Inicio » Día da Patria 2004 » A necesidade dun cambio político radical

A necesidade dun cambio político radical

Do resultado das convocatorias efectuadas polas distintas forzas políticas para o Día da Patria Galega de 2004 deberiamos tirar unha consecuencia principal: O debate político é necesario e o diálogo imprescindible.

O nacionalismo galego atópase nunha encrucillada e debe escoller, unha vez máis, o seu camiño. E para a FPG, ese camiño non pode ser outro que aquel que nos conduza ao exercicio da Autodeterminación nacional nunha sociedade onde os traballadores e as traballadoras de Galicia sexan os que teñan a capacidade para gobernar.

O tremendo descenso no número de manifestantes do autonomismo, ou sexa na convocatoria do BNG; como o estancamento da alternativa dos nacionalistas de esquerda, a pesar de irmos xuntos baixo unha soa pancarta, a das Bases Democráticas Galegas, evidencian un estado de ánimo de certa desesperanza nos núcleos máis combativos do noso pobo.

Corresponde ao BNG a maior responsabilidade na crise do movemento de liberación nacional de Galicia pola deixación de principios levada a cabo nestes anos de práctica dunha equivocada política “de Estado” onde galegos e galegas nada tiñamos que gañar. Pero tampouco o nacionalismo de esquerda (independentistas, soberanistas) foi quen de abrir novos vieiros para o avance popular.

Ao chamamento das Bases Democráticas Galegas, neste 25 de xullo, acudiron CUT, FPG, Nós-UP e PCPG, ademais das organizacións da mocidade Adiante-MIR e AMI. Baixo o lema de “Autodeterminación”, unhas 1.500 persoas percorreron as rúas de Compostela en demanda de independencia e proclamando a crítica frontal aos gobernos respectivos do PSOE e do PP. Conformouse unha nutrida manifestación, pero sen conseguir atraer a outros sectores do nacionalismo de esquerdas que vai sendo hora de que se vaian posicionando para un efectivo cambio na orientación política deste noso país. (Aquí debemos suliñar o papel dos medios de comunicación silenciando ou minimizando a manifestación autodeterminista, mentres facían o imposible por salvar a deteriorada imaxe do BNG.)

Existe a firme confianza en que un entendemento emanado do diálogo aberto entre as forzas do independentismo, respectuoso coas identidades de cada quen, consiga modificar sustancialmente este estado de cousas, propoñendo alternativas no político, no sindical, na mundo da cultura, como no mesmo ámbito institucional.
E tamén debemos esixir dos nacionalistas hexemónicos, ou sexa, do BNG, un comportamento radicalmente diferente, onde as decisións se tomen en función dos intereses populares e non pensando no reparto interno de influencias, cargos ou prebendas. Para comenenciudos e vendepatrias xa están outros, que, ademais, decote demostran que o saben facer moito mellor.

Nin a vontade nin o sacrificio dos e das militantes da FPG han faltar para a reconstrución do movemento nacional-popular galego.

Mentres discutimos de tácticas e de estratexias cara a nosa Asemblea Nacional convocada para novembro, non por iso deixaremos de ofrecer o noso esforzo para os traballos que a sociedade nos demande, nomeadamente, o noso concurso ás mobilizacións que se han realizar como rexeitamento do pobo traballador ás imposicións do capitalismo organizado na UE, expresando radicalmente un Non galego á Constitución europea.

Galicia, 2 de agosto de 2004.