Inicio » Formación, Arquivo histórico » Posición Luís Soto

Posición Luís Soto

1325330302_850215_0000000000_sumario_normal

Soto (chaqueta e camisa branca) o 25 de xullo do 79. Á súa dereita, con lentes, Enrique Líster. / Fondo Luís García Crego

INTRODUCCIÓN

Atopámonos nun intre de bancarrota subxectiva dos principios comunistas e de perigo real de que a esquerda nacionalista galega, derrotada polo fascinio da reacción tinxida de independentismo no Leste, camiñe por vereas acríticas de patriotismo simples.

Imponse a definición dunha política de esquerda nacionalista adaptada ás actuais circunstancias internacionais, españolas e nacionais, que sexa válida para o período que mediará entre o tempo presente e o presumíbel novo alborexar de condicións revolucionarias resurxentes.

O panorama planetario é definido por unha caída do escudo soviético favorecedor até agora dos movementos nacional-populares do Terceiro Mundo e das súas loitas de liberación e por un mundo unipolarmente dirixido polo imperialismo norteamericano e outros eventualmente ascendentes. Semella como se o capitalismo monopolista de Estado das grandes potencias se fixese dono absoluto de todo, e o que Lenin definira de xeito insuperábel como imperialismo pasase a ter as mans ceibes para dominar os recursos da terra, ao tempo que se esvae a realidade do socialismo real alí onde estaba o seu centro, aínda que resista na súa periferia (Cuba, Viet Nam, Corea,…).

Entrementres, a España deseñada polos pactos da Reforma entre os intereses norteamericanos, a Internacional Socialista, o eurocomunismo, a igrexa católica, o exército, o grande capital e os burócratas fascistas evoluídos, semella robustecida a penas contestada polo Movemento de Liberación Nacional Vasco. É unha realidade férrea a España capitalista, cuxa escasa configuración democrática se amosa na figura monárquica imposta por Franco e non reclamada por sufraxio universal; na imposición constitucional da confesionalidade católica e da economía capitalista; na negación do dereito de autodeterminación e á independencia da nación galega e outras. O Estado das Autonomías non supón para nós un marco de autogoberno mínimo desexábel e equipáranos con territorios rexionais como Murcia ou Madrid.

Do anterior despréndese unha Galicia na que sobreviven as provincias e os seus órganos, na que non se recoñece a parroquia e a bisbarra na que non se poden, como dí un xurista galego, lexislar senón unicamente elaborar regulamentos das leis españolas maquillados co nome de “leis autonómicas”. Unha Galicia na que non podemos nacionalizar empresas, nin executar unha reforma agraria ou pesqueira, nin promulgar plans de ensino propios, nin adoptar unha lei electoral diferente. Isto é: un parlamento e un goberno de opereta que na realidade, só valen para entreter, frustrar e robustecer economicamente aos partidos galegos. Porque, ademais, os galegos votan moi escasamente, a abstención nacional é un feito fluctuante pero real e os partidos nacionalistas, no seu conxunto, non medran e non ocupan os organismos administrativos, como ocorre noutros espacios de resistencia nacional do territorio español.

Ausentes os partidos nacionalistas dos centros de poder local e do parlamento español, desde a morte de Franco os que substitúen non teñen vontade política nacional e non adoptan medidas enerxéticas e vigorosas para frear a destrucción da lingua e da cultura galega que, a pesar da autonomía, atópanse en recúo constante e evidente no descenso acelerado da transmisión xeracional do idioma entre pais e fillos. Por outra banda, o descenso da natalidade e o envellecemento da poboación asegura a destrucción a prazo fixo da lingua e do universo moral e simbólico que ela vehícula. Por se fose pouco, a crise pesqueira, a crise do sector naval e a súa reconversión, diminuíron o número de traballadores ao mesmo tempo que se ameaza cunha “sistematización” da aldea galega que reducirá o número dos labregos con terra, mentres que os proletarios rurais serán seguramente expulsos das terras que traballan.

Atopámonos nesta fin de século, perante a ameaza dunha Galicia máis vella, coa lingua refuxiada nas idades avanzadas, con menos obreiros, labregos e mariñeiros ca nunca. Trátase, pois, dunha conxuntura que debe ser tratada politicamente con métodos excepcionais, intensos e resolutivos. Trátase da nosa supervivencia como nación e cara ao futuro.

UNHA POLÍTICA DE ESQUERDA

Trabállase sobre a hipótese de que a política que se necesita só pode ser de esquerda, pois só existe en Galicia un nacionalismo popular, que é historicamente de esquerdas e que, xeneticamente procede dos vellos PSG e UPG. Tamén damos por suposto que calquera acción decisiva é imposíbel sen que leve incorporada, como garantía de firmeza unha organización comunista autónoma. Os comunistas formais do BNG atópanse en devalo e seducidos polos nacionalismos anticomunistas do Leste, así como polo liquidacionismo desa perestroika da que xa coñecemos o obxectivo final. No PSG-EG, o comunismo parece reducirse á particularidade de militantes isolados. Todo indica que estas formacións se debaten na ambigüidade típica das posicións contradictorias das camadas medias en situación histórica desnortada. ¿Como explicar de outro modo a súa indefinición nacional? Ambas non se declaran nin estratexicamente pola independencia de Galicia, ambas apostan por algo tan vago como a “soberanía nacional”, ambas non se definen verbo da República. Entrementres, a APU, ao tempo que se declara independentista, deixa insinuado no seu discurso un reintegracionismo político con Portugal.

Se a política que se precisa ha de ser de esquerda e dentro dela debe artellarse unha liña comunista, é obvio que, ademais de grupos desartellados ou independentes, só existe un núcleo de referencia comunista e independentista: o PCLN e a súa organización FPG. Seguindo nesta liña, é certo que se fai posíbel robustecer a organización comunista de práctica independentista deste modo: consolidando os núcleos dispersos e activos, cultural, academicamente, ligándoos organicamente aos seus próximos PCLN e FPG, na perspectiva de reelaboración, a medio prazo, dun programa comunista e de definición dunha fórmula organizativa eficaz e operativa que abra camiños para a solución socialista e de independencia que Galicia necesita, tendo en conta a historia do movemento mundial polo socialismo, e que deberá ser obxecto de estudio e análise pormenorizados.

Esta esquerda deberá escoller os seus albos políticos principais que son: a) No ámbito estatal, o capitalismo monopolista e imperialista, que hoxe ten ó PSOE como testaferro, como mañá pode interesarlle outra alternativa máis á dereita, e que conta coa igrexa e o exército como primeiros valedores; b) No ámbito galego, o inimigo principal non é outro cá dereita española, hoxe representada por Fraga Iribarne e o PP, que fan da Xunta correa dos intereses metropolitanos, sen establecer en momento ningún contradiccións de peso co goberno central, pregándose sempre, máis ben, ós “intereses supremos da patria española”. Neste ámbito, débese considerar ó PSOE como obxectivo secundario, a enfrontar unha vez desprazado o PP da hexemonía social e política do País. Convén considerar ós dous como inimigos, pero sen caer na tentación simplificadora de consideralos iguais.

CREACIÓN DUNHA FRONTE

En consecuencia, imponse a creación dunha Fronte para vencer politicamente a burguesía e o imperialismo español, e para desprazar dos centros de poder local os seus partidos PP e PSOE, por esta orde, e aplicando as leis maoistas da contradicción.

Pero, ¿que Fronte é a que os comunistas consideramos necesaria?

Propoñemos este modelo: un organismo que sexa federación de partidos e algo máis. Nel incluiranse de modo nato o PCLN/FPG, o BNG, o PSG-EG e a APU. Xunto a estas formacións políticas, estableceríase o modo orgánico de participación de todos os comunistas e patriotas de esquerda activos pero desorganizados partidariamente. Moi especialmente, na Fronte terían un peso fundamental a CXTG e a INTG (ou a confederación CIG), así como organizacións de propietarios rurais como Comisións Labregas e movementos culturais, sociais, estudantís, veciñais. Unha vez pactada a base de actuación común, os compoñentes da Fronte terán liberdade de manifestación e de discurso: en política cultural, internacional, en propaganda e difusión de principios, incluíndose o dereito a aceptar a loita armada e ilegal e o dereito a condenala.

A base de actuaciçon da federación de partidos e outros organismos será un Programa Común pactado polos partidos da esquerda nacionalista antes citados e mais pola CIG (ou pola CXTG e a INTG, segundo o momento), en pé de igualdade. Isto sería a nódoa fundamental que definiría os límites do Programa Común que, nunha segunda fase, se abriría á totalidade das forzas sociais para a súa discusión.

Neste intre do proceso incorporaríanse ao proxecto, en pé de igualdade, os partidos de esquerda de dirección española que asuman o Programa Común. Referímonos a PCPG, EU, Inzar, PCE(R),…

UN PROGRAMA COMÚN

Este Programa Común establecería obxectivos finais, medios e próximos nos terreos da economía (industrial, agraria, financeira), do urbanismo, da cultura, baseándose en dous eixos comúns a toda esquerda: a vindicación da democracia radical (fronte as formas de democracia bastardeadas pola burguesía) e do socialismo. En canto ao primeiro, os comunistas tratarían de inculcar na Fronte a liña política republicana (liquidando a indefinición ao respecto -errónea- do nacionalismo, herdeira do vello accidentalismo galeguista); respecto da cuestión do socialismo, tensionaríanse ao máximo a reivindicación da economía planificada e da socialización dos medios de producción e servicios.

No que respecta ao destino último da autodeterminación, forzosamente convivirán na Fronte os independestistas cos federalistas, soberanistas ou con aqueles que pensan nunha solución nacional no marco das actuais comunidades europeas. Os comunistas faremos no seo da Fronte propaganda independentista, e tamén, cara á sociedade, presentaremos esta alternativa como necesaria para Galicia, sen perder de vista a perspectiva galegoportuguesa.

Ao tempo que se reclama a independencia nacional, faise, nesta hora, preciso, un estudio e unha definición clara sobre a oportunidade da reconstrucción -amistosa e entre iguais- da unidade con Portugal perdida con Afonso Henriques. ¿Confederación galegoportuguesa como horizonte? Estaría por ver. En todo caso, e xusto no cerne desta política de reconstrucción da Galicia perdida, convén que polos comunistas se faga todo o posíbel por neutralizar as contradiccións ortográfico-lingüísticas introducidas no seo do movemento nacionalpopular galego pola corrente reintegracionista. Os comunistas debemos defender, para defender a nosa lingua neste intre, a ortografia oficial do galego.

A LIÑA DE ACTUACIÓN DA FRONTE

Considerando a derrota do socialismo real no Leste de Europa, o estañamento do nacionalismo popular galego nos planos electoral e cultural, faise preciso a ocupación de espacios de poder común da esquerda nacionalista.

Así, e por tratarse dunha vía xeralmente aceptada, proponse a participación, para obter resultados positivos, nas eleccións europeas, españolas, autonómicas e municipais. Eiquí cómpre reparar en que esta Fronte unitaria realizaría tal operación, por primeira vez na historia, respaldada abertamente por todo o sindicalismo nacionalista (CIG), posiblemente ampliado a CC.OO. ou á súa escisión hipotética non-PSOE, así como pola organización agraria e cultural e todo o nacionalismo de esquerda activo nesta hora. As consecuencias -económicas, propagandísticas, moralizadoras- dun éxito neste terreo son incalculabeis, e témolas ao acado da man.

Pero a participación nos comicios electorais non deberá excluír a crítica do sistema legal imperante (Constitución española, Lei electoral, papel determinante das finanzas nos procesos electorais, parcialidade dos medios de comunicación,…); e nunca o horizonte electoral deberá equivocar a acción política da defensa dos intereses obreiros e populares.

Proponse a impregnación conxunta, por parte de toda a Fronte, das asociacións culturais, de barrio, deportivas, musicais e folclóricas, colexios profesionais e, en suma, da sociabilidade do país.

E de aceptarse que é a dereita representada polo PP o obxectivo principal a destruír, non deberán desbotarse alianzas tácticas co PSOE en situacións postelectorais.

