Inicio » Outras voces, Desde Cuba, Reflexións de Fidel » A OTAN, xendarme mundial

A OTAN, xendarme mundial

Moitas persoas senten náuseas ao escoitar o nome desa organización.

A sexta feira 19 de novembro de 2010 en Lisboa, Portugal, os 28 membros desa belicosa institución, xerada por Estados Unidos, decidiron crear o que con cinismo cualifican de “a nova OTAN”.

Esta xurdiu despois da Segunda Guerra Mundial como instrumento da Guerra Fría desencadeada polo imperialismo contra a Unión Soviética, o país que pagou con decenas de millóns de vidas e unha colosal destrución a vitoria sobre o nazismo.

Contra a URSS, Estados Unidos mobilizou, xunto a unha parte sa da poboación europea, á extrema dereita e toda a escoria nazifascista de Europa, chea de odio e disposta a tirar proveito dos erros cometidos polos propios dirixentes da URSS, despois da morte de Lenin.

O pobo soviético, con enormes sacrificios, foi capaz de manter a paridade nuclear e apoiar a loita de liberación nacional de numerosos pobos contra os esforzos dos Estados europeos por manter o sistema colonial imposto pola forza ao longo de séculos; Estados que se aliaron na posguerra ao imperio ianqui, quen asumiu o mando da contrarrevolución no mundo.

En apenas 10 días -menos de dúas semanas-, a opinión mundial recibiu tres grandes e inesquecíbeis leccións: G-20, APEC e OTAN, en Seúl, Yokohama e Lisboa, de modo que todas as persoas honestas que saiban ler e escribir, e cuxas mentes non fosen mutiladas polos reflexos condicionados do aparello mediático do imperialismo, poidan ter unha idea real dos problemas que afectan hoxe á humanidade.

En Lisboa non se pronunciou unha palabra capaz de transmitir esperanzas a miles de millóns de persoas que sofren pobreza, subdesenvolvemento, insuficiencia de alimentos, vivenda, saúde, educación e emprego.

Pola contra, o vaidoso personaxe que figura como xefe da mafia militar da OTAN, Anders Fogh Rasmussen declarou, en ton de fiurerciño nazi, que o “novo concepto estratéxico” era para “actuar en calquera lugar do mundo”. Non en balde o goberno de Turquía estivo a piques de vetar o seu nomeamento cando Fogh Rasmussen -un neoliberal danés- como Primeiro Ministro de Dinamarca, usando o pretexto da liberdade de prensa, defendeu en abril de 2009 aos autores de graves ofensas ao profeta Mahoma, unha figura respectada por todos os crentes musulmáns.

Non poucos no mundo lembran as estreitas relacións de cooperación entre o Goberno de Dinamarca e os “invasores” nazis durante a Segunda Guerra Mundial.

A OTAN, ave de rapina incubada nas saias do imperio ianqui, dotada mesmo de armas nucleares tácticas que poden ser até varias veces máis destrutivas que a que fixo desaparecer a cidade de Hiroshima, está comprometida por Estados Unidos na guerra xenocida de Afganistán, máis complexa aínda que a aventura de Kosova e a guerra contra Serbia, onde masacraron a cidade de Belgrado e estiveron a piques de sufrir un desastre se o goberno daquel país se mantivera firme, no canto de confiar nas institucións de xustiza europea na Haia.

A ingloriosa declaración de Lisboa, nun dos seus puntos afirma de forma vaga e abstracta:

“Apoio á estabilidade rexional, os valores democráticos, a seguridade e a integración no espazo euroatlántico nos Balcáns.”

“A misión en Kosova oriéntase a unha presenza menor e máis flexíbel.”

Agora?

Tampouco Rusia poderá esquecer tan facilmente: o feito real é que cando Yeltsin desintegrou a URSS, Estados Unidos avanzou as fronteiras da OTAN e as súas bases de ataque nuclear ao corazón de Rusia desde Europa e Asia.

