Inicio » Nacional, XXV Aniversario » 25 anos da FPG

25 anos da FPG

Este 10 de marzo cúmprense 25 anos da fundación formal da Frente Popular Galega como culminación da confluencia e unidade de todas as forzas da esquerda independentista galega existentes naquel intre.

Concebida nun primeiro momento como fronte de partidos na que se integran principalmente o Partido Comunista de Liberación Nacional, Galiza Ceive e os colectivos nacionalistas de Compostela, Vigo e Ferrol, mais adiante evoluiría cara un modelo organizativo e programático de partido comunista de praxe independentista.

Son 25 anos de loita sen tregua polo socialismo e a independencia nacional. 25 anos de loita feminista, ecoloxista e sindical. Dúas décadas e media portando con orgullo a bandeira do anticolonialismo, da democracia popular, do antipatriarcado, da solidariedade internacionalista, do antifascismo, da auto-organización e do anti-imperialismo.

Como partido basicamente ligado ás clases traballadoras de Galiza e do mundo, a FPG reafírmase nos seus principios claramente reflexados nos textos propios e nos textos da historia do comunismo desde Marx aos nosos días, pasando pola aplicación teórica e práctica do marxismo-leninismo aos movementos de liberación nacional entre os cales situamos o noso propio.

Tras estes primeiros 25 anos, seguiremos camiñando con firmeza e denodo cara unha Galiza independente nun mundo comunista, solidario e sen clases.

Viva a loita da clase obreira!

Viva Galiza independente e socialista!