Inicio » Municipais 2011, Vigo 2011 » A FPG propón o traslado da Universidade ao centro de Vigo

A FPG propón o traslado da Universidade ao centro de Vigo

A candidatura da Frente Popular Galega ao Concello de Vigo volve facer unha proposta programática orixinal na metade da campaña, tal como aconteceu na de hai catro anos coa idea de converter o Museo do Verbum no que a FPG deu en chamar o Tiro das Artes. E é que, por vez primeira, unha candidatura viguesa aposta polo paulatino traslado da Universidade de Vigo desde Lagoas-Marcosende ao centro da cidade.

A nosa proposta, lanzada en exclusiva o pasado xoves 12 de maio no programa ¨Hoy por hoy¨ de Radio Vigo, baséase en:

Apoiar desde a institución do Concello á Universidade de Vigo para a axuda de cesión, compra, promoción e rehabilitación de espazos baleiros da nosa cidade, tales como naves industriais, edificios ruinosos e históricos baleiros, etc. para implantarmos neles as facultades. Para darlle ese carácter universitario do que tanto carece a nosa cidade, para que as e os estudantes non estean á marxe da sociedade, e para facer a vida das e dos nosos xoves un pouco menos estresante, que se relacionen entre si e que non teñan que desprazarse durante case unha hora para chegar ao seu centro de estudo.

A nosa aposta consiste en ir baixando paulatinamente as facultades do Complexo Universitario de Vigo (CUVI) á cidade, como se está a facer nas instalacións da ETEA, co chamado Campus do Mar (proxecto que se distinguíu co Título á Excelencia Europea, e que nós valoramos moi positivamente), para rematar co aillamento interesado desde a súa concepción tardofranquista coa fin de que o estudantado ficase á marxe da sociedade.

Sabemos que a competencia non é exclusiva do Concello, máis colaboraríamos man a man coa Universidade de Vigo en propostas como a do Campus do Mar. Proporíamos novas ideas de desprazamento, compra e rehabilitación, tendo sempre en conta a inversión millonaria que se fixo durante décadas no campus de Zamáns e o valor arquitectónico tan importante que alí quedaría. Por iso nós non pretendemos a destrución do CUVI, senón que a FPG de Vigo propón que as instalacións de Lagoas-Marcosende sexan utilizadas para as facultades de Enxeñaría Forestal, Ciencias Ambientais, Grao en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, Enxeñaría Técnica Agrícola, Enxeñaría Ambiental, así como para estudos de Formación Profesional relacionados co agro e o rural. Combinado coa creación dunha colonia agrícola integrada nos montes comunais e potenciar a personalidade rural da parroquia de Zamáns (a única no noso Concello que conta con esa distinción), e asegurar así o seu futuro e viabilidade.

Etiquetas: ,