Inicio » Nacional, Movemento obreiro, Solidariedade » Fronte á represión sindical no Metal

Fronte á represión sindical no Metal

Desde a FPG desexamos comunicar a nosa solidariedade cos dirixentes sindicais do Metal que están a ser xulgados estes días, nunha manobra política de criminalización e represión da loita obreira e do libre exercicio de folga.

Transmitimos o noso rexeitamento á condena de prisión para Antolín Alcántara, secretario de Negociación Colectiva da CIG e para Ramón Sarmiento, responsable comarcal de industria en Vigo de CCOO. Aínda coa redución das penas na sentenza, desde a Frente compartimos as análises que fixeron públicas as centrais sindicais denunciando a grave actitude da xuíza ao obviar a carga policial que estaban a sufrir os compañeiros no momento dos feitos.

Esta condena inxusta vénse acumular coa imputación a Víctor García (antigo responsable da CIG no Naval) e Antolín Alcántara de 5 anos de cadea por reivindicar en 2007 o cumprimento do convenio. No caso de Alcántara, unha nova condena implicaría o seu ingreso en prisión. Co gallo deste novo xuízo, a central sindical nacionalista convoca unha concentración solidaria nos xulgados de Vigo o vindeiro xoves 7 de xuño desde ás 9:30, á que desde a nosa organización non podemos máis que sumarnos e contribuír á súa difusión.

As clases traballadoras galegas temos que ver nidiamente a compoñente política destes xuízos. Toda a presión popular que poidamos acadar contribuirá á defensa dos nosos dereitos e a dificultar a vaga represiva que os gobernos europeus están a tentar impor.