Inicio » Opinión » Un novo dezasete de maio

Un novo dezasete de maio

Xa se achega un novo dezasete de maio, nesta nosa Nación-Sen-Estado, cuxa máxima e esencial seña de identidade é a lingua proletaria do noso pobo. É certamente heroica a resistencia e supervivencia do noso idioma nacional; esta benquerida lingua que, sendo falada por aproximadamente dous millóns e medio de persoas, está rodeada xeograficamente de imperios lingüísticos (dous) e asoballada e minorizada por un deles (o español).

A nosa lingua (e conseguintemente, a nosa identidade nacional) está en perigo: é alarmante o descenso do número de falantes e da presenza social do noso idioma, ata o extremo, por exemplo, de que hoxendía, caseque non existe prensa en galego; e isto por non falarmos, poñendo por caso, da deturpación ou da perda de vocablos, a consecuencia da colonización española do noso país. A situación de risco e de perigo do galego non é unha paranoia colectiva, que esteamos a sufri-los independentistas. Pola contra é unha situación reflectida en publicacións e mapas lingüísticos de organizacións tan pouco sospeitosas de seren cualificadas como «radicais» como a UNESCO. Lingüistas, xa non deste país, senón extranxeiros, como Rafael del Moral constatan as poucas expectativas e escaso interese que o uso do noso idioma suscita entre a mocidade, sobre todo urbana. Así, segundo afirma o devandito autor, a cidade onde a porcentaxe de xente nova que ten como lingua principal o galego é maior é Santiago, con só o 18,4%. Constátase que a presencia do galego na rotulación e trato persoal en notarías, boticas, caixas de aforros, etc… é escasa ou en todo caso subsidiaria ou de segundo grado (mesmo ás veces cuasi ornamental). Pero o problema está nos propios poderes públicos que (escomenzando pola denominada «administración autonómica») están a aldraxar e esfarela-la lingua do noso pobo, das clases populares, da famélica lexión. Estes denominados «poderes públicos» nin sequera están a cumpri-lo seu propio ordenamento xurídico, post-franquista e continuísta, que baixo a máscara do chamado bilingüismo («harmónico ou inharmónico?» «orgánico ou inorgánico?»), segue a agocha-lo inveterado autoodio e a diglosia que o noso pobo está a sufrir, por mor da opresión nacional e social que nos está a esmagar. Pero, reitero, nin sequera ese ordenamento, español e procapitalista, está sendo cumprido polos «poderes públicos» xurdidos desa pseudo transición que deu orixe a esta pseudo democracia burguesa e borbónica. Daquela , estes señores están a iñora-lo carácter de lingua, textualmente non só co-“oficial” senón tamén “propia” que o «seu» «estatuto de autonomía” lle atribúe, sobre o papel, ó noso idioma nacional (o cal, na súa propia lóxica, faría merecente á nosa lingua dun certo plus de protección). E tamén iñoran, estes poderosos do sistema, que esa «súa» constitución di, no seu artigo 3, que, como “patrimonio cultural” (semella peza de museo!!), as linguas que non son españolas, pero eles chaman españolas, serán (literalmente) «obxeto de especial respeto e protección». E iñoran tamén a (así denominada…vaia ironía!!) «lei de normalización lingüística».

É non é somentes a administración periférica do Estado quen está a mofarse e excluí-la nosa lingua: aínda se pode ver no taboleiro do Pazo de Raxoi unha nota que, asinada polo subdelegado de goberno, está escrita en perfecto español, e nada máis, e punto-pelota, sen que apareza por ningures a nosa lingua nacional. Tamén dende a «Xuntiña» de San Caetano se procede a rompe-lo chamado «acordo » ou «consenso» lingüístico que eles chamaban «normalizador», e que non foi quen de tocar nin sequera o propio Fraga; así, abonda con observa-las políticas educativas destes tecnócratas de extrema dereita do goberno «autoanímico» ou máis ben «autoanémico» que reproducen dinámicas debaixo das que está a latexa-lo autoodio colectivo do alienado colonizado, e a prevalencia da lingua máis forte, que é ademais, unha lingua extranxeira, que secularmente se nos ven impondo.

E falemos das administracións locais, as teoricamente máis próximas ós e ás cidadás. E falemos do Concello de Santiago. Xa en tempos de Conde Roa tivo lugar un feito cualificable como gravísimo. Aconteceu que este «anxiño» que daquela era alcalde de Santiago se reuniu con esa asociación que se vén denominando «Galicia Bilingüe». E segundo se afirma na propia páxina de internet da devandita «asociacionciña», a resultas da precitada reunión, se procedeu, por parte do Concello de Santiago, a lle negar a axuda que esta Corporación lle viña prestando á iniciativa denominada Correlingua, que tiña certas concomitancias con outras semellantes iniciativas desenvolvidas en Euskal Herria, ou nos Països Cataláns (e mesmo en Galicia, nun pasado relativamente recente); o paradoxo da devandita iniciativa é que, tendo sido promovida e caseque sostida pola Corporación local picheleira, está a acaecer hoxe en día sen presencia (nin económica nin simbólica) do Concello de Santiago. Semella que os cipaios que se sinten molestos con feitos que coadxuvan a lle dar pulo ó noso idioma poden ficar tranquilos e quedos perante a actuación desta Corporación que está ó servicio duns intereses que non son precisamente os do pobo e da cultura nacional. Tento acceder ó piso superior do Concello, onde se celebran os plenos, que, por certo, son públicos e teoricamente abertos a tódalas santiaguesas; pois ben, despois de me facer pasar por un deses «arcos de seguridade», detectores de metais, se me insta a amosa-lo meu carné de «hespañol» para a miña «identificación»; relémbrolle-la miña condición de cidadán santiagués e de cidadán galego; e inútil: dado que me nego a exhibirlle-la identificación que consta nese documento extranxeiro, se me prohibe subir á planta superior da que debera se-la Casa do Pobo Santiagués, ó servicio das clases populares composteláns. Estas son as súas «liberdades», esta é a súa «democracia».

Infórmome de que no ano 1988 se aprobou, por unanimidade, un Regulamento de uso do galego (que o recoñece como lingua propia); e mesmo decátome tamén da existencia dun Plano de Normalización Lingüística, coa participación de amplos sectores e colectivos sociais (que practicamente non se fixo real). Deste xeito, dado que non mudou o marco normativo, pódense considerar numerosos os incumprimentos, senón estrictamente da letra, si do espírito do precitado ordenamento xurídico sobor do uso do galego: Velaí as cada vez máis frecuentes intervencións en español dos concelleiros e concelleiras, (tanto no pleno como en comisións). E velaí certas declaracións á prensa de altos responsables da materia nas que se recalca, insistente e rechamantemente a conveniencia de implantación do maldito bilingüismo. E velaí a aldraxe que supón non recibir ós representantes de determinadas organizacións e plataformas en defensa da lingua galega (en claro contraste coa reunión do ex – alcalde con «Galicia Bilingüe»). E velaí o discurso desafiantemente bilingüe do novo alcalde, parte en galego e parte en español… e velaí outros moitos feitos dos que se podería falar que contribúen á diglosia, á dominación lingüística extranxeira.

Nembargantes, dicía o meu avó nunca choveu que non escampara.