Inicio » Lingua Nacional » Día das Letras Galegas 2006: Na memoria de Lugrís

Día das Letras Galegas 2006: Na memoria de Lugrís

Celebran as Letras Galegas a figura de Lugrís Freire. Non se conmemora só un escritor, nin un filólogo, nin un home de teatro. Aínda sendo todo iso, Lugrís foi un activista do nacionalismo verdadeiro. Laicista, masón, republicano, Lugrís era sobre todo un traballador a prol da nosa emancipación nacional. Por iso, e polo seu pulo e convicción monolingüística, rendémoslle homenaxe en tempos tristes nos que aínda non foi abolida a política de bilingüismo harmónico na cal esta Xunta de Galicia continúa, a pesares do cambio de goberno.

Convén lembrar que foi sempre unha reivindicación nacionalista o traspaso da Dirección Xeral de Política Lingüística desde a Consellería de Educación á Presidencia. Con isto pretendiamos que se levase a cabo unha política transversal, focada a todas as actividades sociais e politicamente discriminativa en favor do galego e que invertise o proceso da falsa coexistencia pacífica entre galego e castelán en dirección ao monolingüismo galego. Tratábase, e trátase, de frear o desuso do galego e de recuperar o idioma noso como o normal do País.

Creouse, efectivamente, unha chamada, agora, Secretaría Xeral de Política Lingüística dependente da Presidencia, mais nin o concepto falaz debilingüismo harmónico nin a inoperancia en favor do noso idioma propia do PP foron modificados no goberno PSOE-BNG. Desta perpetuación son culpabeis ambas as partes e non parece correcto responsabilizar só a unha persoa, como fai un BNG que, nalgunhas das áreas que asume gubernamentalmente, tamén non dá pasos avante. Ou sexa, e poñendo un exemplo, as Denominacións de Orixe “Ternera Gallega” e “Orujo de Galicia” manteñen os seus nomes coma un insulto ó galego en áreas que dependen do BNG. Tamén ninguén é culpábel da pésima lección de galego oral que nos dan algúns políticos do Bloque (como outrosí algúns da FPG e de outras forzas): lonxe de ser un modelo de galego oral o dos políticos que se reclaman do nacionalismo, podemos dicir que igualan en incorrección, desleixo e castelanización ao galego oral dos políticos do PSOE.

Insistimos na política lingüística do BNG -e ben o temos que lamentar- porque este partido aparece publicamente como “a parte máis galeguista do goberno autonómico”. Pro convén sinalar que o desdén pola lingua falada que amosan os seus políticos é expresión de algo que unha boa parte do BNG sente: que o galego non existe como idioma diferente no mundo e consiste a penas nunha ponla do portugués. Isto compróbase na substitución na lingua oral da conxunción galega copulativa e pola pronuncia á portuguesa i (e tamén á española.) Faise evidente na oposición pública dunha manchea de “nacionalistas” a que o galego sexa lingua oficial na Unión Europea porque xa o é… o portugués! Ou ben no escándalo montado contra a presenza de acepcións despectivas da verba galego en dicionarios hispanoamericanos cando os piores insultos á nosa lingua e á nosa condición nacional áchanse nos dicionarios portugueses (Breve Dicionário enciclopédico Dom Quixote da Língua Portuguesa. Ed. 2000. “Galego, adj. Da Galiza. Grosseiro, incivil. S.m. Moço de fretes”.) Eis algunhas probas de como certa política galeguista participa do auto-odio e do complexo de inferioridade.

A actual Xunta está defraudando as expectativas en materia de política lingüística. O uso do galego segue a retroceder e unha parte da nosa sociedade sente noxo da súa condición nacional e non se gaba da propia lingua, incluindo neste grupo o reintegracionismo lusista e sectores deradicalismo pequeno-burgués de fachada socialista (Álvaro Cunhal). Cómpre pór en práctica unha política lingüística que arrombe para sempre a teoría do bilingüismo harmónico demostrando no plano teórico e con axuda dos argumentos que nos fornece a sociolingüística que tal situación conduce á desaparición do galego.

Logo é preciso porse a traballar para invertir a situación, comezando por dotar os galegos e as galegas de sentido da súa historia e de coñecementos que lles devolvan a autoestima. É para nós unha vergoña ollar como o PNV foi capaz de resucitar unha lingua moribunda e minoritaria no propio país (o éuscaro) e de asegurar a súa continuidade futura mentres nós nin sequera somos capaces, desde o micropoder autonómico de pór en execución medidas minimamente efectivas de salvación.

Debemos esixir unha escola e un ensino medio monolingüe e o exercicio dunha real inmersión lingüística, no que se inclúa a incorporación dos inmigrantes que veñen compartir a vida connosco. Débese pór en aplicación unha permanente educación en galego para adultos na que se inclúa historia, xeografía e coñecemento do noso País entendido como nación de seu con idioma de seu. Os concellos deben ter órganos de comunicación de masas (radio, televisión, xornais escritos, páxinas electrónicas) en galego que contrarresten os grandes medios de comunicación estranxeirizantes. Débese robustecer a TVG e conseguir unha segunda cadea, naturalmente monolingüe. A Xunta, os concellos e as deputacións, en tanto existan, deben converterse sen tardanza en organismos de regaleguización e de instrución pública sobre os caracteres da nosa identidade nacional que veñan fortalecer a conciencia das masas. Neste sentido, a criación dun grande xornal de titularidade pública e dunha editora nacional é un obxectivo viable no actual estado de cousas, como o foi no seu día unha televisión e unha radio públicas: só cómpre vontade política e patriotismo real.

Todas as administracións deben impór o galego como única lingua de relación, non só cos administrados senón coas empresas privadas coas que se relacionan, incluíndo nestas medidas que o monolingüismo castelán hoxe vixente en todos os instrumentos notariais se transforme nun monolingüismo galego

É necesario prestixiar ao máximo a cultura de expresión galega respaldando a Academia Galega, liberándoa da miseria económica na que desenvolve os seus traballos; recuperar o Seminario de Estudos Galegos; crear grandes premios para as nosas autoras e os nosos autores literarios monolingües e os nosos científicos e científicas e así borrar a vergoña de que os Cervantes e os Príncipe de Asturias lle fagan crer ao pobo que a súa cultura é inferior e subalterna e fundar xa o Instituto Rosalía de Castro para facer visible no mundo a nosa lingua e a nosa entidade nacional. E outras moitas medidas que a FPG estaría disposta a apoiar con todas as súas forzas e sen contrapartidas de ningún tipo, como abrir un plan de colaboración con aquelas organizacións e colectivos que traballan pola normalización do galego.

Co pensamento posto en Lugrís Freire e nos grandes principios que moveron a aquel home exemplar e de partido, personámonos no Día das Letras Galegas para reclamar a República Galega, o socialismo e a inmediata posta en práctica dunha política de salvación do idioma.

En Galicia, a 17 de Maio de 2006
A Dirección Nacional da FPG