Inicio » Nacional, Día da Patria 2010 » Crónica do 25 de xullo de 2010

Crónica do 25 de xullo de 2010

Hai uns días celebramos, como vén facendo a Galiza rebelde desde hai noventa anos, un novo Día da Patria. Moito choveu desde que as Irmandades da Fala proclamaran o 25 de xullo como o noso día nacional e moitos foron eses días que tiveron de ser celebrados na clandestinidade. Aínda así, as nosas arelas de liberdade, o noso compromiso coa loita pola República Galega, lévanos a manter esta data, non coma un día de liturxia simbólica, baleiro de contido, senón coma unha xornada de celebración mais tamén de loita activa e renovada na que mostramos a nosa dignidade como galegas e galegos libres. Eis a Galiza rebelde que non claudica ante as continuas agresións que sofre por parte do Estado español e o seu apéndice autonómico.

Como vén facendo desde os inicios da iniciativa a Frente Popular Galega considerou apropiado neste 2010 apoiar a manifestación autodeterminista convocada por Causa Galiza que partía, nunha Compostela humillada pola presenza dos Borbóns e sitiada pola policía española, arredor das 13.30 horas da Alameda. Ao remate da mesma celebramos, como xa é tradición, o noso xantar de confraternidade no monte Pedroso. Foi aquí onde tivo lugar o acto político propio da FPG no que interviron amigos e representantes do Partido e tamén algúns representantes das delegacións internacionais que nos acompañaban.

As intervencións xiraron en torno á situación actual na que nos atopamos, que está caracterizada por unha banda pola profunda crise do sistema de produción capitalista que se ve agravada non só por sermos a clase traballadora quen estamos a pagar a recuperación do mesmo sistema que nos oprime, senón tamén pola guerra que a socialdemocracia do Estado declarou ás conquistas da clase traballadora, e por outra banda pola evidencia da inutilidade da vía autonomista e a necesidade urxente de superar o modelo autonómico, no caso da nosa nación apostando decididamente pola ruptura democrática e a construción da República Galega. O decreto aprobado polo goberno do PSOE é o que nos dá as claves de interpretación do que serán algúns dos procesos políticos dos próximos anos. As gravísimas carencias democráticas do Estado non poden ser agochadas e quen creu nas promesas do Estado de Benestar e da socialdemocracia e se entregou a elas xa non pode xustificar a súa posición no pragmatismo.

Foi Brais González, membro do Comité Nacional de ADIANTE, quen lembrou que as capas máis novas do pobo traballador galego teñen unha grande responsabilidade en non caer no tal pragmatismo e sobre todo na defensa organizada dos nosos dereitos individuais e colectivos. A recuperación do capital esixe con crueza duros planos de axuste, redución do gasto social, agresivas reformas laborais conducentes ao esfarelamento de dereitos historicamente gañados con sangue e dor pola clase traballadora (abaratamento do despido, contratación precaria, aumento da idade de xubilación…).

Ante a dureza desta regresión, Julen Aginako, compañeiro da esquerda abertzale, fixo un chamamento a non caer en derrotismos e a manter o optimismo, pois, mesmo neste momento crítico, as circunstancias préstanse a que a loita polos dereitos nacionais e sociais dos pobos asoballados vaia cara adiante. Luís Ocampo, compatriota noso e membro de Izquierda Castellana, amais de portavoz de Iniciativa Internacionalista, afirmou que, polo de agora, o grande capital está gañando a batalla polo que cómpre traballar con intelixencia cara a refundación da esquerda real que defende os dereitos dos pobos. De feito, moreas de cartos públicos son investidos para levar a cabo o programa de facer da lingua nosa unha lingua subordinada para unha nación subordinada, ou en planos que permitan a deconstrución da nación, que se privatiza e se entrega ao poder oligárquico. Poucos escrúpulos, porén, se amosan nas inxeccións de millóns de euros a poderosos bancos e grandes multinacionais, no interesado descontrol da fraude fiscal do grande capital, ou en negar unha reforma fiscal orientada a poñer obrigas precisas de necesidade social a grandes fortunas ou a grandes patrimonios.

Para pechar o acto interviron Mariano Abalo e Xosé Luís Méndez Ferrín. Agradeceu o Secretario Xeral do noso Partido a presenza de cadros e amigos da FPG e fixo fincapé na necesidade de abrir vías realistas de intervención política da esquerda independentista na axenda política, con máis razón se cadra unha vez coñecida a sentenza do Tribunal Constitucional español sobre o Estatut catalán. Ademais, concluiu que frente o pesimismo e o derrotismo de outros o optimismo é a nosa bandeira, posto que se dan as condicións obxectivas para abrir os camiños para a superación do modelo autonómico tamén no noso país e, alén disto, falando xa en clave máis interna, as capas máis novas do Partido demostran que estamos falando dun proxecto, a FPG, unido e consolidado que olla con esperanza cara o futuro. Xosé Luís Méndez Ferrín foi quen clausurou o acto dando azos para o longo camiño que aínda deberemos percorrer cara a instauración da nosa República e entre outras cousas lembrou a anecdota dun príncipe polonés, en reunión con outros nacionalistas poloneses, para concluir que boa parte do nacionalismo revolucionario atopábase entre as persoas reunidas ao redor do xantar do Día da Patria.

Todos os participantes concordaron en que cómpre aglutinar forzas e ilusións, deixar a un lado derrotismos e intereses particulares, e iniciar, con vontade firme, esforzo e moita intelixencia, un proceso de intervención real na axenda política. As circunstancias requíreno con urxencia; temos diante unha oportunidade histórica e é responsabilidade nosa estar á altura do que a loita require.

Etiquetas: