Inicio » Opinión » Esquerda independentista, municipalismo e unidade popular

Esquerda independentista, municipalismo e unidade popular

multitud3

 

A aposta clara da esquerda independentista galega por apoiar, promover e mesmo constituír candidaturas de unidade popular a nivel municipal é un posicionamento táctico cun longo percorrido na historia contemporánea do movemento. Longo percorrido pero tamén intermitente a consecuencia da inestabilidade organizativa e das divisións que marcan o complicado decorrer do independentismo galego nas últimas tres décadas e media.

Así, nas municipais de 1979 o Partido Galego do Proletariado (PGP), primeira expresión organizativa do comunismo independentista, promovía nalgúns concellos (O Barco, Compostela, A Coruña, Muros, Ourense, As Pontes, Vigo) agrupacións municipalistas semellantes ás actuais mareas  denominadas Agrupacións Electorais Galicia Ceibe. Noutros concellos, militantes do PGP presentábanse dentro das listas de Unidade Galega, coalición de PSG, POG, PG e independentes, saíndo elexidos como concelleiros en Compostela, Monforte e Vilaboa. Tamén sairan elexidos tres militantes do PGP no concello de Salvaterra de Miño por medio da Asemblea de Veciños do Condado.

Catro anos despois nas municipais de 1983, e tras sufrir duros golpes represivos por parte dos Estado Imperialista Español (EIE), a nova expresión do independentismo organizado Galicia Ceibe (OLN), en alianza co Partido Comunista Obreiro Español (PCOE) de Enrique Líster e independentes, promovía nas principais cidades galegas as Candidaturas de Unidade Popular (CUP) que non acadaban representación algunha.

Dende as municipais de 1987 nas que o Partido Comunista de Liberación Nacional (PCLN) pedía o voto para o BNG até as de 2007, a aposta da esquerda independentista por apoiar as candidaturas de unidade popular pasaba a ser moi esporádica e irregular. Durante este tempo, os partidos independentistas presentan sobretodo candidaturas partidarias propias ou en coalición. Así nas de 1991 a Frente Popular Galega (FPG) presentábase en O Barco, Cangas (acadando catro concelleiros), Carnota (acadando dous concelleiros), Compostela, A Coruña, Muros, Ourense e As Pontes, e pola súa parte a Assembleia do Povo Unido (APU) presentábase en Compostela, Ferrol e Vigo, sen acadar representación algunha.

Non era até 2011 cando a esquerda independentista lideraba de novo a iniciativa de voltar construír este tipo de candidaturas veciñais e populares no marco dunhas eleccións municipais tomando como exemplo o éxito de Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE) nas de 2007. Así formábanse plataformas ou agrupacións electoriais, para alén da xa citada Cangas, en Ames, Compostela, Miño, Mugardos, Nigrán, Ponteareas, Porriño e Salvaterra de Miño. En Redondela e Vigo presentaríase a FPG en solitario. Malia só acadar representación en Cangas, renovando tres concelleiros, a experiencia serviría para recuperar case tres décadas despois a  vixencia e anovada actualidade deste tipo de candidaturas ao longo de toda a nación.

Porén, será agora nas vindeiras municipais de maio, e nun contexto político e socio-económico de emerxencia nacional, cando as candidaturas de unidade popular galegas estexan chamadas a cobrar un papel histórico de cara a protagonizar, tanto dende a rúa como dende as institucións, unha ruptura democrática e popular dende abaixo e dende a esquerda. Non sen dificultades, son xa máis de sesenta as plataformas, coalicións ou agrupacións, que baixo o termo xa popularizado de mareas, están a abrollar o longo da nación coa participación a nivel individual da militancia -organizada ou non- do independentismo. A estas mareas sumaránse tamén candidaturas propias de Anova-Irmandade Nacionalista, como actual expresión maioritaria da esquerda independentista e republicana galega.

Sen lugar a dúbidas, estamos ante unha posibilidade histórica e teremos que aprender dos erros do pasado, dos actuais e dos que estarán por vir, xa que de nós depende que toda esta unión e ilusión popular en forma de mareas sexa algo forte, grande e transformador ou fique nunha anécdota do que puido ser e non foi. Agardemos que non. Adiante logo coa unidade popular da esquerda!

 

Abril de 2015.