Inicio » Opinión » Tarefas e reptos da esquerda republicana e independentista galega

Tarefas e reptos da esquerda republicana e independentista galega

riegades
Malia non ser precisamente para min un referente político nin ideolóxico, dicía moi atinado o alcumado pai da independencia india Mahatma Ghandi que “first they ignore you, then they ridicule you, then they fight you, and then you win”. Dándolle unha voltas, esta frase, e fuxindo de esquemas mentais ríxidos e de interpretacións demasiado subxectivas, ben se podería aplicar á curta pero intensa traxectoria da esquerda independentista/soberanista contemporánea, sobretodo atendendo os últimos tempos nos que este espazo político, ideolóxico e cultural pasou dun xeito fugaz tan propio dos intres prerrevolucionarios, do resistencialismo á emerxencia (de emerxente, por suposto), e de apéndice “radical” do nacionalismo ao vieiro sen retorno da independencia estratéxica e táctica como movemento que pode, e debe, conquerir a emancipación nacional e social do pobo traballador galego: A República Galega. Porén, o camiño deste movemento emancipador-emancipado materializado encol de Anova-Irmandade Nacionalista, e ao que o camarada Méndez Ferrín nomeou “independentismo do século XXI” nun artigo publicado no Faro de Vigo o pasado venres 5 de xuño, non fixo máis que comezar e cómpre, polo tanto, debater, propor, confrontar ideas e aportacións sobre as tarefas e os reptos que debe afrontar e enfrontar en Galiza o independentismo republicano actual.

Precedentes

Historicamente, a esquerda independentista galega non tivo case nunca unha existencia arredada da “casa común” dun nacionalismo/galeguismo interclasista do que non foi quen de cortar o “cordón umbilical” para alén dunha simbólica “rebeldía xuvenil”. De feito, case todas as expresións da esquerda independentista contemporánea proceden de distintas escisións do tronco común nacional-popular (UPG, AN-PG/UPG, BN-PG/PSG, BNG) que practicamente nunca ou case nunca conseguíron configurar unha praxe política propia arredada do paternalismo moralizante dun nacionalismo oficial que, metaforicamente, ameaza coa autoridade da “paga e o teito”. Porén, isto muda de súpeto coa aparición do Novo Proxecto Común (NCP) e posteriormente de Anova-Irmandade Nacionalista en 2012, e os seus posteriores dous anos de traumático, mais clarificador, proceso de constitución.
Tras a súa XIII Asemblea de 2012, o BNG sufríu por vez primeira na súa historia escisións simultáneas tanto pola súa dereita (Máis Galiza, PNG-PG, EN, ESG) coma pola súa esquerda (Encontro Irmandiño). Para alén, a escisión do Encontro Irmandiño (EI) foi a maior perda do BNG pola esquerda dende a expulsión do Partido Comunista de Liberación Nacional (PCLN) 25 anos antes. Tras estas escisións sufridas polo BNG prodúcese en Galiza unha recomposición xeral dos espazos da esquerda (non só nacionalista) e do nacionalismo (non só de esquerdas).
