Inicio » Liberación nacional, Solidariedade, Països Catalans » Autodeterminación é Democracia

Autodeterminación é Democracia

Coincidindo co Día Nacional de Catalunya, a Diada, reproducimos a continuación o manifesto do que somos asinantes, lanzado desde Galiza en apoio e solidariedade co proceso democrático de autodeterminación que está a se desenvolver en Catalunya. Así mesmo, chamamos á participación na concentración de hoxe á tarde na praza da Quintana para mostrar todo o noso respaldo ao pobo catalán e ao seu dereito a decidir ser libre.
11setembro
Manifesto de solidariedade con Catalunya

O pobo catalán atópase diante dunha das máis importantes encrucilladas da súa historia. Tres séculos despois da perda das súas liberdades nacionais, ten a posibilidade de transformar o marco xurídico e político por vías democráticas, coa convocatoria dunha consulta popular prevista para o vindouro 9 de novembro, que propón construir un novo Estado.

Nos últimos anos, diferentes axentes políticos e institucións negociaron co Estado Español diversas fórmulas de encaixe da Cataluña no marco estatal. Atopáronse con reiteradas negativas e inclusive con ameazas represivas, recurtes e becos sen saída, que demostraron á inmensa maioría da poboación catalá que a única opción é exercer unilateralmente o direito a decidir. Trátase dun conflito propiciado polo rápido crecemento do independentismo e dun auténtico movemento de masas, que é imposíbel de resolver desde as canles previstas pola institucionalidade e legalidade actualmente vigorantes. Ninguén pode decidir mellor sobre o seu país do que os seus propios habitantes.

Somos conscientes de que o camiño non será sinxelo nen doado. O goberno de Madrid xa anunciou a súa decisión de prohibir a consulta, amparándose na lexislación herdada dun rexime ilexítimo, nomeadamente a Constitución Española. Afirman unha e outra vez que é imposíbel calquera mudanza deste marco mais, na realidade, poucos pobos do mundo puideron acceder ao exercicio do seu direito de autodeterminación sen antes se desembarazaren do marco legal do Estado que os apreixoaba.

As persoas asinantes queremos transmitir a nosa solidariedade co pobo catalán e o noso apoio perante os entraves de todo tipo (xurídicos, políticos, mediáticos, policiais) que interpón o Estado Español. En particular, manifestamos o noso apoio expreso á celebración da consulta de 9 de novembro e o noso rexeitamento á prohibición da voz do pobo.

Apoiamos tamén o direito do conxunto dos Países Cataláns, con situacións de consciencia política diferentes, a decidiren o seu futuro por un elemental sentimento de solidariedade con todos os pobos do mundo e co seu direito á autodeterminación; mais tamén conscientes de que calquera avanzo na outra beira da Península redundará no noso propio beneficio e axudará a desenvolver o movemento pola nosa liberdade.

Ademais, a cuestión nacional revelouse como o auténtico calcañar de Aquiles do espurio rexime instaurado na Transición, de forma que se constitúe como o principal vector de ruptura do sistema en todas as súas dimensións, desde a anacrónica continuidade da monarquía até as mellores perspectivas para a liberación social, o cuestionamento da Unión Europea ou o avanzo en mais direitos individuais e colectivos. Se o Estado Español rompe por fin, todo estará aberto e en xogo de novo, a comezar polas liberdades nacionais de Galiza e Euskal Herria.

As asinantes queremos tamén animar a importante comunidade galego-catalá a se implicar na defensa da consulta e do seu resultado afirmativo, para contribuír á independencia da súa segunda patria, coa confianza de que algún día participarán na liberación da primeira.

www.galizaconcatalunya.org

_____________________________________________________

Independència per cambiar-ho tot

Visca Catalunya Lliure!
Viva Galiza Ceibe!
Autodeterminación é democracia.