Inicio » Comarcal, Compostela » [Compostela] Cae o esperpento

[Compostela] Cae o esperpento

Finalmente sucedeu o inevitábel. Non había outra saída, a cabeza de Conde Roa tiña que rodar. De nada valeron as roldas de prensa, os pataleos, a petulancia. E é que cando reclaman a túa dimisión mesmo dende as propias ringleiras do PP (partido que, por outra banda, é pouco dado á expiación de culpas e ao recoñecemento de responsabilidades) é que xa non ficaba moito por facer.

Mais tampouco hai moito que celebrar. O seu substituto, Ángel Currás, xa é un vello coñecido. Foi director-xerente da Fundación Cidade da Cultura nos tempos do fraguismo, posto que obtivo no ano 2000 sen ter presentados moitos máis méritos que ser irmán do entón conselleiro de educación, Celso Currás. Xa no goberno de Conde Roa ocupaba a Concellería de Cultura, Educación e Normalización Lingüística, sendo el o responsábel directo da recente censura do espectáculo de Leo Bassi «The Best Of», que finalmente tivo que ser desprazado a un edificio da Universidade. Sería pecar de inocentes agardarmos mudanza algunha, máis aló da desaparición dos titulares que inzaban os xornais cos esperpentos do anterior rexedor. Somos conscientes de que Ángel Currás vai continuar pola mesma liña de políticas antisociais, galegófobas e agresivas co movemento asociativo da comarca. O seu discurso de investidura, bilingüe e cheo de gabanzas a Conde Roa, fai apoloxía do continuísmo, non deixando lugar a moitas dúbidas. Así, cae o esperpento, mais a obra continúa.