporosa do bipartito e un cabeza de lista con categoría municipal fixeron o resto. E o resto foi ese 4% que marcha para Esquerda Unida.

A arte de sumar restando é xemelga da arte do consolamento filosofal, agora que traduciron a Boecio ao noso idioma. UPyD obtivo aquí un dos peores resultados, xunto co catalán e o vasco; a porcentaxe do BNG apenas baixou e o PSOE arrasou en Pedrafita do Cebreiro. Consolémonos pensando tamén que Feixoo se cadra marche para Madrid cun maletín de ministro de calquera cousa. Pero fóra desas anécdotas non hai dúbida de que comeza o periodo máis escuro dos últimos trinta anos. Todo o que non sexa sólido esvaecerase no aire. Hoxe, 20-N, sería autista recusar a certeza de que á maioría do electorado galego lle importa ben pouco a sanidade, a educación ou a cultura. Velaí a súa sentenza: fronte á crise, máis capital, menos democracia e menos Galicia.

Ademais de voltarmos aos tempos da penosa resistencia -que ninguén o dubide-, algunha das siglas citadas aquí faría ben en actualizar o silabario. A primeira páxina, a do diagnóstico, debería escribirse con valentía. Se ninguén asume a súa responsabilidade, se ninguén ten o valor de deixar paso a outras persoas e sobre todo a outras formas de facer política que non signifiquen purgar, excluír, marxinalizar e buscar o inimigo no patio de luces, en breve prazo tod@s seremos marxinais.

Un proxecto político acaba resultando sospeitoso cando emprega boa parte da enerxía en disimular que é realmente o que quere. Á hora de maquillarse con outros idiomas que non sexan o da emancipación, a banca sempre gaña. Por iso desde esta banda da trincheira mandamos saúdos para Amaiur, palabra ben fermosa; o sentido común, a ilusión e a verdade non deberían ser incompatibles. Signo da nova época podería ser por exemplo que un columnista sen xornal, case anónimo, pedise a demisión de Pachi Vázquez, José Blanco, Guillerme Vázquez e Francisco Rodríguez. Que o pedise sen medo e con naturalidade, un pouco de esguello, non como parte interesada, senón como compatriota dun dano colateral.

—-
Extraído da bitácora do autor: http://montealto.blogaliza.org/