Inicio » Nacional, Liberación nacional » Xuntanza da FPG con Esquerda Unida (EU)

Xuntanza da FPG con Esquerda Unida (EU)

A Frente Popular Galega (FPG) quere manifestar a súa vontade de manter contactos con diferentes colectivos e forzas políticas co obxectivo de alcanzar acordos amplos para posibilitar avances no camiño dunha Galiza soberana e dos e das traballadoras.

A nosa vontade é firme: facer posíbel unha verdadeira alternativa política para a saída da brutal crise á que nos conducíu o gran capital financeiro cara a nosa soberanía política e económica como pobo.

Nesta liña, a FPG celebrou un primeiro encontro con Esquerda Unida (EU) que permite avaliar a posibilidade do inicio dunha unidade de acción dentro dun proxecto máis amplo coas coordenadas postas na esquerda e na autodeterminación nacional. Neste sentido reafirmamos a vixencia da nosa liña histórica, que sempre mantivemos, de defensa e loita pola independencia e a soberanía nacionais ligada á loita da clase obreira. A loita de clases, se ben é internacional, nunca se dá en abstracto, dáse sempre no seo dun marco nacional concreto, no noso caso na Galiza dependente e aínda colonizada do século XXI.

Asemade a FPG quere deixar claro que os nosos pasos vanse producir dentro do absoluto respecto e aceptación da decisión soberana que a ANOVA decida democrática e asembleariamente ao respecto dunha fronte ampla e de esquerdas.

Galiza, 22 de agosto de 2012