Esas novas instalacións militares ameazaban tamén á República Popular Chinesa e a outros países asiáticos.

Cando aquilo ocorreu en 1991, centos de SS-19, SS-20 e outras poderosas armas soviéticas podían alcanzar en cuestión de minutos as bases militares de Estados Unidos e a OTAN en Europa. Ningún Secretario Xeral da OTAN se atrevería a falar coa arrogancia de Rasmussen.

O primeiro acordo sobre limitación de armas nucleares foi subscrito tan cedo como na data do 26 de maio de 1972, entre o presidente de Estados Unidos Richard Nixon e o Secretario Xeral do Partido Comunista da Unión Soviética Leonid Brezhnev, co obxectivo de limitar o número de mísiles antibalísticos (Tratado ABM) e defender certos puntos contra mísiles con carga nuclear.

Brezhnev e Carter asinaron en Viena novos acordos coñecidos como SALT II en 1979, mais o Senado de Estados Unidos negouse a ratificar os devanditos acordos.

O novo rearmamento promovido por Reagan, coa Iniciativa de Defensa Estratéxica, puxo fin aos acordos SALT.

O gasoduto de Siberia fora voado xa pola CIA.

Un novo acordo, en cambio, foi subscrito en 1991 entre Bush pai e Gorbachov, cinco meses antes do colapso da URSS. Ao producirse tal acontecemento, o campo socialista xa non existía. Os países que o Exército Vermello liberara da ocupación nazi non foron capaces sequera de manter a independencia. Gobernos dereitistas que accederon ao poder pasáronse con armas e bagaxes á OTAN, e caeron en mans de Estados Unidos. O da RDA, que baixo a dirección de Erich Honecker realizara un grande esforzo, non puido vencer a ofensiva ideolóxica e consumista lanzada desde a mesma capital ocupada polas tropas occidentais.

Como dono virtual do mundo, Estados Unidos incrementou a súa política aventureira e belicista.

Debido a un proceso ben manipulado, a URSS desintegrouse. O golpe de graza asestouno Boris Yeltsin o 8 de decembro de 1991 cando, na súa condición de presidente da Federación Rusa, declarou que a Unión Soviética deixaba de existir. O día 25 dese mesmo mes e ano, a bandeira vermella da fouce e o martelo foi arriada do Kremlin.

Un terceiro acordo sobre armas estratéxicas foi asinado entón entre George H. W. Bush e Boris Yeltsin, o 3 de xaneiro de 1993, que prohibía o uso dos Mísiles Balísticos Intercontinentais (ICBM polas súas siglas en inglés) de cabezas múltiples. Foi ratificado polo Senado de Estados Unidos o 26 de xaneiro de 1993, cunha marxe de votos de 87 a 4.

Rusia herdaba a ciencia e a tecnoloxía da URSS -que a pesar da guerra e os enormes sacrificios foi capaz de equiparar o seu poder co inmenso e rico imperio ianqui-, a vitoria contra o fascismo, as tradicións, a cultura, e as glorias do pobo ruso.

A guerra de Serbia, un pobo eslavo, cravou duramente o dente na seguridade do pobo ruso, algo que non podía darse o luxo de ignorar ningún goberno.

A Duma rusa -indignada pola primeira guerra de Iraq e a de Kosova na que a OTAN masacrou ao pobo serbio-, negouse a ratificar o START II e non asinou devandito acordo até o ano 2000, e nese caso, para tratar de salvar a tratado ABM que aos ianquis para esa data non lles interesaba manter.

Estados Unidos trata de utilizar os seus enormes recursos mediáticos para manter, enganar e confundir á opinión pública mundial.

O Goberno dese país atravesa unha etapa difícil como consecuencia das súas aventuras bélicas. Na guerra de Afganistán están comprometidos os países da OTAN sen excepción algunha, e varios outros do mundo, a cuxos pobos resulta odiosa e repugnante a carnicería onde están envolvidos en maior ou menor grao países ricos e industrializados como Xapón e Australia, e outros do Terceiro Mundo.

