Inicio » Solidariedade » Perante a sentenza da Audiencia Nacional contra catro cidadáns galegos

Perante a sentenza da Audiencia Nacional contra catro cidadáns galegos

Dende a Frente Popular Galega queremos amosar o noso total rexeitamento á sentenza condenatoria da Audiencia Nacional que impón durísimas penas de 10 e 18 anos de prisión a catro cidadáns galegos.

Denunciamos, polo tanto, o ataque represivo que estas condenas supoñen contra as ideas e a militancia independentista, así como o carácter de excepcionalidade da Audiencia Nacional, un tribunal político que continúa o labor do fascista Tribunal de Orde Pública, sendo a razón da súa existencia a persecución de proxectos emancipadores e populares que se opoñen de fronte ao carácter imperialista e oligárquico do Estado español.

Denunciamos tamén a vulneración continuada dos dereitos máis fundamentais por parte deste Estado opresor, que amosa a súa verdadeira faciana reaccionaria e antidemocrática activando medidas de excepcionalidade, como a dispersión e a incomunicación, contra os presos e presas políticos, mentres o auténtico terrorismo continúa laminando os dereitos do conxunto da clase traballadora, en forma de privatización dos servizos públicos, desafiuzamento dos fogares ou abaratamento do despido.

Denunciamos, xa que logo, a hipocrisía intolerable dun Estado monicreque do capital que se axeonlla ante banca e outros ladróns, que alenta e educa no nacionalismo fascista español ao promover a intolerancia e o odio ao diferente, que non dubida en modificar as súas leis sempre que beneficie á cúpula dominante (caso Eurovegas) e que pretende dar leccións de democracia a quen se atreve a cuestionar a súa existencia.

Unha vez máis, facemos un chamamento a militantes, simpatizantes e ao conxunto do pobo traballador galego a participar da solidariedade activa cos catro independentistas xulgados pola excepción dun Estado que nega o dereito á libre determinación do noso pobo, e dos outros pobos que aínda forman parte desta farsa.

Polo peche inmediato da Audiencia Nacional!

Pola liberdade para todos os presos e presas políticos!

Pola independencia e o socialismo!