Inicio » Formación, Fidel Castro » Os pobos rebelaranse contra o sistema imperialista

Os pobos rebelaranse contra o sistema imperialista

Mensaxe de Fidel Castro á XI Conferencia das Nacións Unidas sobre o Comercio e o Desenvolvemento

A UNCTAD, organización fundada hai 40 anos, foi unha nobre tentativa do mundo subdesenvolvido por crear no seo das Nacións Unidas, a través de un comercio racional e xusto, un instrumento que servise ás súas aspiracións de progreso e desenvolvemento. Na altura eran moitas as esperanzas, sob a inxenua crenza de que as antigas metrópoles adquiriran consciencia do deber e a necesidade de compartir ese obxectivo.Raúl Prebisch foi o principal inspirador de aquela idea. El tiña analisado o fenómeno do intercambio desigual como unha das grandes traxedias que obstruían o desenvolvemento económico dos pobos do Terceiro Mundo. Este foi un dos seus contributos máis importantes á cultura económica da nosa época. Como recoñecemento ás súas destacadas cualidades, foi electo o Primeiro Secretario desta institución das Nacións Unidas sobre o comercio e desenvolvemento.

Hoxe o terríbel flaxelo do intercambio desigual apenas é mencionado en discursos e conferencias. O comercio internacional non ten sido instrumento para o desenvolvemento dos países pobres, que son a inmensa maioría da humanidade. Para 86 deles os produtos básicos representan máis da metade dos ingresos por exportacións. O poder de compra deses produtos, agás o petróleo, hoxe é menos da terceira parte de aquel que tiña ao ser creada a UNCTAD.

Aínda que as cifras aborrecen e se repiten, ás veces non hai outro remedio que usar a súa elocuente e insustituíbel linguaxe.

* Nos países pobres vive o 85 por cento da poboación mundial, mais a súa participación no comercio internacional é apenas do 25 por cento.

* A débeda externa deses países en 1964, ano en que naceu esta institución das Nacións Unidas, era ao redor de 50 mil millóns de dólares. Hoxe atinxe a cifra de 2,6 millóns de millóns.

* Entre 1982 e 2003, quer dicir 21 anos, o mundo pobre pagou 5,4 millóns de millóns de dólares por servizo da débeda, o que significa que o seu montante actual foi pagado máis de dúas veces aos países ricos.

Aos países pobres se lles prometeu axuda para o denvolvemento e que o abismo entre ricos e pobres se reduciría progresivamente; até chegou a prometerse que o montante atinxiría o 0,7 por cento do chamado PIB dos economicamente desenvolvidos, cifra que de ser así, hoxe sería de non menos de 175 mil millóns de dólares por ano.

O que recibiu o Terceiro Mundo como axuda oficial para o desenvolvemento no pasado ano 2003 foi 54 mil millóns de dólares. Ese mesmo ano os pobres pagaron aos ricos 436 mil millóns por servizo da débeda. O máis rico deles, os Estados Unidos de América é quen menos cumpriu a meta trazada, ao destinaren a esa axuda apenas o 0,1 por cento do seu PIB. Non son incluídas as enormes sumas que lles arrebataron como consecuencia do intercambio desigual.

Adicionalmente, os países ricos gastan cada ano mais de 300 mil millóns de dólares para pagar subsidios que impiden o acceso das exportacións dos países pobres aos seus mercados.

Por outra parte, é case imposíbel medir o prexuízo causado a eses países polo tipo de relacións comerciais que a través dos camiños sinuosos da OMC e os tratados de libre comercio, son impostos aos países pobres, incapaces de competir coa sofisticada tecnoloxía, o monopolio case total da propiedade intelectual e os inmensos recursos dos países ricos.

A estas formas de saqueo acrecéntanse outras, como a groseira explotación da man de obra barata con maquilas que chegan e marchan á velocidade da luz, a especulación coas moedas ao ritmo de millóns de millóns de dólares cada día, o comercio de armas, o apoderamento de bens do patrimonio nacional, a invasión cultural e outras decenas de accións de pillaxe e roubo imposíbeis de enumerar. Está por estudar, visto que non aparece nos libros clásicos de economía, a máis brutal transferencia de recursos financeiros dos países pobres para os países ricos: a fuga de capital, que é característica e obrigatoria da orde económica reinante.

O diñeiro de todo o mundo escapa para os Estados Unidos de América para se protexer da inestabilidade monetaria e a febre especulativa que provoca a propia orde económica. Sen ese presente, que o resto do mundo, nomeadamente os países pobres, lle fan aos Estados Unidos, a súa actual administración non podería soportar o enorme déficit fiscal e comercial, que acada entre ambos os dous no ano 2004 a non menos de un millón de millóns de dólares.

Alguén se atrevería a negar as consecuencias sociais e humanas da globalización neoliberal imposta ao mundo?

* Se hai 25 anos quiñentos millóns de persoas pasaban fame, agora máis de 800 millóns a sofren.

* Nos países pobres 150 millóns de crianzas nacen com baixo peso, o que aumenta o risco de morte e o subdesenvolvemento mental e físico.

* Hai 325 millóns de crianzas que non van á escola.

* A mortalidade infantil en menores de un ano é 12 veces superior á dos países ricos.

* No Terceiro Mundo morren cada día 33 mil crianzas por enfermidades curábeis.

* Dous millóns de nenas son obrigadas a exercer a prostitución.

* O 85 por cento da poboación mundial formada por países pobres consume apenas o 30 por cento da enerxía, o 25 por cento dos metais, e o 15 por cento da madeira.

* Son milleiros de millóns os analfabetos totais ou funcionais que habitan o planeta.

