Inicio » Nacional, Internacional, Movemento obreiro » Os mineiros ensínannos o camiño

Os mineiros ensínannos o camiño

No día de onte, as concas mineiras de Asturies, Aragón e León volveron vivir unha xornada histórica de loita en defensa do traballo e da sustentabilidade económica, postos en perigo polo proxecto de Orzamentos que agora está a debater o Senado.

Segundo a información que transmiten as organizacións sindicais os paros nas comarcas ligadas á extracción do carbón rozou o 100%, algo que demostra a solidariedade incondicional da clase traballadora.

As protestas na minería lonxe de perder forza van en aumento. Resisten os mineiros pechados en Santa Cruz do Sil (Bierzo), onde levan xa 26 días, reforzados polos compañeiros de Santiago de Aller (Asturies), os de Candín de Hunosa (Langreo), así como polos que veñen de ocupar o concello de Cangas de Narcea.

A folga da mineiría de carbón comezaba cos paros do pasado 28 de maio, transformándose nunha folga indefinida desde o 1 de Xuño. Ao longo da historia do século XX, sexa coa insurrección armada de 1934 ou coas folgas do 1962, a mineiría xogou o papel de faísca que iniciou novos períodos de loita. Coas diferenzas contextuais evidentes, depende de nós, que as folgas indefinidas e as fotos das barricadas, sexan extensibles á resistencia fronte recortes sociais e rescates á banca.