Cal é a esencia do acordo aprobado en abril deste ano por Estados Unidos e Rusia? Ambas as partes comprométense a reducir o número de oxivas nucleares estratéxicas a 1.550. Das oxivas nucleares de Francia, Reino Unido e Israel, todas capaces de golpear a Rusia, non se di unha palabra. Das armas nucleares tácticas, algunhas delas con moito máis poder que a que fixo desaparecer a cidade de Hiroshima, tampouco. Non se menciona a capacidade destrutiva e letal de numerosas armas convencionais, as radioeléctricas e outros sistemas de armamentos aos cales Estados Unidos dedica o seu crecente orzamento militar, superior aos de todas as demais nacións do mundo xuntas. Ambos os gobernos coñecen, e talvez outros moitos dos que alí se reuniron, que unha terceira guerra mundial sería a última. Que tipo de ilusións se poden facer os membros da OTAN? Cal é a tranquilidade que desa reunión se deriva para a humanidade? Que beneficio para os países do Terceiro Mundo, e mesmo para a economía internacional, é posíbel esperar?

Non poden sequera ofrecer a esperanza de que a crise económica mundial sexa superada, nin canto duraría esa melloría. A débeda pública total de Estados Unidos, non só a do goberno central, senón do resto das institucións públicas e privadas dese país, elévase xa a unha cifra que iguala o PIB mundial do 2009, que ascendía a 58 millóns de millóns de dólares. Preguntáronse seica os reunidos en Lisboa de onde saíron eses fabulosos recursos? Sinxelamente, da economía de todos os demais pobos do mundo, aos que Estados Unidos entregou papeis convertidos en divisas que ao longo de 40 anos, unilateralmente, deixaron de ter amparo en ouro e agora o valor dese metal é 40 veces superior. Ese país aínda dispón de poder de veto no Fondo Monetario Internacional e o Banco Mundial. Por que non se discutiu iso en Portugal?

A esperanza de retirar de Afganistán as tropas de Estados Unidos, da OTAN e os seus aliados, é idílica. Terán que abandonar ese país antes de que derrotados entreguen o poder á resistencia afgá. Os propios aliados de Estados Unidos comezan a recoñecer xa que poderían transcorrer decenas de anos antes de finalizar esa guerra, estará disposta a OTAN a permanecer alí ese tempo? Permitirano os propios cidadáns de cada un dos gobernos alí reunidos? Non esquecer que un país de grande poboación, Paquistán, comparte unha fronteira de orixe colonial con Afganistán e unha porcentaxe non desdeñábel dos seus habitantes.

Non critico a Medvedev, fai moi ben en tratar de limitar o número de oxivas nucleares que apuntan contra o seu país. Barack Obama non pode inventar xustificación algunha. Sería risíbel imaxinar que ese colosal e custoso despregamento do escudo nuclear antimísil é para protexer a Europa e a Rusia dos foguetes iranianos, procedentes dun país que non posúe sequera un artefacto nuclear táctico. Iso nin nun libriño de historietas para nenos se pode afirmar.

Obama admitiu xa que a súa promesa de retirar os soldados norteamericanos de Afganistán podería dilatarse, e os impostos aos contribuíntes máis ricos suspenderse no inmediato. Despois do Premio Nobel habería que concederlle o premio ao “maior encantador de serpes” que nunca existiu.

Tomando en conta a autobiografía de W. Bush, convertida xa en “Best Sellers”, que algún redactor intelixente elaborou para el, por que non lle fixeron a honra de convidalo a Lisboa? Con seguridade que a extrema dereita, o “Tea Party” de Europa, estaría feliz.

Fidel Castro Ruz

21 de novembro de 2010

8 e 36 p.m.

Etiquetas: ,