Inicio » Internacional, Libia » Cando olles arder Libia

Cando olles arder Libia

1

En 1984 viaxo durante horas por desertos libios que parecen paisaxes lunares até complexos de cabrias e refinarías semellantes a estacións espaciais. De alí saen cada día 1.600.000 barrís de petróleo que manteñen funcionando Europa. Libia ten reservas estimadas en 42 mil millóns de barrís. As potencias hexemónicas viven do constante dispendio da enerxía fósil que non posúen. En lugar de habilitar enerxías alternativas, saquéana a países que si a teñen. Cóidate da malignidade daquel a quen favoreces, reza o proverbio libio. A primeira condición que debe cumprir hoxe un país para ser invadido é ter hidrocarburos ou ser zona de paso destes.

2

En 1836 Libia é asaltada por turcos, en 1912 invadida por italianos, en 1943 conquistada por ingleses, en 1951 ocupada por tropas británicas, estadounidenses e italianas que sosteñen ao monicreque rei Idris, quen acapara os crecentes ingresos petroleiros. En 1969 Muammar Kadafi, un coronel de 27 anos, comanda unha rebelión militar que expulsa as bases estranxeiras, crea en 1970 a Compañía Nacional de Petróleo que domina a metade da produción, e en 1977 proclama a Gran República Popular Socialista Árabe da Jamahiriya. Cando o gando cae, locen os coitelos, advirte o refrán libio. A segunda condición para que un país sexa invadido é que asuma o control dos seus recursos naturais.

3

En 1984 asisto en Trípoli ao 15 aniversario da Jamahiriya. Presencio multitudinarias asembleas populares onde se debaten e aparentemente se resolven problemas. O Libro Verde preséntase como a Terceira Teoría Universal, e proclama a iniciativa e primacía das organizacións de base. Afirma que “a democracia é o poder do pobo e non o poder dun substituto do pobo”. Asevera que “a representación é unha impostura”. Proclama que “o partido representa só a unha fracción do pobo, mentres que a soberanía popular é indivisíbel”. Aduce que “os congresos populares son o único medio da democracia popular”. O pobo divídese en congresos populares de base; cada congreso elixe un comité que o dirixe e o conxunto de comités forman os congresos populares. Nas rúas as damas usan veo, mais nos desfiles os batallóns femininos locen magníficos rostros e cabeleiras; hai mulleres científicas e raparigas pilotos de avións de combate. Libia ten para 2010 un PIB estimado duns 76.557 mil millóns de dólares, con incremento anual de 6,7%. Actualmente as súas exportacións anuais duns 63.050 millóns de dólares comparadas coas súas importacións de 11.500 millóns outórganlle unha balanza comercial amplamente favorábel e posibilítana para acumular reservas por uns 200.000 millóns de dólares, que apoian unha insignificante débeda externa de 5.521 millóns de dólares. Iso repórtalle o maior PIB per cápita (14.534$) e o mellor Índice de Desenvolvemento Humano en África. A expectativa de vida é de 74 anos, a mortalidade infantil de 18 por l.000 e o analfabetismo de 5,5%; o gasto en Educación é do 2,7% do PIB mentres que o de Defensa non excede de 1,1% do PIB. Porén, subsiste un 30% de pobreza. Quen non axuda á súa familia, non axuda a ninguén, ensina o proverbio libio. A terceira condición para ser invadido é apoiarse nas bases populares e redistribuír a riqueza social.

4

A Jamahiriya non só avoga pola democracia directa. É nacionalista, porque expulsa bases militares estranxeiras e apropia recursos naturais. É integracionista, pois apoia a Unión Africana e predica a coordinación ou confederación do Mundo Árabe, unha comunidade cultural de 339.128.336 habitantes distribuídos en tres continentes sobre 13.707.811 quilómetros cadrados e que posúe a maioría dos recursos enerxéticos do planeta. Libia defende estes recursos apoiando con firmeza as decisións da Organización de Países Exportadores de Petróleo. Nos seus primeiros tempos a Jamahiriya é internacionalista. Na Conferencia sobre o 15 aniversario de Al Fatah en Trípoli interveñen un xigantesco dirixente dos indíxenas en Estados Unidos, quen denuncia duramente o xenocidio contra o seu pobo; o reverendo afroamericano Farrakah, quen ameaza á potencia norteña con tormentas, saraiba e guerra nuclear; o comandante Tomás Borge, quen rexeita humanisticamente calquera hipótese que leve ao holocausto atómico, delegados de Al Fatah que nos reúnen en sesión aparte para explicarnos as diferenzas internas no seu movemento. Esta solidariedade atrae a condena unánime das potencias que loitan por desintegrar o resto do planeta. Unha man soa non aplaude, reflexiona o aforismo libio. A cuarta condición para ser invadido é predicar a integración do Terceiro Mundo.

