Inicio » Nacional, Internacional, Solidariedade, Euskal Herria » Declaración da FPG pola normalización política en Euskal Herria

Declaración da FPG pola normalización política en Euskal Herria

O C.C. da Frente Popular Galega (FPG), a través do presente comunicado, expresa o seu total apoio tanto á normalización política de Euskal Herria como á plena capacidade de asociación política concretada no recoñecemento e a legalización da Esquerda Abertzale en base aos seguintes argumentos democráticos:

1.- Os estatutos do novo partido político presentados pola Esquerda Abertzale observan todos os requisitos xurídicos esixidos pola lei de partidos. Téñase en conta ademais que estamos a asistir ao absurdo de ver partidos, como Falanxe Española, cualificados como perfectamente lexítimos, o que representa un contrasenso legal.

2.- Non podemos aceptar retrotraernos ao franquismo sen Franco, tendo que volver reclamar a liberdade de asociación e reunión. Por este motivo, o novo partido político debe ser declarado legal para que poida participar en igualdade de dereitos que o resto dos partidos, tanto nos procesos electorais como na vida política de Euskal Herria, entre outros motivos, para non vivir nunha fraude electoral continua.

3.- A ningún observador político pódelle pasar inadvertido que a mellor garantía de paz pasa por potenciar un proceso de diálogo, negociación e acordo político, para o que é vital loitar pola recuperación de plenas liberdades democráticas e á vez apostar polos principios Mitchell como vía solvente para acadar a resolución dun conflito político desde vías democráticas.

4.- Debe finalizar o xogo sucio do Estado español que está a impedir a libre participación dunha parte importantísima do pobo vasco na vida política, para iso, o goberno español debe implicarse na normalización política, obviando unha política de submisión á embaixada norteamericana.

5.-Lembramos ao goberno español que a paz é o respecto ao dereito alleo. Por iso, pedimos que se implique na normalización política de Euskal Herria apostando pola democracia, que pasa necesariamente pola legalización do novo partido da Esquerda Abertzale, porque ademais sería un paso de xigante para atinxir unha paz xusta, duradeira e necesaria.

6.- Así mesmo, pedimos ao goberno español, á Unión Europea e ás instancias internacionais que se garanta o respecto aos dereitos deste partido político.

Etiquetas: