Inicio » Comarcal, Vigo » [Vigo] O que a FPG entende por unha estación intermodal en Vigo

[Vigo] O que a FPG entende por unha estación intermodal en Vigo

O pasado 12 de marzo a Frente Popular Galega da Comarca de Vigo presentamos ao Ministerio de Fomento do Goberno do Estado as nosas alegacións arredor da futura estación de tren da nosa cidade.

Nelas contemplamos o futuro da estación do tren en Vigo como un paso máis no proxecto global de favorecer as comunicacións entre os veciños de Vigo, Baixo Miño, norte de Portugal e o Morrazo, xunto con Redondela, Terra de Montes e Ourense.

O motivo é porque cremos ferreamente que este sistema de comunicacións debe basearse no transporte público, colectivo, intermodal que priorice fundamentalmente o tren de cercanías e por iso rexeitamos o proxecto de estación de Tom Mayne, por costoso, aberrante urbanísticamente e responder esclusivamente a intereses comerciais privados multinacionais, orientado non a favorecer o emprego na nosa cidade senon á instalación de empresas de enclave e o vehículo individual por estrada.

AS NOSAS PROPOSTAS:

  • Unha estación de tren intermodal que enlace o tren de cercanías cos trens de longo percorrido e coas infraestructuras destinadas ao AVE, substituíndo as súas máquinas por outras de alta velocidade e menor custo. Unha intermodalidade que debe tamén conectar cos autobuses urbanos, interurbanos e facilitar a conexión co transporte de Ría.
  • O seu contido debe estar limitado a todo aquelo que favoreza a comunicación entre as persoas, priorizando o transporte en tren e aqueles complementos hosteleiros e dotacionais que o fagan máis confortábel. Favorecendo todo tipo de elementos de comunicación como internet gratuito e Wifi de libre acceso, biblioteca, servizos sanitarios, asistencia a inmigrantes e traballadores en tránsito, etc.
  • O deseño da futura estación de tren de Vigo deberá facerse en Galicia e por galegos, nun proxecto sustentábel no económico e no urbanístico. Integrado dun xeito equilibrado na nosa cidade.
  • Integrar no proxecto a nova estación de autobuses que debe incluir os de longo percorrido eliminandose a ineficaz e alonxada estación da Avda. de Madrid.
  • Eliminar do proxecto o macro-centro comercial e reducir drásticamente a cantidade de prazas de aparcamento.
  • Este proxecto deberá ir acompañado da creación dunha rede de cercanías que vertebre a Área Metropolitana de Vigo, Baixo Miño, O Condado, Redondela, Soutomaior e o Morrazo.
  • A reforma da rede do tren a Porto (Portugal) mediante a implantación en todo o percorrido de doble vía, para facilitar o transporte por ferrocarril desde Vigo a esta cidade mediante un tren de altas prestacións.
  • Conexión con Ourense por Cerdedo.
Etiquetas: , , ,