Así, os partidos que se escindiron do BNG pola súa dereita foron confluíndo con outros do seu mesmo -ou similar- espectro político, dos cales algúns xa estaban organizados fóra do BNG (CG, AG, PGD, APG, UEG, TeGa) para rematar por constituír unha converxencia de centro nacionalista/galeguista denominada Compromiso por Galiza (CxG).
Porén, o Bloque Nacionalista Galego, malia as perdas -máis cualitativas que cuantitativas- posteriores á XIII Asemblea celebrada en Amio, continuou a estar nucleado encol dunha Unión do Povo Galego (UPG) que, escarmentada, se reconfigura flanqueada por dúas correntes-títere que fan o papel de “dique de contención” coa fin de taponar novas escisións tanto pola dereita como pola esquerda, isto é, Abrente-EDG e Movemento Galego ao Socialismo (MGS), respectivamente.
Finalmente, o propio EI, organizacións que levaban tempo organizadas no espazo da esquerda independentista/soberanista (FPG, MpB, FOGa,…) e persoas sen adscrición partidaria previa, promoveron a creación de asembleas nacionalistas de base que confluíron nun partido-movemento de adesión individual e de esquerda republicana e independentista denominado Anova-Irmandade Nacionalista. O fin, a independencia da esquerda independentista. O paternalismo moralizante do nacionalismo oficial continurá, pero xa non se depende da súa “paga e teito” ideolóxico, político e moral.
É por iso, por esa conquerida (ao fin) “independencia do independentismo”, que no día da Patria de 2012 e nun contexto de emerxencia nacional, Anova-Irmandade Nacionalista lanza unha proposta de unidade popular da esquerda galega en forma de fronte ampla dirixida a toda a esquerda nacionalista, á independentista e, superando vellos tabúes dogmáticos, tamén á esquerda federalista ou confederalista respectuosa co dereito de autodeterminación de Galiza. A proposta, que xa tiña algúns precedentes históricos máis ou menos existosos -Agrupacións Electorais Galicia Ceibe, UG e Asemblea de Veciños do Condado (1979), Candidaturas de Unidade Popular (1983), ACE en Cangas (2007-2015)- e tamén fallidos -CIES en Vigo (2007)- no ámbito local, foi asimilada basicamente por forzas da esquerda federalista, ecoloxista e ecosocialista. Tamén foi asimilada de xeito oportunista por CxG, anque pretendendo impor exclusións. Tamén impuxo exclusións, pero sen sequera asimilar a proposta, un BNG decidido a se refuxiar nunha especie de patriotismo da sigla en forma de esencialismo interclasista condenado a confundir eternamente os obxectivos estratexicos cos tácticos.
Era evidente que tras o consolidado éxito experimentado pola ACE no ámbito local, non ter alomenos exportado o experimento a nivel nacional teria sido unha irresponsabilidade histórica. Así, a Alternativa Galega de Esquerda (AGE), sumando por vez pimeira a esquerda independentista, a esquerda federalista e a esquerda ecoloxista galegas, consegue ilusionar a grande parte do pobo agredido para ocupar, por prolongada incomparecencia, un espazo que tiña sido abandonado por PSdeG e BNG durante décadas no Parlamentiño do Hórreo: o espazo da esquerda real.

