Inicio » Liberación nacional » Pola República Galega!

Pola República Galega!

10252079_638327679592282_3803880203093713705_nA abdicación do Borbón abre un novo escenario onde se visualiza que a caída do réxime imperialista español pode estar un pouco máis cerca. A responsabilidade debe ser máxima neste momento de cambio. Partindo dos principios básicos de ruptura democrática co réxime borbónico e do dereito a decidir da nación galega, as forzas e colectivos da esquerda nacionalista e independentista así como federalista, estamos obrigadas a traballar e facilitar a unidade de acción para derrubar este sistema, tal e como o pobo traballador galego nos reclama nas rúas das nosas vilas e cidades.

Houbo un tempo onde as palabras de orde “República Galega” estaban prohibidas pola dirixencia oficialista do nacionalismo galego de esquerda. Pola contra sempre houbo homes e mulleres na Galiza que mantiveron ergueita a histórica reclama unitaria de República Galega, do mesmo xeito que manteñen a de independencia e socialismo, aínda agochada pola mesma oficialidade dirixente.

Non é o momento de facer trincheira das consignas, non é tempo de competir entre iguais, entre forzas rupturistas e populares. Non é o momento de oportunismos, nin da hiperactividade da organización propia, senón que é o tempo do Pobo, da rúa, da unidade popular fronte ás oligarquías, fronte ao bipartidismo monárquico que as sustenta.

A consigna debe ser abaixo o réxime, por un proceso constituinte cara unha República propia, galega, independente, popular e democrática. Esta debe ser a aposta estratéxica de toda a esquerda galega. Sen dúbida, beneficiada a través da acumulación de forzas en todo o estado español para derrubar o propio Estado monárquico e abrir un proceso de ruptura democrático e de decisión en múltiples niveis, partindo do dereito das nacións sen estado a súa libre decisión. As palabras de orde son claras:Pan, Traballo, Liberdade e Dignidade! Abaixo o réxime do 78! Por unha República Galega, popular e democrática!

Saiamos ás rúas, manifestémonos, organicemos no seo do pobo como peixe na auga, en igualdade e a través da cooperación, unha resposta popular fronte aos plans da oligarquía española e europea. Non lle permitamos que manteñan en pé o seu sistema de explotación do noso pobo e de negación da nosa nación.

Pola Ruptura democrática e autodeterminación dos pobos.

Adiante pola República Galega! Independencia e socialismo!

Venceremos!