Inicio » Internacional, Grecia » Grecia en folga! Primeiro día

Grecia en folga! Primeiro día

A terza feira 28 de xuño comezou a folga xeral de 48 horas contra o novo pacote de medidas antipopulares que está en discusión que se aprobará posibelmente a cuarta feira 29 de xuño pola maioría parlamentar que ten o partido socialdemócrata gobernante, o PASOK.

O grupo parlamentar do KKE solicitou a realización dunha votación nominal do proxecto de lei, mentres o orador principal do KKE, N. Karathanasopoulos, subliñou que as medidas promovidas polo Goberno, na realidade, teñen como obxectivo o reforzo da competitividade e da rendibilidade dos capitalistas mediante o ataque á clase obreira e os seus dereitos. O grupo parlamentar do KKE retirouse da discusión e regresará para a votación.

Ao mesmo tempo, desde o estrado do parlamento, o primeiro ministro G. Papandreou, caracterizou a aprobación do novo pacote de medidas antipopulares como “deber patriótico”.

A Oficina de Prensa do CC do KKE no seu comentario sobre o discurso do primeiro ministro sinalou que: “O primeiro ministro propuxo como solución para a débeda, o déficit e a crise, a atracción de investidores. Con iso concordan tamén os demais partidos e por iso están de acordo e apoian as medidas antipopulares que esmagan os dereitos laborais e salariais e as conquistas do pobo. Porén, os traballadores, os mozos non deben aceptar os sacrificios duros que se lles impoñen para un desenvolvemento que traerá salarios e dereitos do nivel de China.”

Ao mesmo tempo, o vicepresidente do goberno Th. Pagalos, nunha entrevista cun xornal estranxeiro expuxo ao pobo grego o dilema intimidante “novo pacote de medidas antipopulares ou tanques”. Na súa resposta á Oficina de Prensa do CC do KKE subliña que: “O pobo, que aprende da súa historia, debe responder que un pobo subxugado está ameazado pola quebra e os demais “malos” da barbarie capitalista. Tan só un pobo organizado e determinado a loitar polos seus dereitos e o seu poder pode rexeitar estas medidas e tomar nas súas mans os bancos e os monopolios para que sirvan as súas necesidades, non para que o rouben”.

Preparación para a folga

Neste ambiente político, as forzas da Frente Militante de Todos os Traballadores (PAME) loitaron para organizar a folga.

A segunda feira pola mañá realizaron unha ocupación simbólica da Acrópole.

Esta iniciativa, saudada polos traballadores, provocou a reacción furiosa da dereita, o partido da ND, do partido nacionalista-racista LAOS e dos medios de comunicación burgueses que acusaron ao PAME de “profanación dos monumentos sacros”.

Na súa resposta, a Oficina de Prensa do KKE sinala que: “A ND pretende ocultar que esencialmente está de acordo cos memoranda e o programa e medio prazo, pero o seu odio cara ás loitas do movemento da clase obreira en contra deles, non llos permite. Que saiban -o PASOK, a ND, o LAOS e outros- que os monumentos non se profanan polas mobilizacións do pobo mais si pola súa comercialización, e que o que difama o país non é a loita popular senón a miseria da xente.”

A segunda feira 27 de xuño pola tarde, as forzas do PAME realizaron protestas con faixas e concentracións para propagaren a folga de 48 horas en decenas de barrios populares nas grandes cidades de Grecia.

28 de xuño. Primeiro día da folga

A mañá do día 28 de xuño as forzas clasistas do PAME -igual que o período anterior- formaron piquetes fóra das fábricas, as empresas comerciais, os sitios de construción, os hoteis, as oficinas, e desde a medianoite ás rampas dos barcos.

Especialmente dura foi a protección da folga dos mariñeiros xa que a súa federación de sindicatos xogou un papel de quebra-folgas. Os sindicatos con orientación de clase, PEMEN e Stephenson, é dicir os sindicatos dos enxeñeiros e da tripulación nos motores dos barcos que se aglutinan co PAME, tomaron a decisión de participar na folga de 48 horas e xunto con eles os sindicatos dos cociñeiros e dos electricistas dos barcos. A folga destes sindicatos e os piquetes que se formaron polas forzas do PAME paralizaron o maior porto do país, o Pireo, que se asolagou polas forzas dos sindicatos do PAME.

En Tesalónica, a segunda cidade máis grande do país, desde moi cedo as forzas do PAME bloquearon as sete entradas na zona industrial da cidade paralizando a produción industrial.

Ás 10 da mañá os manifestantes chegaron ás prazas para participar nas concentracións. En Atenas reuníronse en varios lugares e desfilaron por diferentes rúas do centro da cidade para chegar á praza de Sintagma, fronte o parlamento, bloqueando todas as rúas principais ao redor da praza de Sintagma.

Nun comunicado, a Secretaria Xeral do CC do KKE, Aleka Papariga, desde a manifestación do PAME, sinalou que: “A quebra controlada xa foi decidida. O que piden do pobo é que baixe a cabeza para o próximos cincuenta anos a fin de que pasen as peores medidas. A loita xulgarase nas oficinas, nas fábricas, nos centros de traballo en xeral, no campo e nos barrios onde están os pequenos comercios. E esta loita levará á vitoria, isto é seguro.”

Algunhas das palabras de orde que predominaron nas concentracións do PAME:

“Pobo, érguete! Non te comprometas coas medidas do goberno.”

“Patriotismo é o que é xusto para o pobo, non o que xera ganancias para os capitalistas”

“Sen os obreiros non se move nin sequera unha engrenaxe. Obreiro, podes prescindir dos patróns!”

” Abonda xa co engano! O capitalismo non se fai humano!”

O PAME programou nova concentración masiva a terza feira pola tarde no centro da capital.

28/6/2011

¦¦Fonte: KKE – Partido Comunista de Grecia

Etiquetas: , ,