Inicio » Solidariedade » Unidade Antiimperialista

Unidade Antiimperialista

      Nos últimos días puidemos contemplar o final dunha traizón anunciada: os peóns otanistas ianqui-otomanos usaron sectores do nacionalismo kurdo para, como moitos xa advertiran, posteriormente abandonalos e aniquilalos.

Fagamos memoria: a ofensiva contra o lexítimo goberno democrático e popular de Al Asad, apoiado polas forzas obreiras e comunistas sirias, dura xa case unha década. Unha década de encarnizada e sádica pinza entre os corpos terroristas do imperialismo occidental e a súa quintacolumna fundamentalista islámica chamada ISIS.

O Goberno Sirio, nunha heroica resistencia antiimperialista, inaudita dende Viet Nam, foi quen de unificar todas as forzas populares, democráticas e progresistas, con propostas continuas ao nacionalismo kurdo de unificación baixo mando único, mixto e coordinado polo exército árabe sirio. Porén, a dirixencia política do nacionalismo kurdo das YPG/YPJ, nunha mostra de tacticismo curtopracista e (mal)calculando só intereses tribais, corporativos e chauvinistas, pactaron contra o goberno Sirio coas forzas otanistas, a cambio dunha incumprida promesa dun Estado etno-racial a imaxe e semellanza do Estado Sionista de Israel.

A actual comunidade kurda non cumpre as características que os comunistas entendemos que son constitutivas de Nación. Constitúese de varias etnias, separadas territorialmente, sen economía nin lingua común, e que, no caso sirio, está conformada por refuxiados políticos fuxidos de Irán e de Turquía, acollidos solidariamente polo gobernde Asad. O nexo común entre esta diversidade que conforma a comunidade kurda é un islamismo radical de carácter Suní (empregado polas potencias occidentais como quintacolumna entre os chiitas e os islamistas moderados e progresistas) e unha sociedade moi conservadora, afastada do ecoloxismo e do feminismo que trasladan dende os medios capitalistas. Por suposto, existen e teñen existido sectores avanzados e revolucionarios no movemento nacional kurdo, como o PKK de Ocalan, se ben tamén abandonaran e rexeitaron a teoría marxista.

Recentemente, as forzas imperialistas de Turquía e USA traizoaron os seus aliados kurdos, toda vez que estes deixaron de serlles útiles para as súas manobras de dominación no territorio. Non obstante, ningún erro do pasado por parte desas forzas kurdas debe impedir unha solidariedade internacionalista sen matices con todas aquelas vítimas da guerra de rapiña desatada polo imperio norteamericano e avalada polos súbditos occidentais. Polo mesmo principio de solidariedade internacionalista, sumámonos ao chamamento de unidade antiimperialista kurdo-siria, onde participen os Partidos Comunistas sirios, o goberno popular de Al Asad e as forzas democráticas kurdas en torno ao PKK.

Longa vida ao antiimperialismo e á solidariedade internacionalista!

C.C. da FPG