Inicio » Feminismo, Movementos sociais » 8 de marzo: o dereito a sermos persoas

8 de marzo: o dereito a sermos persoas

unnamed

O presente 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, está atravesado por unha cuestión primordial: o Anteproxecto de Lei contra o dereito ao aborto, ese Anteproxecto presentado por un goberno do Partido Popular que acredita na incapacidade das mulleres para decidir sobre si mesmas, na incapacidade das mulleres para sermos autónomas e na imposición, polo tanto, ás mulleres da obriga de sermos dependentes.

As mulleres, para o Partido Popular, non somos cidadás, carecemos de maioridade, non somos persoas de pleno dereito. Non se trata xa de sermos persoas con menos dereitos cós homes: trátase de non termos dereito a ser persoas. As mulleres -tamén para as mulleres do Partido Popular, burguesas que non morrerán na práctica dun aborto clandestino- temos prohibido sequera soñar con sermos libres.

Sabiamos de que está feito o chan que pisamos, pero esta é unha desas ocasións en que o fungo agroma. Vemos emerxer o verdadeiro substrato do réxime: o nacional-catolicismo. Este é o sistema que goberna sobre as mulleres traballadoras, as que para sobrevivir contamos nada máis que coa nosa forza de traballo: un réxime orquestrado pola oligarquía franquista, sustentado na institución monárquica e atravesado por un poder central: a Igrexa. A católica. A mesma que defendeu a “causa nacional” franquista durante a, chamada por eles, “guerra santa”, a mesma que impuxo e continúa a impor, a través da Lei Wert, a súa moralidade patriarcal nas escolas e que pretende relegar as mulleres ao grao de escravas reprodutivas, pero tamén a mesma que en 2014 edita o panfleto integrista Cásate y sé sumisa; ou a mesma que, avalada polo Tribunal Constitucional, continúa sen pagar o IBI mentres ás traballadoras se nos nega o dereito á vivenda; a mesma que continúa espallando nos medios de comunicación públicos a súa ideoloxía patriarcal, racista, homófoba e, en definitiva, contraria á vida.

Queren penalizar o noso dereito a sermos persoas e decidir sobre as nosas vidas, poñendo en risco a saúde das mulleres traballadoras. As traballadoras, as desafiuzadas, as desempregadas, as emigradas, as inmigradas somos carne de clínica clandestina para a extrema dereita, somos clandestinas nós mesmas: as nosas decisións libres están prohibidas. As mulleres burguesas, as explotadoras, as infantas de España, elas continuarán a salvo.

E así, os datos[1] para as traballadoras galegas seguen sendo estarrecedores. Os salarios das mulleres son un 22% máis baixos cos dos homes, o que explica tamén porque a media das nosas pensións de xubilación é case un 40% máis baixa (605€ fronte a 975€). Non se acadou aínda tampouco á equiparación no que se refire ás afiliacións á S.S, sendo a porcentaxe da mulleres afiliadas á S.S case 6 puntos máis baixa.

En canto á conciliación e ao coidado das persoas, invértese a anterior tendencia, estando neste caso as mulleres por riba dos homes. A porcentaxe de traballadoras que coordinan o seu horario de traballo para atender ás crianzas é de 36,84%, fronte a un 24,61% de homes. Na atención a persoas dependentes, no conxunto do Estado, a porcentaxe de mulleres é dun 11,3%, fronte a un 6,1% de homes.

Poida que as cifras sexan frías e agochen matices, pero é a realidade quen está detrás delas. E mentres así sexa, a extrema dereita colonial que nos goberna, co seu Partido Popular e a súa Conferencia Episcopal, cos seus medios de comunicación e os seus ministros franquistas, vai continuar a ternos en fronte como nos leva tendo en fronte desde a ‘Unión de mulleres contra a guerra e o fascismo’, creada en 1933 pola Internacional Comunista.

Convocámosvos a participar na manifestación nacional e unitaria do vindeiro domingo 9 de marzo que sairá ás 12 horas da estación de tren de Compostela.

 

Enchamos a Quintana polos nosos dereitos sexuais e reprodutivos!!
Viva sempre a loita feminista da clase obreira!!


[1]   Datos obtidos do Instituto Galego de Estatística, excepto as cifras referidas á porcentaxe de mulleres que atenden persoas dependentes, recollida do Instituto Nacional de Estatística.