Inicio » Da Galiza Mártir » No Día dos Mártires Galegos

No Día dos Mártires Galegos

No ano 1942 e en Bos Aires, a Irmandade Galega que impulsaba Castelao e que substituiría ao Partido Galeguista, declarou o 17 de Agosto Día dos Mártires Galegos. Fíxose así porque o 17 de agosto de 1936 Alexandro Bóveda fora pasado polas armas na Caeira. Os exiliados da Irmandade pensaban: “ningunha data máis axeitada para lembrar e honrar os milleiros de galegos que foron fusilados polo só delicto de querer a Autonomía de Galicia e de ser leiales á República Hespañola.”
Nós, a FPG, asumimos a tradición iniciada no acordo en 1942. Pensamos que Alexandro Bóveda é un morto que simboliza e representa con honor os innumerábeis mortos pola violencia fascistas desatada a partir do 20 de xullo de 1936 en Galicia. Escribiu Castelao precisamente no intre da fundación do Día dos Mártires Galegos:

“Non tódolos días xorden homes tan superdotados como Bóveda; e esta caste de homes, bos e xenerosos, realizan obras e despois esquécense de firmalas. Teñen a virtude de levar a cabo, indefectibelmente, todo canto maxinan; e á beira deles sentímonos seguros e todos traballamos con fe”.

Na FPG sabemos das obras que Bóveda non asinou: o PG e a súa disciplina, o Estatuto do 36, o futuro de Estado Galego no que se inclúe un proxecto económico progresista. Por estas obras matárono, pero tamén por outras obras que tamén esqueceu asinar e ás cales a FPG vai pór agora o nome do autor, Bóveda, embaixo.

Bóveda levou o Partido Galeguista de cara a Fronte Popular, en contra da opinión dos seus membros reaccionarios, quen se separaron da formación para constituír a Dereita Galeguista. Bóveda fixo toda a campaña da Fronte Popular en Ourense cóbado a cóbado co ideólogo e intelectual máis importante daquela provincia do PCE, Benigno Álvarez; ambos resultaron derrotados, con trampas, por Calvo Sotelo. O triunfo esmagador do SI no Plebiscito do Estatuto de Autonomía de 1936 é unha obra tamén de Alexandro Bóveda moi principalmente. O 20 de Xullo de 1936 Bóveda ocupou, con Zsbarski, Guiances e outros, o Goberno Civil de Pontevedra e constituíu un Comité de emerxencia da Fronte Popular. Un gobernador timorato colocou nas mans de Bóveda, sempre á cabeza, e dos elementos leais de todos os partidos da Fronte Popular a tarefa de resistir a sublevación fascista na capital e en toda a Provincia de Pontevedra, requisando armas, convocando á unión, telefonando e impartindo ordes a todos os núcleos de resistencia, moi notabelmente ao de Ponteareas e Lavadores e ao de Tui.

Por todo isto Bóveda foi xulgado nun tribunal militar sen garantías, condenado a morte e fusilado. Trátase de obras que Bóveda esqueceu asinar. A FPG pon o nome de Alexandro Bóveda ao pé destas obras que outros preferirían deixar esquecidas, sobre todo aqueles pretendidos seguidores que pulan hoxe por divinizar (e mesmo ¡canonizar!) a súa figura real.

Tal como nos deixaron prescrito Castelao e a Irmandade Galega en 1942, o 17 de Agosto é un Día para lembrar o holocausto dos galegos demócratas e non só a morte de Bóveda.

Así, nós facémonos acordantes de que a seguir do 20 de Xullo de 1936 e tan axiña como os militares fascistas dominaron a situación, todos os membros destacados de esquerda das sociedades agrarias, das centrais sindicais UGT e CNT, dos partidos integrados na Fronte Popular así coma os mandos militares contrarios ao golpe, os alcaldes, edís, deputados e cargos frontepopulistas, foron asasinados no caso de estaren ao alcance do novo Poder. Milleiros de persoas foron sacrificadas. E isto por dous procedementos: ou ben sacados das prisións ou dos domicilios ao mencer e baleados irregularmente en operacións chamadas daquela de “paseo” ou de “claudias”; ou ben fusilados conforme a regulamento despois de xuízos militares fraudulentos.

Cada vez máis, felizmente, van aparecendo monografías, estudos e accións populares que botan luz sobre os asasinados a partir de 1936. Poñamos aquí algúns nomes, deixando sen mencionar –inxustamente- outros, milleiros deles: Johán Carballeira (PG), Adrio (PRS), Moratinos (FAI-CNT), Blanco Torres (IR), Apolinar Torres (PCE). Con eles, unha lexión de obreiros, labregos, artistas e intelectuais, profesionais liberais, homes e mulleres que hoxe lembramos no Día dos Mártires Galegos.

Como homenaxe aos Mártires Galegos de 1936 e seguintes, a FPG ofrece a listaxe dos paseadores e asasinos fascistas que aparece publicada n’ A Nosa Terra de Bos Aires, órgano da Irmandade Galega presidida por Castelao, de agosto de 1946.

ASASINOS
VÍCTOR LIS QUIBEN, médico de Pontevedra, deputado monárquico. Organizador dos “paseos” e das “rapadas” de cabelo a mulleres indefensas.
XAIME VAELLO, de Vilagarcía, sen profesión.
BERNARDO LÓPEZ DURÁN, de Pontevedra. Tirador de tiro de pichón.
GUILLERMO DE OYA, de Vigo. Señorito.
JOAQUÍN MORQUECHO, de Vilagarcía. Sen profesión.
DANIEL BUHIGAS, de Vilagarcía. Estafador coñecido en Bos Aires.
MANUEL SOLLA, de Santiago. Procurador.
FRANCISCO RODRÍGUEZ, (a) “o Rabioso”. Tenente da Garda Civil en Vigo.
FELIPE SÁNCHEZ, Capitán do Exército.
ANTONIO CARRERÓ, Capitán do Exército.
FERNANDO HYLASS, señorito de Vigo.
JOAQUÍN YAÑEZ, señorito de Vigo.
MANUEL SANJURJO, señorito de Vigo.
GUILLERMO GANELLA, médico do Exército.
ANTONIO MEDIERO, escolante de Vigo.
EMILIO ÁLVAREZ (a) “O Reisiño”, crego de Vigo.
PABLO MARTÍN ALONSO, Coronel do Exército.
JORGE MONDINA, borracho de Vigo.
GUSTAVO KRUKENBERG, consignatario de Vigo.
MANUEL PUGA, avogado da Coruña.
ENRIQUE R. CANTELO (a) “El Tejuelo”. Sen oficio.
FAUSTINO TEMES, músico de Pontevedra.
MANUEL BERNAL, Capitán da Garda Civil de Pontevedra.
PABLO BUGARÍN, Oficial habilitado do Xulgado de Tui.
MANUEL ESPAÑA, comerciante de Tomiño.
CALZADO, abade de Vilameán.
JOSÉ ARES, ex-policía de Bos Aires, de Silleda.
XULIO, abade de Moreira, Boborás.

Esta lista é notoriamente incompleta. Figuras como o xastre Casteleiro da Coruña, que vive hoxe, ou o Salgueiro de Verín, copropietario das augas de Cabreiroá, son ausencias notábeis na lista d’A NOSA TERRA de 1946. Outros asasinos poden ser recoñecidos no magnífico libro de poemas de X.M. Álvarez Cáccamo titulado, “Crónica do Espanto”, in Os Cadernos da Ira, Espiral Maior, Coruña, 1999.

A FPG colaboraría gostosa nos actos do Día dos Mártires Galegos en Pontevedra e máis nos programados co gallo do centenario do nacemento de Alexandro Bóveda. Desafortunadamente, non foi convocada.