Inicio » Opinión » Grecia e nós

Grecia e nós

Xogabámonos moito o domingo en Grecia. A presión mediática acouga nas portadas do día despois. “Il voto della Grecia fa respirare l’Europa” di Corriere della Sera. “Greece gives Europe a chance” titula The Guardian. Nunha coincidencia con alta carga simbólica, ABC e El País concordan: “Grecia da un respiro a Europa”.

A coalición Syriza quedábase co 26’89% dos votos, a menos de 3 puntos de Nova Democracia pero con pouco máis da metade de deputados no Parlamento a causa dunha normativa electoral absurda. O ascenso da forza liderada por Alexis Tsipras é de máis de 10 puntos que obtén a costa do afundimento do KKE -nun mes perde 4 dos 8 puntos e medio que posuía- e de forzas máis testemuñais como a anticapitalista ANTARSYA -déixase máis do 70% do electorado de maio. Resulta revelador, porén, ver como o ascenso de Syriza non prexudica a Esquerda Democrática, a escisión reformista do partido maioritario en Syriza (Synaspismós), que incluso sobe algo máis dunha décima.

Esta revisión rápida dos resultados déixanos unha conclusión inmediata: Syriza conseguiu representar a meirande parte das sensibilidades na esquerda grega. E non só. Coa difusión das 40 medidas urxentes[1] foi quen de captar a atención a escala internacional, coas reservas propias dos que nos incomodamos ante un programa de natureza europeísta, aínda previa ruptura da lóxica institucional neoliberal.

Funcionou a fórmula do frontepopulismo porque, a cada paso, sentimos que o inimigo é unha forma de fascismo[2] e pedimos responsabilidade e xenerosidade para dotármonos de ferramentas políticas unitarias. Isto encaixa co fracaso da aposta solitaria do KKE que desperdiciou boa parte da lexitimidade que gañara coa súa notable presenza na dirección das 17 folgas xerais do último bienio. Con só ler as novas principais do seu espazo web[3] axiña percibimos unha organización máis preocupada en frear a fuxida cara Syriza do seu electorado que en explicarnos as actuacións políticas concretas coas que construírmos a alternativa. Nos seus comunicados ocúltannos boa parte da historia da esquerda grega -por exemplo, o período no que participaron en Synaspismós, a formación que cualifican constantemente de oportunista- e reducen a escolla a unha disxuntiva inasumible entre o partido vangarda e os partidos “burgueses e inoperantes”.

As activistas galegas miramos cunha sorprendente paixón a Grecia. Intervindo nas redes sociais aparentamos ter elevados coñecementos do que acontece por aló e, con grande facilidade e convicción, defendemos intransixentemente ao KKE acusando a Syriza de traidores ou, á inversa, chamando sectarios aos comunistas. Algunhas, inxenuamente queremos ver en Alexis Tsipras un Rafael Correa que negue a débeda por ilexítima, ou incluso un Chávez que impugne as reglas de xogo. Outras relen posicionamentos políticos diáfonos e se aferran a principios firmes pero pouco produtivos ao descompasarse co movemento das masas: a acentuación das desigualdades de clase non orixina mecanicamente transformacións ideolóxicas. Por certo, ¿alguén se parou a averiguar cal é a posición de KKE/Syriza na cuestión de xénero ou como abordan a crise enerxética e a problemática ambiental?

As nosas actitudes demostran a necesidade urxente de vitorias na esquerda, exemplos do “comunismo en acción”, como lembrou Žižek no mitin de Syriza[4]. Se ese exemplo vai chegar da sólida estratexia do Comité Central ou dunha converxencia máis ampla e difusa estará por vivir. Aínda que deste capítulo histórico pechado co repouso da banca tamén debemos extraer leccións.

——————————————–

[1] Resumo en 40 puntos do programa da esquerda radical grega: http://artabra21.blogspot.com.es/2012/05/resume-en-40-puntos-do-programa-da.html

[2] O fascismo financeiro é un termo habilmente caracterizado polo sociólogo portugués Boaventura de Sousa Santos: http://www.altermundo.org/o-fascismo-financeiro/

[3] A versión portuguesa da web do KKE (http://pt.kke.gr/) recolle boa parte dos contidos da web xeral (http://www.kke.gr/). Tamén se atopa dispoñible unha versión en castelán (http://es.kke.gr/)

[4] No mitin dado polo filósofo esloveno Slavoj Žižek, refírese paradoxalmente a un artigo de Bill Frezza na revista Forbes titulado “Dean a Grecia o que merece: o comunismo”: http://youtu.be/4U2b9XChivc?t=10m10s (a partir do segundo 10:10).

Etiquetas: , , ,