Inicio » Comarcal, Vigo » [Vigo] Pola municipalización dos servizos básicos

[Vigo] Pola municipalización dos servizos básicos

A FPG clama por un transporte urbano xusto, efectivo e de calidade para Vigo. Tamén traballa a prol dunha mobilidade sustentábel, por uns medios de transporte colectivos eficientes e de calidade, un servizo público básico, social e vertebrador da cidade para o traslado das persoas.

Reivindicamos un sistema de transporte que lle dea resposta ás necesidades de mobilidade de toda a poboación, independentemente da súa situación xeográfica, do seu poder adquisitivo, das súas limitacións físicas ou de calquera outra circunstancia. En consecuencia, reivindicamos que o transporte urbano preste un servizo público e de calidade, que favoreza a cohesión da cidade, extensivo e dinamizador da actividade diaria da poboación, cun billete economicamente accesíbel para todas e todos.

Polo tanto, parécenos completamente intolerábel a nova suba de prezos levada a cabo pola empresa VITRASA, que se está a favorecer dunha concesión que data do ano 1994, cando gobernaban un tripartito formado por BNG, EG, e PSOE. O argumento que empregaron para lla dar foi que a titularidade das cocheiras de VITRASA impedía quitarlle o servizo á empresa, a pesar do deficiente servizo que xa entón realizaba na cidade. Desde aquela e até hoxe o servizo nunca deixou de encarecerse até converterse no máis caro do país e nun dos máis caros de todo o estado . Porén, o transporte “público” en Vigo perdeu miles de usuarios e as condicións laborais dos seus empregados degradáronse progresivamente.

A FPG de Vigo tamén lembra que VITRASA recibiu en 2008, co goberno do bipartito PSOE-BNG, unha subvención de 9 millóns de euros para sufragar a tarxeta verde, os bonos e a gratuidade para os e as pensionistas. O grupo AVANZA, onde se atopa VITRASA, tivo unha facturación de 400 millóns de euros en 2010, cun resultado de explotación de 100 millóns de euros. Resultados económicos procedentes nun 72% dos servizos de transporte privatizados, o que sumado á precariedade das condicións laborais pon enriba da mesa que o único obxectivo da empresa é o lucro en detrimendo do servizo ao pobo que consideramos que debería tender pouco a pouco á gratuidade total para as clases traballadoras. Porén, unha premisa básica para calquera transporte público urbano é o cumprimento dos horarios e unha boa frecuencia. No caso de Vigo, VITRASA sempre declara que a puntualidade nos servizos é unha cuestión fundamental, aínda que son frecuentes os incumprimentos. As obras e os problemas de tráfico son sempre a excusa argumentada pola empresa.

Para nós, o incremento das taxas municipais por enriba do IPC e agora a intolerábel e inxustificada suba do transporte público —billete ordinario de 1,17€ en 2011 a 1,22€ neste ano— evidencia a depauperación e menor accesibilidade para a clase traballadora dos servizos públicos esenciais; auga, electricidade, telefonía, transporte etc. Na outra banda, o enriquecemento das empresas privadas non deixa de aumentar. Parécenos logo, que esta nova suba é un novo retroceso para o pobo traballador, mostra da avaricia empresarial, e denunciamos así mesmo a precariedade laboral dos seus empregados, sometidos a horarios practicamente imposibles de cumprir, o que trae como resultado un servizo moi deficiente para a cidadanía. Todo isto, engadido á continua perda de emprego na cidade, ás precarias condicións nas que se atopa o pobo, ás continuas leis de recortes practicadas pola Xunta e o Estado, fan totalmente inviábel o fomento do transporte público na cidade, o cal consideramos impescindible para mellorar a calidade de vida das persoas.

DESDE A FPG QUEREMOS MANIFESTAR O NOSO FRONTAL DESACORDO ANTE A INXUSTA SUBA DO BILLETE DO TRANSPORTE URBANO LEVADA A CABO POLA CONCESIONARIA VITRASA. DEMANDAMOS A MUNICIPALIZACIÓN DO SERVIZO XA!