Inicio » Nacional, Solidariedade » Contra a criminalización de ideas e proxectos emancipadores

Contra a criminalización de ideas e proxectos emancipadores

Desde a Frente Popular Galega queremos denunciar o intento de criminalización  desde os distintos aparellos do Estado imperialista español dos proxectos sociais e políticos emancipadores dos pobos e nacións sometidos política, e militarmente, por dito Estado. Así mesmo, denunciamos a manipulación das institucións xudiciais, empregando reiterativamente a súa Audiencia Nacional como tribunal político de excepción, continuando co labor do fascista Tribunal de Orde Pública.

Son momentos de convulsión política, económica e social; momentos nos que as protestas populares diante desta insoportábel ofensiva do capital van en aumento e nos que, as organizacións obreiras e populares galegas, debemos estar á altura que os tempos de loita demandan. Non se pode manter distancias nin complicidades coa persecución de ideas nin proxectos políticos emancipadores. Sabémolo ben, o imperialismo sempre busca unha escusa para amparar a persecución dos movementos políticos antagonistas, disidentes, emancipadores e das súas e dos seus activistas.

Desde a FPG denunciamos a vulneración absoluta por parte do Estado español dos dereitos máis fundamentais, mesmo incumprindo a súa propia lexislación ao respecto, a través da dispersión, incomunicación ou xeneralización das medidas excepcionais que pasan a se converteren en norma común. Así o pon de manifesto as diferentes condenas que ten recibido o Estado español por parte de organismos internacionais, nada sospeitosos de revolucionarios, mesmo por casos de tortura.

Desde a FPG denunciamos os intentos de criminalización e ilegalización de ideas, denunciamos a dispersión ilegal e o intento de distraer a atención política e mediática a través da montaxe da “pantasma terrorista”, pasando a un segundo plano as verdadeiras agresións, o auténtico terrorismo, que estamos a sufrir as traballadoras e traballadores e o conxunto das clases populares galegas por parte dos gobernos do Partido Popular.

Facemos, xa que logo, un chamamento a militantes, simpatizantes e ao conxunto do pobo traballador galego a participar na solidariedade activa cos catro activistas galegos que van ser xulgados pola Audiencia Nacional española o 24 e 25 de xuño, nunha situación de indefensión e de auténtica excepción imposta por ese mesmo Estado que nega o noso dereito democrático á libre determinación como galegas e galegos.

.

Polo peche inmediato do tribunal político “Audiencia Nacional”!

Polo fin da dispersión penitenciaria!

Pola liberdade para todas as presas e presos políticos galegos!

Galiza, 14 de xuño de 2013