Inicio » Nacional » Discursos na Homenaxe a Reboiras.

Discursos na Homenaxe a Reboiras.

Discurso da FPG de Brais Fidalgo

 

Bo dia a todos e a todas,

Para nós é unha honra participar neste acto de lembranza e recoñecemento de Xosé Ramón Reboiras Noia, un 12 de agosto, no día que se cumpre 42 anos do seu asasinato pola policía do réxime franquista.

Para nós é unha obriga lembrar a Xosé Ramón Reboiras. No persoal e no político. No plano persoal, pois temos camaradas e compañeiros que o quixeron ben e compartiron con el anos de vida moi intensos, anos dos que xamais se esquecen.

No plano político é tamén unha obriga, pois Xosé Reboiras Reboiras, ou Pepe Reboiras como lle chamaban os seus, continúa a ser un referente militante e dirixente na esquerda republicana galega. Un dos principais artífices de que a esquerda soberanista e independentista de praxe comunista, así como moitas das organizacións populares, e plurais, galegas sexan hoxe unha realidade vizosa.

Reboiras non só foi dirixente da Unión do Pobo Galego cando a UPG era o noso Partido, foi moito máis.

Foi crucial en todas as súas frontes, Reboiras sementou revolución galega que floreceu por todo o País: na cultura, no estudantado, no movemento obreiro. A consciencia de que o noso Pobo debe organizarse en todos os ámbitos de cara a acumular forzas para a ruptura co réxime oligarca e a emancipación nacional e social. Boa parte do que hoxe coñecemos como organizacións galegas de masas debémosllo a Reboiras, mais non só.

A visión política que representou Reboiras continúa viva, o seu exemplo tamén. A visión da Unidade Popular, e da praxe revolucionaria evitando e

combatendo o esquerdismo, pero tamén a práctica política non sectaria e chea de compromiso militante.

E todo isto a pesar de que os anos 70 que lle tocaron vivir foron anos moi duros, anos nos que a esquerda nacionalista estábase reorganizando, e a xeración de Reboiras que capitaneaba este remozamento tivo un papel esencial nesta labor.

A pesar da ditadura fascista e españolista, a pesar da clandestinidade e da represión. Os galegos e galegas de hoxe debémoslle moito a esta xeración e a outras anteriores, xeración de homes e mulleres para as cales a súa entrega foi total, mesmo a vida como no caso de Reboiras. Ou de Baena e Sánchez Bravo, por poñer algúns nomes sobranceiros de veciños de Vigo comprometidos coa loita obreira, e cos cales a institución de todos os vigueses, o Concello de Vigo ten aínda unha conta pendente na homenaxe a estes loitadores contra o fascismo.

Así, anunciamos que reclamaremos de novo, por todas as canles que teñamos á nosa disposición, que o Concello de Vigo teña unha homenaxe para Reboiras e toda esta xeración de loitadores antifascistas que deron a súa vida pola emancipación das clases populares galegas.

O recoñecemento legal para Reboiras como vítima da ditadura franquista en 2009 foi unha conquista agardada e loitada. Agora ben, a súa restitución non pode quedar só aí, o seu exemplo e legado debe expandirse da mesma maneira que el expandira Pobo e liberdade percorrendo o País no seu coche. A Memoria Histórica debe exercerse diariamente en todas as institucións nas que estamos, en Concellos ou

Parlamentos, pero sobre todo nos espazos nos que nos asociamos comunalmente, e no caso de Reboiras a súa memoria debe practicarse na militancia diaria dunha Galicia ceibe e socialista. Porque como diciamos, Reboiras foi moito máis: O espello de militantes, o legado vivo para unha sociedade socialista e libre, para unha Galicia ceibe.

A mellor homenaxe a Reboiras é vencermos! A mellor homenaxe é a loita xenerosa e colectiva, sen individualismo nin os egos dos e das que se dan cobadazos na ansia de pisar moqueta a calquera prezo, esquecéndose do fin último emancipador. A mellor homenaxe é unha loita diaria baseada na solidariedade e xenerosidade, no respecto polos outros e no respecto pola verdade, lonxe dos valores do capitalismo como o egoísmo, a rapacidade e o desprezo polos outros seres. Como nos dixo o comunista portugués Alvaro Cunhal, “a causa operaria inspira sentimentos de xenerosidade, de fraternidade, de solidariedade e de amor polo ser humano”. “O amor polo Pobo, a dedicación ao servizo dos seus intereses e dereitos, a honestidade, o traballo para o ben común, (…) en definitiva, a moral dos e das comunistas é parte integrante da forza revolucionaria do Partido”.

EIS, o exemplo de Reboiras que permanece na moral dos comunistas galegos e na alianza estable , permanente e xa definitiva cos nosos camaradas de organizacións irmás en espazos comúns de loita. O seu legado impulsounos e continua a impulsarnos no reforzamento da Unidade Popular para a ruptura con este Réxime, herdeiro da ditadura que o asasinou polas costas.

Por iso aínda temos pendente esta débeda con Reboiras, e por iso un ano máis prometémoslle a Terra dunha Galicia ceibe! Venceremos!!

Viva Reboiras! Viva Galicia Ceibe!

 

Discurso de Xeira, de Lucía España.

 

Hoxe cúmprense 42 anos do asasinato de Moncho Reboiras á mans do fascismo,  quen caía en combate, cubrindo a fuxida dos seus camaradas, aquela madrugada do 12 de agosto . Estamos aquí para  poñer en valor a  figura daquel mozo obreiro e combativo nacido en Imo, formado en Vigo e asasinado en Ferrol, como referente rebelde e exemplar para as xeracións actuais e futuras.

Aquela noite o a policía española non disparou a un mozo calquera. A súa militancia comeza formando parte dunha xeración que asumiu a difícil tarefa de aportar unha perspectiva de clase ao movemento nacional popular, que logo daría pé a consolidación orgánica do que daquelas  era o noso Partido, a UPG. Reboiras tiña madeira de dirixente desas que non se conseguen por decreto lei, desas persoas que co traballo diario e aptitude constructiva e aberta, aportando dirección política  na construcción de todos os referentes sectoriais; sindical, cultural e armado, sendo quen de seducir aos compañeiros dislecticamente, agás o reducto conservador que tomou o poder do Cumio Central trala súa morte e convertiu o partido no aparato sectario, dogmático e de réxime que é agora.

Mais hoxe non nos toca asistir a un acto litúrxico, hoxe é un día no que temos que aprender do exemplo militante de Reboiras e da súa praxe flexible e sempre contra a claudicación pero tamén contra a intransixencia e o esquerdismo, que a pesar das apariencias non deixan de ser dúas caras da mesma moeda. Por iso seguindo o espello  de militantes contribuiremos  no posible para crear todos os espazos e estruturas abertas e plurais que precise o pobo galego para a súa emancipación ata poder berrar : Viva Galicia Ceibe e socialista!