Inicio » Internacional, Països Catalans » A Frente Popular Galega coa independencia de Cataluña

A Frente Popular Galega coa independencia de Cataluña

A loita do pobo catalán pola súa liberación nacional é un movemento con fondas raiceiras históricas que principia a súa andaina moderna no século XIX, co federalismo republicano de Pi i Margall, para asumir progresivamente diferentes carautas: desde o rexionalismo de Cambó, ata o independentismo declarado de Maciá, Companys e Tarradellas durante a II República española, até incluír na súa causa mesmo dirixentes obreiros anarquistas, como Salvador Seguí.

O movemento de liberación nacional catalán non é, por tanto, unha teima particular das clases potentadas, unha ocorrencia táctica do mesías Mas co fin de desviar a atención das súas políticas antiobreiras, é, máis ben, un fenómeno amplo e transversal que ha ter como protagonista á clase traballadora para levar á ruptura co réxime borbónico e co sistema de explotación capitalista, defendendo a independencia nacional no seo dunha sociedade igualmente libre.

 

Sabemos que a historia do imperialismo español é unha historia de violencia e espolio, como a de calquera imposición pola forza, pero, ademais, hoxe por hoxe constatamos que tamén se trata dunha sucesión de fracasos: nin tan sequera durante os tres anos de xenocidio da Guerra Civil deron tronzado a vontade dos pobos galego, vasco e catalán por acadar a súa independencia. Por iso, porque estamos cos procesos de liberación dos pobos do mesmo xeito que traballamos pola ruptura con este sistema económico escravista:  a Frente Popular Galega quere amosar o seu apoio ao proceso independentista catalán en curso. Visamos nel unha esperanza, unha oportunidade espléndida para a clase obreira catalá de atinxir unha sociedade sen clases que afronte a construción do socialismo, verdadeiro e último horizonte político das traballadoras e traballadores, do mesmo xeito que Mao procurou este fin ao derrotar o inimigo común xaponés, do mesmo xeito que Marx apoiou a independencia de Irlanda, do mesmo xeito que Lenin apoiou a causa polaca.

Por iso hoxe os galegos berramos: Estamos fart@s de ser unha colonia!

Visca Catalunya lliure i socialista!!
Viva Galiza ceibe e socialista!!