Inicio » Movemento obreiro, Movementos sociais » A mobilización e a unidade na loita é o único camiño!

A mobilización e a unidade na loita é o único camiño!

manifas

O setembro galego está sendo un tempo de grandes mobilizacións sociais. Foino pola sanidade pública e de calidade, e foino  a favor do sector lácteo e dun rural galego digno. Dous sectores cruciais para calquera nación do mundo, a saúde das súas cidadás e unha agrogandería forte que sustente (soberanamente!) a súa poboación.

Pero o noso País chamase Galiza, e o noso goberno exerce coma un protectorado español que garante os intereses da metrópole e dos seus “monopolios” e nunca como autogoberno dos e das galegas, aínda menos das súas clases traballadoras.

O 3 de setembro a cidade de Vigo e as comarcas da súa área deron unha lección de dignidade e mobilización que a dereita privatizadora non esquecerá. Foi grazas a unidade e a posta en común de reivindicacións prácticas, concretas, ademais de xustas. Porque a causa xusta non garante a súa viabilidade nin éxito, só a posta en común de estratexias para unha obxectivo práctico e real. Unha sanidade e un hospital digno, tan digno coma os privados que consumen os dirixentes da Xunta.

Durante o mes de agosto e setembro, o sector gandeiro (vacún e leiteiro) percorreu todo o País a través de mobilizacións e tractoradas polas principais vilas gandeiras, chegando a Lugo o propio 3 de setembro. Día xa da dignidade nacional e popular galega.

Aquí comezou un proceso de mobilización ambicioso e valente. Milleiros de tractores e gandeiros saíron das súas casas para ir esixir unha vida digna como traballadores e traballadoras (a maioría das mulleres non están presentes nas protestas!). A resposta do suposto goberno galego é a de que a competencia e a responsabilidade non son súas. Coma sempre , Feijoo minte.

O Estado francés como modelo?

–        A situación actual é de roubo flagrante aos e ás gandeiras, por conseguinte un control estable do prezo de venda de leite, aínda dentro dun sistema de venda capitalista, é necesario e posible.

–        O modelo gandeiro existente en Galiza non é sustentábel en moitos aspectos, pero podémonos fixar en dous exemplos:

1. As granxas de vacas galegas, na súa maioría aseméllanse a pequenas industrias de transformación dun produto (primario), neste caso producen leite. Non é moi sustentábel a individualización e multiplicación de pequenas empresas, incluso desde o punto de vista económico e de xestión de recursos: gastos de infraestrutura,maquinaria, forraxes, veterinario, luz, etc. A resposta lóxica semella doada, a asociación e cooperación entre produtores/as.

2. o modelo produtivo leiteiro tamén semella un tanto obsoleto, no sentido de que aquí producimos leite a millóns, pero sen embargo non somos capaces de ser potencia en produtos derivados do leite (existindo honrosas excepcións).

O sector leiteiro debe ser obxecto dunha reestrutura profunda e esta debe ser liderada pola Administración autonómica da Xunta sen máis escusas de mal pagador.

–        O problema dos forraxes debe ser resolto. A gandería galega importa na súa maioría forraxe para o noso gando, co conseguinte enorme gasto e sobrecuste na produción.

–        O asociacionismo e o modelo cooperativo debe ser preponderante, mesmo en moitos casos obrigado.

–        O concepto de soberanía alimentar debe ser introducido coma un obxectivo a cumprir nun futuro próximo.

Todo o exposto lévanos a unha última resposta, o sector económico gandeiro só pode saír adiante cambiando de modelo e tendo unha Administración responsable que se encargue de liderar a súa reestruturación: Prezo mínimos, e gastos máximos. Reforma agraria para as zonas de cultivo. O obxectivo último é termos un mundo agrario e gandeiro que sexa un sector potente no noso PIB, un rural vivo e digno para que os dereitos e oportunidades sexan os mesmos na Galiza rural cá na urbana. E o máis importante e urxente, que se comecen políticas públicas de cara a apoiar que todo o sector agroindustrial se poña en propiedade dos seus traballadores, labregos e gandeiros,  a través de proxectos cooperativos. Temos moitos exemplos do que non se debe facer desde institucións públicas, sendo o máis paradigmático o proxecto estrela do PP denominado “Alimentos Lácteos”, burato de enterrar diñeiro público para caciques ligados ao PP e que se atopa en proceso xudicial, mentres desde a Xunta ou desde as entón caixas públicas se lles denegaban prestamos a gandeiros autoorganizados ou a cooperativas xa en funcionamento.

Por último, os e as gandeiras non poden ser tratados coma simple empresariado, mais debemos ser conscientes da súa esencia de clase traballadora explotada polas multinacionais e os monopolios, e tamén debemos ser conscientes que isto só é posible grazas ao modelo capitalista de produción, pero tamén ao sistema de representación política que tan ben exercen os partidos PP e PsoE na Unión Europea, no Estado español e en Galiza.

As mobilizacións gandeiras están atinando cando sinalan aos responsables da situación actual. Estámolo vendo nas protestas diante das administracións, nas nosas rúas e tamén nas portas das multinacionais. E dan na chave cando se fan de maneira unitaria en todo o País, a pesar dos intentos do PP e dos seus satélites de infiltrarse nas mesmas para diluílas.

Así, a marcación de obxectivos concretos e non dispersos  semella ser a argamasa que posibilita a imprescindible unidade nesta loita. Outros sectores autodenominados “alternativos” que organizan mobilizacións dispersas e quasieternas deberan tirar tamén unha lección disto.

A unidade e a organización na loita son o camiño. Adiante!!