Inicio » Internacional, Venezuela » Galiza con Cuba e Venezuela

Galiza con Cuba e Venezuela

Con motivo do XV Cumio Iberoamericano de Xefes de Estado e de Goberno, o sábado 15 de outubro unha numerosa Delegación Galega asistíu na cidade de Salamanca aos actos convocados en solidariedade cos procesos revolucionarios cubano e venezolano.

A Delegación percorreu xunto con outras delegacións de distintos países peninsulares –unhas 15.000 persoas segundo datos da organización– as rúas de Salamanca berrando alto e claro, máis unha vez, a nosa inquebrantábel adhesión á Cuba Revolucionaria, á Cuba Socialista, o noso entusiasta apoio ao proceso revolucionario en curso na República Bolivariana de Venezuela, que en poucos anos acadou inmensos logros en materia social, económica, educativa, sanitaria… contra o bloqueo criminal imposto unilateralmente polo imperialismo norteamericano ao pobo cubano, en defensa da Alternativa Bolivariana para a América (ALBA), pola extradición de Posada Carriles a Venezuela, contra a Política Común europea respecto a Cuba, en definitiva contra o imperialismo, pola paz, pola independencia, polo socialismo, por un outro mundo posíbel como, con dignidade e firmeza exemplar, demostra Cuba, como comeza a demostrar Venezuela.

Os principais partidos españois, PSOE e PP, así como os grupos mediáticos, intentaron por todos os medios primeiro frear e despois silenciar a solidariedade frente a todo o apoio institucional, financeiro e propagandístico dado aos mercenarios da gusanera: unha campaña de intoxicación e confusionismo as semanas previas, a denegación de todos os locais solicitados para a realización do acto político e musical (até un total de seis!), a retención na fronteira durante horas dos compañeiros e compañeiras de Portugal para evitar a súa chegada a tempo… Finalmente e ao aire libre desenvolveuse o festival ao remate da manifestación.

De madrugada, voltando para a nosa nación, transmitíusenos aos galegos e galegas un afectuoso saúdo do Comandante en Xefe Fidel Castro Ruz. Xa en Compostela, na Praza do Obradoiro, grande parte do continxente que acudimos a Salamanca dispuxémonos para recibir ao Presidente Hugo Chávez Frías. Tras varias horas agardando unha multitude de bandeiras, pancartas e cánticos acolleron a chegada do Comandante bolivariano á capital da nosa patria, quen saudou aos e ás alí congregadas saltándose varias veces o cordón de seguridade.

Desde a FPG, os e as comunistas galeg@s sabemos ben que Cuba e Venezuela representan non só a esperanza de América Latina senón da humanidade enteira ollando reflectida nesas dúas Revolucións a nosa propia loita de liberación nacional e social e que máis cedo que tarde Galiza xuntarase ao coro das nacións libres que con Cuba e Venezuela camiñan polos vieiros da liberdade, da xustiza e da dignidade.

18 de outubro de 2005