Como poden os líderes do imperialismo e os que comparten con el o saqueo do mundo falar de dereitos humanos e mencionar sequera as palabras liberdade e democracia neste mundo tan brutalmente explotado?

O que se practica contra a humanidade é un crime permanente de xenocidio. Cada ano morren por falta de alimentos, atención médica e medicamentos, tantas crianzas, nais, adolescentes, xoves e adultos salvábeis, como as decenas de millóns que morreron en calquera das dúas guerras mundiais. Isto acontece todos os días, a toda hora, sen que ningún dos líderes do mundo desenvolvido e rico dedique a isto nin unha palabra.

Poderá continuar indefinidamente esta situación? Decididamente non, por razóns absolutamente obxectivas.

A humanidade, despois de decenas de milleiros de anos, chegou neste minuto, e case de repente, debido ao ritmo acelerado dos últimos 45 anos en que o seu montante máis que se duplicou, a 6.350 millóns de habitantes, que precisan de seren vestidos, calzados, alimentados, albergados e educados. A cifra ascenderá case inevitabelmente a 10 mil millóns de persoas en apenas 50 anos máis. Xa para esa data non existirán as reservas de combustíbel probadas e probábeis que o planeta tardou 300 millóns de anos em crear. Terán sido lanzadas á atmósfera, as augas e os solos xunto a outros produtos químicos contaminantes.

O sistema imperialista que hoxe impera, para onde inevitabelmente foi evoluindo a sociedade capitalista desenvolvida, xa chegou a unha orde económica global e neoliberal tan despiadadamente irracional e inxusta, que é insustentábel. Os pobos vanse rebelar en contra del. Xa comezaron a se rebelar. Son estúpidos os que afirman que isto é froito de partidos, ideoloxías ou de axentes subversivos e desestabilizadores de Cuba e Venezuela. Entre outras cousas esta evolución trouxo consigo, de maneira inevitábel dentro das bases e normas que rexen o sistema imperante, as chamadas sociedades de consumo. Nelas, as súas tendencias despilfarradoras e irresponsábeis envenenaron as mentes de grande número de persoas no mundo, as que no medio de unha ignorancia política e económica xeralizada son manipuladas pola publicidade comercial e política a través dos fabulosos medios masivos que a ciencia creou.

Estas non teñen sido as condicións máis propicias para o desenvolvemento, nos países ricos e poderosos, de líderes capaces, responsábeis e dotados dos coñecementos e principios políticos e éticos que un mundo tan extremadamente complexo requer. Non é necesario culpalos, porque eles mesmos foron froitos e ao mesmo tempo cegos instrumentos de aquela evolución. Serán capaces de tratar con responsabilidade as situacións políticas sumamente complicadas que en número crecente xorden no mundo?

En breve van facer 60 anos do día en que estourou sobre Hiroshima a primeira bomba nuclear. Hoxe existen no mundo decenas de milleiros desas armas, que son decenas de veces máis poderosas e precisas. Continúanse producindo e aperfeizoando. Até no espazo se programan bases de proxectís nucleares. Xorden novos sistemas de mortíferos e sofisticados armamentos.

Por primeira vez na historia o home tería creado a capacidade técnica para a súa total autodestrución. No entanto, non foi capaz de crear um mínimo de garantías para a seguridade e integridade de todos os países por igual. Elabóranse, e inclusive son aplicadas teorías relativas ao uso preventivo e por sorpresa das armas máis sofisticadas “en calquera escuro canto do mundo”, “en 60 ou máis países”, que fan palidecer a barbárie proclamada nos días tenebrosos do nazismo. Xa fomos testemuñas de guerras de conquista e de sádicos métodos de tortura que recordan as imaxes divulgadas nos días finais da Segunda Guerra Mundial.

O prestixio das Nacións Unidas está sendo socavado até os alicerces. Lonxe de se aperfeizoar e democratizar, a institución foi ficando como un instrumento que a superpotencia e os seus aliados pretenden usar unicamente para coonestar aventuras bélicas e espantosos crimes contra os dereitos máis sagrados dos pobos.

Non se trata de fantasías nin de produtos da imaxinación. É moi real o feito de que, en apenas medio século, xurdiron dous grandes e mortíferos perigos para a propia sobrevivencia da especie: aquel que sae do desenvolvemento tecnolóxico das armas e aquel que ven da destrución sistemática e acelerada das condicións naturais para a vida no planeta.

Na disxuntiva a que foi arrastrada polo sistema, non hai otra posibilidade para a humanidade: ou muda a actual situación mundial ou a especie corre o risco real de extinción. Para entendelo non hai que ser científico nin perito en matemáticas; é suficiente coa aritmética que reciben os nenos no ensino primario.

Os pobos serán ingobernábeis. Non existen métodos represivos, torturas, desaparicións nin asasinatos en masa que podan impedilo. E na loita pola sobrevivencia, a dos seus fillos e os fillos dos seus fillos, estarán non só os famentos do Terceiro Mundo; estarán igualmente todas as persoas conscientes do mundo rico, quer traballadores manuais ou intelectuais.

Da crise inevitábel, e moito máis cedo do que tarde, sairán pensadores, guías, organizacións e políticas da máis diversa índole que farán o máximo esforzo por preservaren a especie. Todas as augas xuntaranse nunha soa dirección para varrer os obstáculos.

Sementemos ideas, e todas as armas que esta bárbara civilización creou sobrarán; sementemos ideas, e a destrución irremediábel do noso medio natural de vida poderá impedirse.

Cabería preguntarse, se xa non é tarde demais. Son optimista, digo que non, e comparto a esperanza de que un mundo mellor é posíbel.

Fidel Castro Ruz
Presidente do Consello de Estado da República de Cuba
La Habana,13 de xuño de 2004