Inicio » Nacional, Día da Patria 2013 » 25 de Xullo, Día da Patria: Construír Poder Popular

25 de Xullo, Día da Patria: Construír Poder Popular

Día da Patria

Un ano máis a Frente Popular Galega quere facer neste 25 de xullo un chamamento a todo o pobo galego para reivindicarmos de xeito claro e decidido a vontade de sermos nación libre e soberana participando dos actos soberanistas que van ter lugar por toda Galiza con motivo deste novo Día da Patria.

O noso día nacional, instaurado a principios do século pasado polas Irmandades da Fala, debe ser a xornada na que galegas e galegos manifestemos a nosa dignidade como pobo e as nosas arelas de liberdade e independencia. O Día da Patria que no futuro inmediato está chamado a ser dinamizado polo movemento popular e social, auténtico motor á vez que xermolo do novo Estado que máis cedo que tarde haberá de abrollar en Europa, a República Galega.

O 25 de xullo, é a data na que tamén as forzas políticas galegas facemos valoración do ano transcorrido, sendo este o ano no que o noso Partido cumpre o seu 25 aniversario ao servizo, única e exclusivamente, do pobo traballador galego como ferramenta política para a emancipación nacional e social.

Vintecinco anos nos que, en multitude de ocasións, tivemos que manter a bandeira da independencia e do socialismo en solitario con ataques feroces desde diferentes posicións, desde o españolismo máis belixerante até mesmo desde sectores nacionalistas bébedos de autonomismo e sectarismo.

Vintecinco anos nos que sempre figurou no noso ADN político o traballo a prol da unidade xenerosa e verdadeira, fronte aos ataques que esta vella nación e o seu pobo ten sufrido en demasiadas ocasións desde España e o capital. Nesta Terra e neste Tempo mantemos o compromiso da unidade do pobo traballador galego cara a nosa liberdade. Pois só desde a unidade e na acumulación de forzas na esquerda e na soberanía poderemos encarar a imprescindíbel quebra democrática co podre réxime español: só así estaremos en condicións de construír poder popular e conquistar a hexemonía política, que non só mude gobernos senón o sistema mesmo.

A Peste, ou a Crise, da que xa tanto se ten falado, está sendo aproveitada polo Capital para desposuír ás mulleres e homes traballadores das conquistas políticas e sociais que tanto custaron, a través de receitas terroríficas de destrución de calquera estrutura que garanta uns mínimos dereitos sociais.

As galegas e os galegos na nosa condición de Nación dobremente dependente de España e da U.E. sufrimos con máis dureza a crise, que desde o Estado español quere ser aproveitada para o reforzamento do seu proxecto colonialista a través de propostas de reforma en falso do actual marco xurídico-político, e negar unha vez máis ao Pobo Galego como suxeito de soberanía.

Os homes e mulleres da FPG organizados a nivel individual no proxecto da Anova-IN concibimos á Irmandade Nacionalista como un proxecto da esquerda e do nacionalismo plural, cheo de matices que o fan forte a través do compromiso firme coa defensa da soberanía e a autodeterminación camiño da independencia. Velaquí o seu éxito, o recoñecemento da pluralidade de tradicións e procedencias imprescindíbel para garantir e fortalecer a unidade. Este recoñecemento da diversidade de tradicións de esquerda e das diferentes experiencias nacionalistas debe ser respectado e potenciado como única forma de garantir que sexamos un proxecto político de novo cuño. Non se pode cometer o grave erro de repetir os vellos esquemas da imposición e da exclusión.

A organización política de novo tipo que todos e todas dicimos querer construír, debe estar baseado nunha organización asemblearia e democrática, sendo a adscrición individual e o dereito á diverxencia o máximo garante da nosa pluralidade.

A Anova-IN foi a semente que agromou nunha nova fronte ampla de esquerda, foi o impulso e o seu motor, e foi quen instalou a primeira pedra do edificio común que debe ser a Alternativa Galega de Esquerda. Edificio incompleto e sen rematar que debe estar aberto a novas incorporacións, pero que xa acolle a miles de galegos e galegas que ven nel unha nova ferramenta de referencialidade dos agredidos e agredidas polo sistema.

A Posición Soto, en referencia ao histórico intelectual comunista e independentista galego do pasado século, ou, se se quer, a vella estratexia da fronte popular que Dimitrov plantexou como a unidade de todas as forzas antifascistas, son os exemplos históricos dos que intentamos aprender para plantarlle cara ao fascismo do século XXI, que por suposto ten novo rostro pero que mantén a mesma estratexia de resolución violenta da loita de clases en favor do gran capital. Como rezaba aquela pintada nas rúas dun país que puidera ser o noso, “se non marchamos unidos, aforcarannos por separado”.

É tempo de xenerosidade e de unidade, pero sen renunciar a nada. Como din as compañeiras e compañeiros das CUP catalás, querémolo todo. A independencia e o socialismo. E venceremos!

Viva o Día da Patria Galega!

Viva Galiza Ceibe e Socialista!

Xullo de 2013