Inicio » Internacional, Liberación nacional, Escocia » Todo o noso apoio a Escocia e á súa independencia

Todo o noso apoio a Escocia e á súa independencia

yes albaDesde a FPG queremos mostrar o noso total apoio  ao proceso de autodeterminación que está a levar a cabo o pobo escocés.

 

A autodeterminación  ou libre determinación é un dereito  internacional consagrado a través da Carta das Nacións Unidas e da súa Resolución 2625(XXV) que desde entón foi avalado pola numerosa xurisprudencia e lexislación internacional aprobada no seu seo.

 

Escocia, como Cataluña ou Galiza, así como calquera outro pobo do mundo, temos dereito a elixir libremente o noso marco xurídico e político e as relacións que queremos ter con outros pobos e estados. Temos dereito a decidir sobre os recursos do noso territorio e do noso pobo como medio para garantir o noso desenvolvemento e supervivencia, ou dito doutra maneira, o dereito a decidir sobre a nosa existencia sen inxerencias externas.

 

O proceso independentista escocés non xurde dun día para outro, senón que é consecuencia dunha acumulación de forzas entorno a dúas ideas chave: desde Edinburgh xestionan mellor os seus recursos,  e o pobo traballador escocés ten uns intereses que non pasan por Westminster. A historia política contemporánea é moi clara sobre a visión que ten o pobo escocés respecto do poder central de Londres, así o rebela o pobre peso que tiveron e teñen os conservadores Tories  en terras escocesas, e que a partir dos gobernos “neocons” de Thatcher converten á política británica na personaxe que máis méritos fixo polo sentimento independentista escocés no pasado século. As clases traballadoras escocesas saben ben quen foi e é o seu inimigo, sufriron nas súas propias carnes a loucura neoconsevadora obsesionada coa austeridade e o baleirado dos dereitos conquistados. Tamén viron a verdadeira faciana do novo laborismo británico que tantos apoios tiña recibido até entón. Isto foi moi ben visto polo nacionalismo escocés, e fundamentalmente polo SNP, quen sen ser unha organización marxista, ten un discurso social moi avanzado e en coherencia coa demanda de cobertura social pública existente e a realidade de desprotección estatal.

 

A autodeterminación escocesa é un proceso que vai en dirección contraria á da grande burguesía británica, dándose unha coincidencia de intereses entre a clase traballadora e as demandas nacionais. A independencia de Escocia logrou converterse nun movemento social e político que vai máis alá dos intereses dos Partidos. A xente que se botou á rúa a defender unha sociedade máis xusta, libre e igual, xa non volverá as súas casas, independentemente de cal sexa o resultado no referendo. Xerouse un movemento de transformación social no que coincide os obxectivos nacionais  e sociais, é dicir, a independencia e a creación dun Estado propio como mecanismo para ter unha sociedade máis xusta e igual. Un Estado que  na práctica supoña a creación de políticas públicas para o pobo traballador escocés: un ensino público e de calidade, bolsas de estudo, sanidade pública e universal, xestión dos seus recursos para beneficio do Pobo escocés, unha rede pública de benestar social, unha política internacional lonxe da sombra dos EE.UU e das guerras imperialistas, e un longo etc. de políticas que son imposibles de levar a cabo dentro do Reino Unido da Gran Bretaña e Irlanda do Norte.

 

O proceso escocés ten unha  clara orientación antiimperialista, que axudará a  fortalecer a confianza entre pobos e servirá de exemplo a outros procesos de liberación nacional. A proba fundamental é a reacción que tivo a grande burguesía británica contra a independencia escocesa. As grandes multinacionais e os seus lacaios políticos e sociais reaccionaron con gran virulencia contra da posíbel independencia. Eis aquí a proba do algodón.

 

Desde Galiza non podemos máis que mostrar todo o noso apoio e solidariedade cun proceso fondamente popular. Estando nun contexto político moi diferente, somos conscientes que o proceso escocés sentará un precedente importante para as nacións e pobos que aspiramos a nosa independencia nacional e á liberación do noso Pobo.

Como sempre din os e as compañeiras da esquerda independentista catalá, a independencia para cambialo todo.