Inicio » Estatais 2004 » Programa Político da FPG

Programa Político da FPG

  • Autodeterminación

    A FPG fai un chamamento a todas as forzas políticas e sociais nacionalistas e de esquerdas a reclamar o dereito de autodeterminación e o remate da situación de dependencia colonial que estamos a sufrir por parte do Estado español.

  • Nova estructuración do Estado Español

    A F.P.G. propón un novo marco xurídico político, que permita o exercicio do dereito de autodeterminación do pobo galego e a negación absoluta do nacionalismo español que impide o exercicio das liberdades que como pobo nos son negadas.

    Neste novo marco político, a F.P.G. proporá unhas novas relacións entre Galicia e o Estado español, onde pediremos ademais de relacións en pé de igualdade co resto das nacións que conforman o actual Estado, profundizar nas relacións tamén en pé de igualdade cos irmáns portugueses, atendendo os lazos que historicamente nos unen a eles. Nesta dirección consideramos necesario as relacións sociopolíticoeconomicas coas nacións que conforman o eixo Atlántico.

    Defendemos unha nova organización territorial galega que remate coa administración tutelar do Estado español, organización baseada nas parroquias e comarcas, non nas provincias.

  • Economía

    A FPG loitará contra a precarización laboral, que deixa a clase traballadora nas mans dos empresarios, nunha situación de desigualdade diante da lei, que beneficia a uns en detrimento da maioría.

    Opoñémonos a política de deslocalización de empresas que, buscando man de obra máis barata, remata co tecido industrial do país. Estamos pola defensa dos sectores básicos da nosa economía.

    Defendemos unha política fiscal, que grave máis aos que máis teñen, que os impostos directos e progresivos sexan base da presión fiscal, por enriba dos impostos indirectos que gravan na mesma porcentaxe tanto aos que teñen como aos que non. Trátase de que a política impositiva redistribúa a riqueza, non que estea ao servicio dos que máis teñen. Non se trata de baixar impostos, trátase de cobrar impostos aos que máis teñen e esixir que eses impostos sirvan para levar adiante políticas sociais (sanidade, ensino, vivenda, transporte, pensións, etc)

  • Medio Ambiente

    Defensa do noso patrimonio natural e das nosas riquezas, a explotación das mesmas estará en base aos intereses do pobo e non das empresas capitalistas, que teñen postos os seus obxectivos no curto prazo, sen importarlles o esgotamento dos recursos naturais.

    Non á destrucción dos nos contornos naturais baseándose nunha idea perversa de avance e progreso.

  • Educación e cultura

    Por un ensino público, non á subvención ao ensino privado (quen queira colexio propio que se o pague), científico e de calidade.

    Por unha inmersión no galego na escola, non á utilización do galego como lingua litúrxica.

    Inmersión no galego dos inmigrantes, tanto cativos como adultos, o inmigrante chega a Galicia nación, non a España. Estamos pola integración respectuosa dos inmigrantes.

    Por un ensino nunha sociedade laica, non ás ensinanzas de ningunha relixión, liberdade de crenzas e cultos, pero fóra das escolas.

  • Liberdades individuais e colectivas

    Contra a lei de partidos que impide a expresión política dunha parte do pobo, e permite por medio desta pseudodemocracia que partidos e persoas denominadas consticionalistas, burlen a vontade popular por medio de compras vergoñentas de votos antes e despois dos procesos electorais. Contra a corrupción.

    Contra os medios de comunicación ao servicio do poder, legalización dos partidos nacionalistas e dos seus medios de comunicación. Ilegalización dos grupos contrarios aos intereses do pobo. Contra o pensamento único.

    Contra a represión física e intelectual, contra a tortura e a prisión política. Amnistía para os presos políticos. Defendemos a solución negociada dos conflictos entre o Estado español e as forzas políticas das nacións que o conforman.

  • Igualdade de xéneros

    Contra a sociedade patriarcal e o sexismo, pola igualdade real de homes e mulleres. Pola liberdade de opcións sexuais.

  • Contra o imperialismo

    Rexeitamento frontal ao intervencionismo ianqui, apoiado polos gobernos títeres, nomeadamente o español e o británico. Loitaremos pola paz mundial e o dereito dos pobos a gobernarse por si mesmos. Non á utilización perversa dos organismos internacionais.

    Solidariedade co pobo cubano, non ao embargo criminal dos USA. Liberdade para o pobo palestino, contra o sionismo criminal, paremos a matanza en Palestina. Solidariedade co pobo iraquí, retirada inmediata das forzas de ocupación, apoio á resistencia contra o invasor.

    Non á globalización neoliberal, solidariedade internacional, non ás intervencións militares nin aos exércitos humanitaristas que buscan consolidar os intereses do capitalismo no terceiro mundo.