Inicio » Nacional, Defensa da Terra, Movementos sociais » Respostas á catástrofe nas Fragas do Eume

Respostas á catástrofe nas Fragas do Eume

A Frente Popular Galega daba á luz, en setembro do ano 2010, o documento Os incendios forestais en Galiza, que cuestiona as erróneas políticas de combate de incendios forestais que os diversos gobernos da Xunta de Galiza desenvolveran até a altura, tratando de que esta achega humilde e necesaria servise para unha reflexión colectiva sobre unha problemática que transcende o puntual para se converter nunha eiva estrutural nas políticas nacionais de xestión, cuxas consecuencias seguen a poñer en risco a propia existencia do noso pobo, cun profundo custo social, económico e ambiental. E é pola necedade das liñas mestras da administración neste campo que este caderno segue a estar de rabiosa actualidade.

Anos despois, a administración do Partido Popular galego segue inmersa nun discurso exculpatorio, atribuíndo a responsabilidade última da problemática incendiaria á “delincuencia ambiental”, o que non fai senón evadir o fondo da cuestión para se centrar nunha das súas manifestacións. Ao tempo que distrae a furia dun pobo como o galego, rabioso hoxe pola queima dunha das masas forestais ambientalmente máis importantes de Galiza, a das Fragas do Eume.

Seguimos demandando unha Ordenación Territorial de Galiza, que se acometa en coordinación cos galegos e galegas que decidan afincar o seu proxecto de vida no rural, adaptada ás condicións propias da nosa economía e territorio, que reverta profundamente unha lóxica de usos especulativos do noso chan, cara a unha posta en valor do noso medio rural. Precisamos programas de concienciación social e posta en valor da posibilidade de usos económicos diferenciados do noso monte e da súa relevancia ambiental para a cidadanía. Demandamos unha mellora inmediata dos dispositivos e políticas de prevención, concibindo os incendios forestais como unha auténtica catástrofe ambiental e social que debe ser previda por todos os medios posíbeis, sendo como tal unha materia de investimento de recursos públicos preferente. Queremos unha dotación á altura dos tempos dos dispositivos de loita antiincendiaria, o que leva consigo un paso atrás na degradación actual destes dispositivos que se está a alentar en base ao paradigma dunha austeridade que se está a desenvolver a prol da clase dominante e sempre contra o pobo e o seu medio natural. Para isto é preciso contar con traballadoras e traballadores nunhas condicións dignas e de seguridade, preparadas e preparados, e cos instrumentos de loita contra o lume axeitados.

A FPG insiste na responsabilidade última que a administración galega ten nestas catástrofe. E contra a administración colonial e as lóxicas políticas e económicas do Capital que están detrás desta problemática é que a militancia da FPG chama a apoiar as concentracións convocadas nas principais vilas galegas. Hoxe, luns 2 de abril:

* A Coruña: ás 20:30 nos Cantóns;
* Vigo: ás 20:30 no Sereio;
* Compostela: ás 20:30 no Obradoiro;
* Pontevedra: ás 20:30 na Ferrería;
* Lugo: ás 20:30 diante do Concello;
* Ourense: ás 20:30 diante do Concello;
* Pontedeume: ás 20:00 diante do Concello;
* Ferrol: ás 20:00 na Praza de Armas;
* Foz: ás 20:30 diante da delegación de Facenda;
* Betanzos: ás 20:30 diante do Concello;
* Vilagarcía de Arousa: ás 20:30 na Praza de Galicia;
* Xinzo de Limia: ás 20:30 horas na Praza Maior;
* Lalín: ás 20:30 na Praza da Igrexa.

Mañá, martes 3 de abril:

* Redondela: ás 20:00 na Praza do Concello.