Inicio » Movemento xuvenil, Compostela » Adiante convoca manifestación o sábado 15, ás 19 horas, desde a Praza Roxa de Compostela

Adiante convoca manifestación o sábado 15, ás 19 horas, desde a Praza Roxa de Compostela

«O desemprego, os desafiuzamentos, a precariedade, a privatización do ensino e da sanidade, o desmantelamento dos servizos públicos, o establecemento da familia hetero-patriarcal como patrón social, o endurecemento do Código Penal, a represión, os ataques e a negación dos dereitos das mulleres, das migrantes, da clase traballadora, dos pobos… Se hai algo que está claro é que este sistema non serve e que a única saída posíbel é derrubalo; acabar con el antes de que acabe connosco. Se hai algo certo é que todas as emancipacións son posíbeis, que existen formas de vivirmos con dignidade, que entre todas podemos construír a máis xusta das sociedades.

Todas as agresións respóstanse nas rúas e é aí onde debemos comezar a darlle forma á construción común que é a liberación da clase traballadora, das mulleres, da matria. Cómpre botar man da intelixencia colectiva, da creatividade, da perseverancia e da alegría -que é un sentimento revolucionario-. Cómpre comezar a subverter os modelos impostos, a tecer redes de insubmisas e desobedientes dispostas a rachar co establecido, a crear un exército de toupas que vaian, paseniño, ampliando as fendas xa abertas. Cómpre soñar, mais cómpre tamén poñer en práctica eses soños; contaxiar a dignidade de ser rebeldes, apegar o entusiasmo de quen quere mudanzas reais. Cómpre tomar partido.

Temos o deber de dinamitar os elementos que impiden desenvolver a ruptura radical da representación, recuperar o dominio dos espazos públicos que nos foron roubados; sermos conscientes de que temos que nos salvar a nós mesmas.

A nosa vitoria depende da forma na que cheguemos a desenvolver prácticas políticas radicais, dos diferentes xeitos de pensarmos e sentirmos a necesidade de tornar a carraxe en militancia. É o momento de perder o medo, de axuntármonos todas, de erguer nas rúas o poder popular.

Velaquí a nosa pequena contribución a esa outra forma de facer política: a convocatoria dunha mobilización nacional para este vindeiro sábado 15 de decembro ás 19.00h, desde a Praza Roxa de Compostela.

Contamos contigo.»