Inicio » Nacional, Publicacións, Congresos e Conferencias FPG, Organización » Valoración do IX Congreso da FPG: A alternativa comunista

Valoración do IX Congreso da FPG: A alternativa comunista

O Comité Central da Fronte Popular Galega valora positivamente o resultado do IX Congreso da FPG e afírmase na continuidade da súa liña histórica: a construción dunha Galicia independente e socialista mediante unha práctica baseada na procura da unidade popular a través da acumulación de forzas comprometidas co cambio social no noso país.

Vivimos nun contexto particularmente difícil para a clase traballadora galega. Aos efectos desmobilizadores da pandemia, engádeselle a socialización das perdas da Gran Recesión de 2019, que chega ata hoxe: os xestores do Gran Capital internacional pretenden seguir mantendo a súa taxa de beneficio afondando no proceso de explotación e expropiación da clase obreira. Esta dinámica vese agravada no caso galego pola natureza colonial e dependente da súa relación co estado español, como estamos a ver nestes días en que unha vaga de parques eólicos promovida polo gran capital extrativista monopolista español e, en menor medida, galego, se espalla por todo o territorio nacional.

O Comité Central da FPG considera, así mesmo, necesaria unha diagnose crítica do proceso de unidade popular tal e da súa concreción práctica nos últimos anos, xa que as derivas oportunistas e burocráticas supuxeron a perda de confianza do pobo galego na súa última conformación electoral, tal e como se verificou nas eleccións do 12 de xullo de 2020.

Secasí, cómpre tamén defender o valor das conquistas acadadas para a clase traballadora galega nas experiencias municipalistas emanadas da unidade popular, tanto nas chamadas “cidades do cambio” coma nalgunhas vilas do noso país, onde o seu labor foi recoñecido coa confianza de veciños e veciñas e co mantemento da súa representación institucional. A FPG comprométese a contribuír co seu traballo na continuidade destas formulacións municipalistas, así como a tratar de dotalas tamén da necesaria proxección nacional da súa loita.

En Vigo, o 5 de setembro de 2021

Viva Galicia Ceibe e Socialista!

Viva a Fronte Popular Galega!