Inicio » Nacional, Día da Patria 2010 » Día da Patria 2010: ABRINDO CAMIÑOS Á REPÚBLICA GALEGA

Día da Patria 2010: ABRINDO CAMIÑOS Á REPÚBLICA GALEGA

FPGHai agora un ano describiamos a grandes trazos a grave situación pola que atravesaba o noso Pobo e apuntabamos por onde se debían encamiñar os procesos que puderan pór couto a esta situación. Hoxe, en 2010, a situación vese seriamente agravada dada a profundización da crise do modo de produción capitalista e das receitas que desde o Estado español se están a impor para sandar á besta ferida non só transferindo de xeito escandaloso os custes da recuperación do capitalismo sobre a clase obreira e as camadas populares, como xa sinalabamos o pasado ano, senón mesmo declarando o goberno do PSOE e por decreto a guerra ás conquistas da clase obreira e todo isto nun escenario no que é imposíbel agochar as grandes e graves carencias democráticas dese Estado.Neste novo Día da Patria desde a Frente Popular Galega (FPG) queremos compartir con aquelas galegas e galegos que acreditan nunha Galiza de seu, organizadas ou non politicamente, e, en xeral, co pobo traballador galego, unha serie de reflexións arremuiñadas ao redor de dous versos de Rosalía da que apenas hai quince días comemoramos o 125 aniversario do seu pasamento e que para vergoña de todas e todos hoxe atopámola secuestrada xunto co noso Panteón Nacional pola Igrexa católica coa conivencia do goberno autonómico, nunha nova mostra da necesidade de superar de vez o actual réxime. Estas reflexións non pretenden profundizar na análise da situación da que todas e todos somos sufridores senón en apuntar cales poden ser as claves para mudar de xeito radical esa situación abrindo camiños á nosa liberación.

No sembrante a alegría
Non podemos agochar que vivimos un momento histórico difícil e dada a correlación de forzas actual o tempo traballa contra nós. Nunha nación exhausta tras unha secular colonización, na que a expoliación dos seus recursos materiais foi e segue sendo norma, na que a expropiación e esterilización dos seus recursos simbólicos foi e segue sendo norma, na que os seus dereitos colectivos foron e seguen sendo negados, na que a inmesa maioría dos seus habitantes foron e seguen sendo sobreexplotados, nunha Galiza, en definitiva, negada, abatida, expoliada e apreixada no estreito marco do Estado español, o tempo traballa teimudamente á contra.

Porén e a pesar de todo podemos e debemos manter a esperanza: existen serias posibilidades de reconducir o curso actual dos acontecementos dado que arestora e desde a honestidade ninguén pode negar a existencia de condicións obxectivas e subxectivas para iniciar os procesos necesarios que permitan mudar de raíz a actual situación.

Hoxe a inmensa maioría formada polas traballadoras e traballadores, xunto cos extractos das camadas populares enfrontados obxectivamente aos intereses do grande capital e do imperialismo ?chámese este España e/ou Unión Europea? teñen, temos, potencialidade abondo para constituírmonos en República. O marco xurídico e político imposto sobre o noso pobo amósase non só incapaz de corrixir senón e sobre todo é o principal factor da nosa prostración colectiva. Cómpre, pois, actuar en consecuencia. Hoxe insistir desde o campo nacional na vía autonomista significa colaborar conscientemente co inimigo do pobo traballador galego. Non hai volta atrás. Tamén en Galiza e á nosa maneira o modelo autonómico está esgotado. Comecemos pois o reagrupamento pola esquerda das forzas dispostas a superalo e a construír a República Galega: nesta tarefa sobran tan só o derrotismo e o pesimismo.

No corazón o esforzo
Xa que logo a FPG considera que non só se dan as condicións mais tamén é urxente camiñar cara a superación do marco autonómico, acompañando ?nunca suplantando? ao movemento obreiro e popular, desenvolvendo un amplo labor de pedagoxía política a prol da nosa República co horizonte posto no socialismo. Para isto é preciso facermos entre todos un grande esforzo colectivo que permita desbloquear o campo político nacional superando esquemas do pasado. Xa o temos dito: se agora non asumimos as responsabilidades que estes tempos demandan, se nesta década non arriscamos, Galiza pode ficar definitivamente na gabeta das nacións extintas.

A principal tarefa neste intre ten que ser a acumulación de forzas en torno a un programa progresista e con entidade abondo que nos permita situar na axenda política a necesidade de superar o marco autonómico. Contando con todos mais sen agardar por ninguén debemos comezar a construír a ferramenta política ampla e plural que nos permita afrontar os obxectivos marcados. Agora é o momento.

A FPG agarda que dentro dun ano cando esteamos novamente celebrando o noso día nacional podamos afirmar que cando menos os primeiros pasos están dados e sobre todo consolidados. Só así poderemos ir abrindo os camiños que nos levarán á nosa República, aquela que terá por cores a branca, a azul e a vermella da estrela de cinco puntas, guieiro que é para a nosa liberación plena. Con alegría e esforzo seguro que o acadamos.

Viva o Día da Patria!
Viva Galiza Ceibe e Socialista!

25 de xullo de 2010

Etiquetas: