Inicio » Nacional, Movemento obreiro » Perante a convocatoria de Folga Xeral o 29 de Marzo

Perante a convocatoria de Folga Xeral o 29 de Marzo

O pasado 10 de Febreiro o Goberno do PP aprobaba por decreto a reforma laboral máis agresiva desde a fin do réxime franquista. Un recorte de dereitos á clase traballadora que, continuando a rota iniciada polo Goberno de Zapatero, supón un salto de grande magnitude cara unha situación de desequilibrio total nas relacións laborais, deixando ás persoas traballadoras en situación de desprotección fronte á vontade do empresariado, xa sexa de efectuar despedimentos baratos como de cambiar competencias e funcións, baixar salarios, alterar horarios ou lugar de traballo.

Nesta comedia do bipartidismo que estamos a presenciar, agora é a quenda para que o PSOE, hoxe na oposición, represente o papel de defensor dos dereitos das clases traballadoras que, ata hai escasamente tres meses, eles mesmos atacaban. No ámbito sindical, tamén asistimos a outra comedia macabra: a dos sindicatos amarelos maioritarios (UGT e CCOO) que teñen verdadeiro pánico a que o mínimo xesto de protesta que as súas bases lles esixen, unha folga xeral pacífica e ritual, se lles poida ir das mans e tornar incontrolable, como en Grecia. As elites vendidas que ocupan os postos directivos nestes sindicatos teñen moi ben asumido o seu rol de intermediario desde os miserables Pactos da Moncloa: venderlle aos traballadores da mellor maneira posible as decisións da patronal. Eles están polo pacto a toda costa, e mesmo cando un goberno como o actual os advirte de que recortarán máis os nosos dereitos negocien o que negocien coa patronal, eles seguen ben sentadiños á mesa, sorrindo á beira da actual ministra de (anti)traballo. Durante canto máis tempo vai seguir tolerando a clase traballadora galega todas estas humillacións?

Desde a FPG pensamos que é precisa unha confluencia ampla das loitas sindicais, estudantís, sociais, feministas que abranga desde as asembleas de fábrica até movementos novos e heterodoxos como o 15-M para subir un grao máis o nivel da loita e artellar un movemento popular que pase da fase de protesta á de loita polo poder. De non ser así, serán os oportunistas pequeno-burgueses e socialdemócratas os que leven o actual proceso prerrevolucinario cara ás augas mansas da política da representación e da comedia parlamentaria. Estamos seguros, en definitiva, de que o lugar onde a clase traballadora galega vai recuperar os dereitos roubados é na rúa, non nas urnas, e por iso apoiamos totalmente a convocatoria dunha Folga Xeral Nacional do 29 de marzo.