E agora que?

Ulm Roam:
Estás trabucado, que é a maneira máis academica que atopo pra dicir que és un traidor. Sei que non collerás o bon camiño porque fas parte da grea dos poderosos, e mesmo lles dás beleza e cor aos seus principios. Serás, seredes rebasados. O vento da historia sopla de outro ponto. Estou fondamente namorada de tí. Quíxente dende sempre e querereite sempre. Adeus para sempre.
Rotbaf.
O Documento dos 16 folios que desembocou no PGP, a revista Espiral, o Manifesto 22 de marzo que precede o PCLN, a Posición Luís Soto que veu á luz na Trabe de Ouro, os manifestos das Redes Escarlata, a Declaración de Láncara, a Batería de Urxencias para a Rexeneración de Galicia, a Rolda de Rebeldía do EI, o Proceso de debate FPG2010, as Xeiras de Anova-Irmandade Nacionalista,… o parto dunha esquerda independentista galega soberana e autocentrada foi longo e difícil. Soltar amarras cun nacionalismo patoloxicamente non-independentista e con complexo de arca de Noé foi un camiño duro e non exento de contradicións. Pero aquí estamos, no 2015, comezando a escribir un discurso político e cultural propio, cunha entidade organizativa cun milleiro de afiliadas e afiliados presentes en todas as comarcas de Galiza, con representación de noso no parlamento da CAG, nos concellos e na eurocámara, fundíndonos co pobo agredido e coas clases subalternas en marchas populares, movementos sociais e mareas cidadás.
Malia todo, o vieiro da nova esquerda independentista acaba tan só de dar os seus primeiros pasos e o camiño está, e vai estar, cheo de pedras, cambadelas e obstáculos que haberá que ir superando con firmeza estratéxica e flexibilidade táctica. Son moitas as tarefas e reptos que se presentan para a esquerda independentista e republicana representada fundamentalmente por Anova-Irmandade Nacionalista e tamén polas organizacións pre-existentes cuxa militancia integra a mesma a título individual, e polos seus respectivos espazos políticos, sectoriais, culturais e sindicais.
Primeiro, cómpre afastar a esquerda independentista e republicana da axenda marcada polas datas litúrxicas e pola espiral electoralista, producindo campañas e accións que tomen a iniciativa política e dotándose dun discurso sectorial en todas as frontes relegando así o mal hábito do consignismo estratéxico e do ideoloxismo.
É moi importante tamén fixar os sectores sociais sobre os que se ten que cimentar a construción da esquerda independentista e republicana artellando nodos de relación cos sectores sociais subalternos e agredidos, dando forma aos obxetivos estratéxicos e trazando tácticas axeitadas á base social á que se dirixe. Cómpre tamén aproximar a intelectualidade nacional e antisistémica que tanto desprezo ten sufrido por sectores que se autoproclaman progresistas e nacionalistas.
Debemos construír mecanismos e espazos de socialización do pobo traballador excluído dotándonos dun discurso serio que saiba delimitar cál é o inimigo e diferenciar os obxectivos principais e secundarios adquirindo os reaxustes estratéxicos e os cambios tácticos para asegurar a aptitude organizativa para a actuación política.
Tamén será vital estruturar sistemas de dinamismo económico alicerzados en relacións de produción estrañas ao emprego asalariado e afastadas da venda da forza de traballo colaborando activamente, por exemplo, no artellamento dende a base dunha rede de centros sociais plurais que axuden dende os barrios e as vilas á dinamización social, política e cultural dos mesmos en clave nacional, antifascista e de clase.
Por outro lado, haberá que dedicar esforzos á formación histórica, política e cultural da base militante e simpatizante construíndo un discurso alternativo, unha identidade independentista propia e un programa de mínimos asumíbel para a maioría social para disputar a hexemonía o inimigo. Para iso, teremos que potenciar redes de construción dunha contrahexemonia de medios e cultural para a produción simbólica dotándonos de editoras e medios de comunicación propios que sirvan para difundir e informar, fortalecer e coesioar ideoloxica e culturalmente a esquerda independentista e republicana.
Será importante tamén axudar a conformar unha rede de correntes, organizacións de masas e entidades independentistas interconectadas por unha coordinación estratéxica e táctica con base na unión interna ideolóxica e política para, en base a elas, ordenar dende a base institucións normalizadoras populares que constrúan aquilo que as institucións gubernamentais non emprenden ou non queren emprender.
Como movemento fundamentalmente internacionalista, cómpre fomentar os intercambios, os debates e as relacións internacionais con partidos, entidades e plataformas da esquerda rupturista mundial e cos movementos de liberación nacional de base anticapitalista e antifascista.
Por último, cómpre defender a unidade territorial de Galiza seguindo a liña histórica do nacionalismo dende as Irmandades e ir chantando os alicerces para organizar a esquerda independentista e republicana galega fóra das fronteiras artificiais das catro provincias da Comunidade Autónoma Galega impostas polo Estado Imperialista Español.

Concluíndo (de momento)

Ben. Estas son tan só unhas cantas propostas que pretenden aportar para o debate e reforzar a idea de que cómpre consolidar a esquerda independentista representada fundamentalmente por Anova-Irmandade Nacionalista para asegurar o éxito da fronte ampla de unidade popular en Galiza e, de xeito recíproco, artellar o medre da fronte ampla de unidade popular para facer avanzar o proxecto estratéxico, lexítimo, xenuíno e histórico da esquerda republicana e independentista galega: a república galega independente nun mundo socialista e sen desigualdades. Non vai ser unha tarefa doada nin gratificante, por suposto, pero sí que pode ser unha empresa ilusionante e cargada de vitorias obreiras creando alternativa, programa, organización e poder popular e, sobretodo, apoiándonos na firmeza, na dialéctica e na unidade do pobo traballador, é dicir, na nosa unidade. Velaí o noso camiño.

Xuño de 2015.