A POSICIÓN COMUNISTA

O PCG -desprezadas estas siglas por quen de forma equívoca as ostentaban, é hora de que sexan reclamadas para o seu uso polos verdadeiros comunistas- considera a Fronte como algo substantivo á vida orgánica da cal contribuirá o PCG con lealdade total. Con lealdade debemos revelar que a Fronte é, tamén, un terreo para sementar a facer medrar o comunismo destes nosos tempos. Así e todo, o PCG fará simultaneamente a súa propia propaganda de masas. Cara a dentro e cara a fóra da Fronte, o PCG adoptará unha política constante que, provisionalmente chamamos, en homenaxe, Posición Soto, e que consistirá en:

    • Permanente robustecemento da unidade nacional-popular tal e como se concreta na Fronte que propomos.

    • Reivindicación dos programas obreiros (incluídos o dos labregos sen terra) e dos traballadores en xeral.

    • Loita contra a marxinación, a droga, a prostitución. Combate frontal ao tráfico de drogas e de sexo e á aniquilación da mocidade das camadas populares.

    • Defensa intransixente da lingua, ao tempo que se defende a cultura nacional, evitando o tratar a primera como un código desencarnado da sociedade. Supresión da contradicción ideolóxica entre ortografías.

    • Defensa das formas culturais tradicionais e combate contra subculturas alleas. Estudio da Historia desde a perspectiva do noso tempo. Oposición ao ensino (español) vixente.

    • Denuncia constante da colonización de Galicia (Larsa, Banca, transportes, construcción naval, enerxía) mediante a absorción de empresas autóctonas.

    • Política de criación -xa-, dun sector nacionalizado da economía galega. Nacionalizacións, municipalizacións.

    • Criación da cadea de prensa pública monolingüe.

    • Xustiza popular: revisión dos crimes do franquuismo. Liberación dos presos revolucionarios do Estado español, moi especialmente dos presos galegos.

    • Ruptura democrática: negación do rexime vixente no Estado español como continuísta do franquismo, insuficientemente democrático e negador dos dereitos das nacións asoballadas á súa independencia. Abolición da Lei Electoral imposta.

    • Reivindicación da República Galega, como quería Manoel Antonio.

    • Contra o minimalismo timorato do nacionalismo galego ao longo da súa historia (célula de universalidade do PG, soberanía nacional do BNG, europeísmo de Piñeiro e PSG-EG): definición clara da aspiración a que Galicia se constitúa en Estado independente.

    • Elaboración dunha política específica para os territorios Navia-Eo, O Bierzo e Entre-as-dúas-Portelas.

    • Antiimperialismo. Crítica do aplauso acrítico aos movementos nacionalistas, moitos deles anticomunistas. Apoio aos nacionalismos de África, Asia e América Latina que debilitan o imperialismo. Solidariedade con Euskadi e con Irlanda: relacións internacionais privilexiadas co Sinn Féin e con HB como referencias fundamentais da esquerda europea. Solidariedade e relacións con Corea, Viet Nam, Cuba e os países que permanezan no socialismo real.

    • Denuncia do marco da unidade europea como globalmente negativo, ao tempo que se utilice para o noso beneficio con criterios tácticos alí onde sexa posíbel.

    • Non aceptación da nova orde internacional unipolar pactada entre o USA e a ex-URSS.

Todas aquelas liñas políticas da Posición Soto que, propostas na Fronte, non sexan aceites, será convertidas en reivindicación propia do PCG.

Desde agora, criación dun periódico mensual independentista e comunista, na tradición de Espiral e do vello Terra e Tempo.

VIVA GALICIA CEIBE E SOCIALISTA!

Galicia, xaneiro do 1992

Anxo A. Amado Rico, Darío Xohán Cabana Yáñez, Marina Luz Fandiño Rodríguez, Moncha Fuentes Arias, Xosé Manuel García Crego, Carmen Graña Penedo, Alfonso Iglesias Famar, Xosé Telmo Lodeiro, Rosa López Fernández, Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel Outeiriño, Xosé Lois Romero Falque, Xosé Manuel Salgado, Francisco Sampedro Ojeda, Francisco Sebio Peña.