5

Nun oasis frecuentado por cameleiros xanto año asado. O 90% do seis millóns de libios son musulmáns. Como nos restantes países islámicos, ás diferenzas entre clases e ideoloxías se superpoñen as de parcialidades relixiosas e a estas as de seitas e clans e etnias e rexións e xeracións, máis as diverxencias con máis de medio millón de inmigrados. Demasiados capitáns afunden o barco, reza o dito libio. A quinta condición para ser invadido é que os agresores dividan para imperar.

6

Durante o 15 aniversario da Jamahiriya vexo pasar a pouca distancia a Kadafi. É para entón un mozo con sobrio uniforme verde, que fala e discute animadamente coa multitudinaria asemblea. Poucos seres foron máis adulados polas potencias para comprarlle petróleo, poucos máis satanizados polos medios delas para desposuílo del. Tribunais internacionais xordos, cegos e mudos ante a impunidade do terrorista Posada Carriles condenaron a Libia pola suposta voadura dun avión en Inglaterra. Kadafi pagou baixo protesta as indemnizacións do caso. Sen previa declaratoria de guerra, a administración Reagan viola o espazo aéreo no golfo de Sirte en 1981 e en 1986 bombardea Trípoli, arrasa a residencia de Kadafi, asasínalle unha filla e preto dun centenar de compatriotas. As mesmas axencias noticiosas que celebraron ese xenocidio deploran agora supostos bombardeos contra manifestantes. Telesur envía dous equipos á área, que non atopan rastros de bombardeos. O exército ruso demostra con imaxes satelitais que tales ataques non ocorreron. Si hai nutridos intercambios de fogo entre leais e sublevados. Estes non son, por tanto, manifestantes inermes. As axencias de Estados Unidos, cuxo exército é de mercenarios, minten que os defensores do goberno son “mercenarios”. Entre o seu repertorio de disparadores de pánico non deixan de invocar as “armas químicas” xa atribuídas a Iraq. Quen replica ao león, ten mal alento, advirte o proverbio libio. A sexta condición para ser invadido é ser demonizado polas axencias internacionais.

7

A tormenta informativa tradúcese en falta de información. Que acontece realmente en Libia? Seguen funcionando as organizacións populares, ou son desprazadas por clases políticas? Substitúe a representación á participación? É críbel que aumenten ao unísono o Índice de Desenvolvemento Humano e o descontento social? Cedeu Kadafi ante o acoso de imperios e transnacionais? É sincera a inimizade con Libia de potencias que durante corenta anos mercaron o seu petróleo e vendéronlle armas? Durante ese lapso os omnipresentes medios omiten toda explicación. Mentres mandatarios de Estados Unidos e monopolios mediáticos desfanse en eloxios a favor dos sublevados, que defenden estes? que planean? que propoñen? As únicas credenciais do FNSL consisten en realizar un “Congreso Nacional” en Estados Unidos en 2007, financiado pola NED. Todos os medios do mundo esperan para difundir os seus plans. Se non os declaran, é porque non os teñen ou son inconfesábeis. Se se opoñen a Kadafi, privatizarán os hidrocarburos? Se en verdade teñen apoio popular, para que necesitan a esmagadora intervención da primeira potencia militar do mundo? Se desexan o ben do seu país, por que o expoñen á aniquiladora invasión de imperios estranxeiros? Non busques o pracer na desgraza de outro, aconsella a máxima libia. A sétima condición para ser invadido é ser falsificado pola desinformación.

8

Estados Unidos bloquea con portaavións nucleares a costa libia e confusos despachos afirman que desembarca “asesores” armados até os dentes, mentres pacta contubernios de salteadores coa Unión Europea e un helicóptero militar da OTAN é capturado en flagrante violación da soberanía do país árabe. Walter Martínez revela que a London School of Economics preparaba a substitución da dirixencia do país agredido: catrocentos bolseiros libios eran adestrados nas excelencias do neoliberalismo salvaxe. Como nun pesadelo vemos repetirse a situación iraquí. O plan é roubar o petróleo libio para con el lanzar un dumping que arruíne e desarticule os gobernos da OPEP. A única política estadounidense é o saqueo global de hidrocarburos, o cal a longo prazo conduce ao bloqueo enerxético das restantes potencias e á Guerra Mundial. Venezuela propón unha mediación, que Kadafi e a Liga Árabe aceptan, e o ALBA convoca unha reunión plenaria para discutir a situación. A carga compartida pesa menos que unha pluma, reza o apotegma libio. Cando olles un país do Terceiro Mundo arder baixo a agresión imperial, pon a túa solidariedade a remollo.

A FPG non ten por que compartir necesariamente os contidos dos artigos de Opinión e de Outras voces, aínda que por unha razón ou outra os consideremos de interese.

¦¦ Fonte: luisbrittogarcia

Etiquetas: