Inicio » Formación, Ernesto Guevara » Mensaxe aos pobos do mundo a través da Tricontinental

Mensaxe aos pobos do mundo a través da Tricontinental

Cumpríronse vinteún anos desde a fin da última conflagración mundial e diversas publicacións, nun número infinito de linguas, celebran o acontecemento simbolizado na derrota de Xapón. Vívese un clima de aparente optimismo en moitos sectores dos distintos eidos nos que o mundo se divide.

Vinteún anos sen guerra mundial, nestes tempos de confrontacións máximas, de choques violentos e mudanzas repentinas, semellan ser unha cifra moi elevada. Pero, sen analizar os resultados prácticos desa paz pola que todos nos manifestamos dispostos a loitar (a miseria, a degradación, a explotación cada vez maior de enormes sectores do mundo) cabe preguntarse se é real.

Non é intención destas notas historiar os diversos conflitos de carácter local que sucederon desde a rendición de Xapón, tampouco non é a nosa tarefa facer reconto, numeroso e crecente, de loitas civís acontecidas durante estes anos de pretendida paz. Abóndenos pór como exemplos contra o desmedido optimismo, as guerras de Corea e Vietnam.

Na primeira, despois de anos de loita fervente, a parte norte do país quedou sumida na máis terríbel devastación que figure nos anais da guerra moderna; furada a bombas; sen fábricas, escolas ou hospitais; sen ningún tipo de cuarto para albergar a dez millóns de habitantes.

Nesta guerra interviron, baixo a pretendida bandeira das Nacións Unidas, decenas de países conducidos militarmente polos Estados Unidos, coa participación masiva de soldados desa nacionalidade e o uso, a xeito de proba, da poboación subcoreana enrolada.

No outro bando, o exército e o pobo de Corea e máis os voluntarios da República Popular Chinesa contaron co abastecemento e a asesoría do aparato militar soviético. Por parte dos norteamericanos, fixéronse toda clase de probas de armas de destrución, excluíndo as termonucleares pero incluíndo as bacteriolóxicas e químicas, en escala limitada. En Vietnam, aconteceron accións bélicas, sostidas polas forzas patrióticas dese país case ininterrompidamente contra tres potencias imperialistas: Xapón, cuxo poderío sufrira unha caída vertical a partir das bombas de Hiroshima e Nagasaqui, Francia, que recuperara daquel país vencido as súas colonias indochinesas e ignoraba as promesas feitas nos momentos difíciles; e os Estados Unidos, nesta última fase da contenda.

Houbo confrontacións limitadas en todos os continentes, aínda cando no americano, durante moito tempo, só se produciron conatos de loita de liberación e cuartelazos, até que a Revolución cubana deu a súa clarinada de alerta sobre a importancia desta rexión e atraeu as iras imperialistas, obrigándoa á defensa das súas costas en Playa Girón, primeiro, e durante a Crise de Outubro, despois.

Este último incidente puido ter provocado unha guerra de incalculábeis proporcións, ao producirse, en torno a Cuba, o choque de norteamericanos e soviéticos.

Mais, evidentemente, o foco de contradicións, neste momento, está radicado nos territorios da península indochinesa e os países próximos. Laos e Vietnam son sacudidos por guerras civís, que deixan de ser tales ao facerse presente, con todo o seu poderío, o imperialismo norteamericano, e toda a zona se converte nunca perigosa espoleta presta a detonar.

En Vietnam, a confrontación adquiriu características dunha agudeza extrema. Tampouco é a nosa intención historiar esta guerra. Simplemente, sinalaremos algúns fitos de lembranza.

En 1954, trala derrota aniquiladora de Dien-Bien-Phu, asináronse os acordos de Xenebra, que dividían o país en dúas zonas e estipulaban a realización de eleccións nun prazo de 18 meses, para determinar quen debía gobernar Vietnam e cómo se reunificaría o país. Os norteamericanos non asinaron o devandito documento, comezando as manobras para substituír ao emperador Bao Dai, monicreque francés, por un home adecuado ás súas intencións. Este resultou ser Ngo Din Diem, cuxa tráxica fin –a da laranxa espremida polo imperialismo- é coñecida de todos.

Nos meses posteriores a asinar o acordo, reinou o optimismo no campo das forzas populares. Desmanteláronse redutos de loita antifrancesa no sur do país e esperouse o cumprimento do pactado. Pero axiña comprenderon os patriotas que non habería eleccións se os Estados Unidos non se sentasen quen de impor a súa vontade nas urnas, cousa que non podía acontecer, aínda empreñando todos os métodos de fraude coñecidos por eles.

De novo, iniciáronse as loitas no sur do país e foron adquirindo maior intensidade deica chegar ao momento actual, no que o exército norteamericano se compón de case medio millón de invasores, mentres as forzas monicreques diminúen o seu número e, sobre todo, perderon totalmente a combatividade.

Hai preto de dous anos que os norteamericanos comezaron o bombardeo sistemático da República Democrática de Vietnam, nun intento máis de frear a combatividade do Sur e obrigar a unha conferencia desde posicións de forza. No comezo, os bombardeos foron máis ou menos illados e revestíanse da pantalla de represalias por supostas provocacións do Norte. Despois aumentaron en intensidade e método, até se converter nunca xigantesca batida levada a cabo polas unidades aéreas dos Estados Unidos, día a día, co propósito de destruír todo vestixio de civilización na zona norte do país. É un episodio da, tristemente célebre, escalada.

As aspiracións materiais do mundo ianqui cumpríronse en grande parte malia a denotada defensa das unidades antiaéreas vietnamitas, dos máis de 1.700 avións derrubados e da axuda do campo socialista en material de guerra.

Existe unha realidade que nos abate: Vietnam, esa nación que representa as aspiracións, as esperanzas de vitoria de todo un mundo pretendido, está traxicamente soa. Ese pobo debe aturar os embates da técnica norteamericana, case a eito no sur, con algunhas posibilidades de defensa no norte, pero sempre só. A solidariedade do mundo progresista co pobo de Vietnam semella a amarga ironía que significaba para os gladiadores do circo romano o estímulo da plebe. Non se trata de desecar éxitos ao agredido, senón de vivir a súa mesma loita; acompañalo na morte ou na vitoria.

Cando analizamos a soidade vietnamita, asáltanos a angustia deste momento ilóxico da humanidade. O imperialismo norteamericano é culpábel de agresións; os seus crimes son inmensos e repartidos por todo o orbe. Sabémolo, señores! Mais tamén son culpábeis os que, nese intre de definición vacilaron en facer de Vietnam parte inviolábel do territorio socialista, correndo, si, os riscos dunha guerra de achega mundial, pero tamén obrigando a unha decisión aos imperialistas norteamericanos. E son culpábeis os que manteñen unha guerra de acusacións e trampas comezada hai ben tempo polos representantes das dúas meirandes potencias do eido socialista.

Preguntémonos, para acadar unha resposta honrada: está ou non illado Vietnam, facendo equilibrios perigosos entre as dúas potencias en pugna?

E, que grandeza a dese pobo! Que estoicismo e valor, o dese pobo! Que lección para o mundo agocha esa loita.

Até dentro de moito tempo non saberemos se o presidente Johnson coidaba, en serio, iniciar algunhas das reformas necesarias para un pobo –para limar arestas das contradicións de clase que axexan con forza explosiva e cada vez máis frecuentemente. O certo é que as melloras anunciadas baixo o pomposo título de loita pola grande sociedade caeron no sumidoiro de Vietnam.

O máis grande dos poderes imperialistas sente o desangue nas súas entrañas, provocado por un país pobre e atrasado e a súa fabulosa economía reséntese do esforzo de guerra. Matar deixa de ser o máis cómodo negocio dos monopolios. Armas de contención, e non en número suficiente, é todo o que teñen estes soldados marabillosos, ademais do amor á súa patria, a súa sociedade e un valor a toda proba.

Pero o imperialismo enlámase en Vietnam, non atopa camiño de saída e procura desesperadamente algo que lle permita esquivar con dignidade este perigoso trance no que se ve. Mais os “catro puntos” do norte e “os cinco” do sur asfíxiano, facendo aínda máis decidida a confrontación.

Todo parece sinalar que a paz, esa paz precaria á que se deu tal nome, só porque non se produciu ningunha conflagración de carácter mundial, está outra vez en perigo de rachar perante calquera paso irreversíbel e inaceptábel dado polos norteamericanos. E, a nós, explotados do mundo, cal é o papel que nos corresponde? Os pobos de tres continentes observan e aprenden a súa lección en Vietnam. Xa que, coa ameza de guerra, os imperialistas exercen a súa chantaxe sobre a humanidade; non temer a guerra, é a resposta xusta. Atacar dura e ininterrompidamente en cada punto de confrontación, debe ser a táctica xeral dos pobos.

Pero, nos lugares nos que esta mísera paz que sufrimos non rachou aínda, cal será a nosa tarefa? Liberarnos a calquera prezo.

O panorama do mundo amosa unha grande complexidade. A tarefa da liberación agarda aínda a países da vella Europa, suficientemente desenvolvidos para sentir todas as contradicións do capitalismo, pero tan febles que non poden xa seguir o rumbo do imperialismo ou iniciar esa rota. Alí as contradicións acadarán nos vindeiros anos carácter explosivo, pero os seus problemas e, por ende, a solución dos mesmos, son diferentes á dos nosos pobos dependentes e atrasados economicamente.

O campo fundamental da explotación do imperialismo abrangue os tres continentes atrasados, América, Asia e África, con cadansúas características propias, pero os continentes, no seu conxunto, tamén as presentan.

América constitúe un conxunto máis ou menos homoxéneo e, na case totalidade do seu territorio, os capitais monopolistas norteamericanos manteñen unha primacía absoluta. O gobernos monicreques ou, no mellor dos casos, febles e medorentos, non poden oporse ás ordes do amo ianqui. Os norteamericanos chegaron case ao máximo da súa dominación política e económica, pouco máis poderían avanzar xa; calquera mudanza na situación podería converterse nun retroceso da súa primacía. A súa política é manter o conquistado. A liña de acción redúcese no momento actual, ao uso brutal da forza para impedir movementos de liberación, de calquera tipo que sexan.

Sob o lema, “non permitiremos outra Cuba”, encóbrese a posibilidade de agresións a eito, como a perpetrada contra Santo Domingo ou, anteriormente, a masacre de Panamá e a clara advertencia de que as tropas ianquis están dispostas a intervir en calquera lugar de América onde a orde estabelecida sexa alterada, poñendo en perigo os seus intereses. Esta política conta cunha impunidade case absoluta; a OEA é unha máscara cómoda, por desprestixiada que estea; a ONU é dunha ineficacia que raia no ridículo ou no tráxico, os exércitos de todos os países de América están listos para intervir e esnaquizar aos seus pobos. Formouse, de feito, a internacional do crime e da traizón.

Por outra banda, as burguesías autóctonas perderon toda a súa capacidade de oposición ao imperialismo –se algunha vez a tiveron- só constitúen o seu furgón de cola.

Non hai máis mudanzas que facer; ou revolución socialista ou arremedo de revolución.

Asia é un continente de características diferentes. As loitas de liberación contra unha serie de poderes coloniais europeos, deron por resultado o estabelecemento de gobernos máis ou menos progresistas, cuxa evolución posterior foi, nalgúns casos, de afondar nos obxectivos primarios da liberación nacional e, noutros, de reversión cara a posicións proimperialistas.

Desde o punto de vista económico, Estados Unidos tiña pouco que perder e moito que gañar en Asia. As mudanzas favorécenlle; lóitase por desprazar a outros poderes neocoloniais, penetrar novas esferas de acción no eido económico, ás veces directamente, outras, empregando a Xapón. Pero existen condicións políticas especiais, sobre todo na península indochinesa, que lle dan características de capital importancia a Asia e xogan un papel importante na estratexia militar global do imperialismo norteamericano. Este exerce un cerco a China mediante Corea do Sur, Xapón, Taiwán, Vietnam do Sur e Tailandia, polo menos.

Esta dupla situación: un interese estratéxico tan importante como o cerco militar á República Popular Chinesa e a ambición dos seus capitais por penetrar eses grandes mercados que aínda non dominan, fan que Asia sexa un dos lugares máis explosivos do mundo actual, malia a aparente estabilidade fóra da área vietnamita.

Pertencendo xeograficamente a este continente, pero coas súas propias contradicións, Oriente Medio está en plena ebulición, sen que se poida prever até onde chegará esa guerra fría -protexida polos imperialistas- entre Israel e os países progresistas da zona. É outro dos volcáns ameazadores do mundo.

África ofrece as características de ser un campo case virxe para a invasión neocolonial. Producíronse cambios que, nalgunha medida, obrigaron aos poderes neocolonialistas a ceder as súas antigas prerrogativas de carácter absoluto. No en tanto, cando os procesos se levan a cabo ininterrompidamente, ao colonialismo sucede, sen violencia, un neocolonialismo de iguais efectos en canto á dominación económica se refire. Estados Unidos non tiña colonias nesta rexión e agora loita por penetrar nos antigos coutos pechados dos seus socios. Pódese asegurar que África constitúe, nos plans estratéxicos do imperialismo norteamericano, a súa reserva a longo prazo; as súas versións actuais só teñen importancia na Unión Sudafricana e comeza a súa penetración no Congo, Nixeria e outros países, onde inicia unha violenta competencia (con carácter pacífico até agora) con outros poderes imperialistas.

Aínda non ten grandes intereses que defender, agás o seu pretendido dereito a intervir cada lugar do globo no que os seus monopolios cheiren boas ganancias ou a existencia de grandes reservas de materias primas. Todos estes antecedentes fan lícito o bosquexo interrogante sobre as posibilidades de liberación dos pobos a curto ou medio prazo.

De analizarmos África, veriamos que se loita con algunha intensidade nas colonias portuguesas de Guiné, Mozambique e Angola, con particular éxito na primeira e con éxito variábel nas dúas restantes. Que aínda existe loita entre os sucesores de Lumumba e os vellos cómplices de Tshombe no Congo, loita que, no intre actual, semella inclinarse a favor dos últimos, os que “pacificaron”, no seu proveito, unha grande parte do país, aínda que a guerra se manteña latente.

En Rhodesia, o problema é diferente: o imperialismo británico empregou todos os mecanismos para entregar o poder á minoría branca que o detenta actualmente. O conflito, desde o punto de vista de Inglaterra, é absolutamente antioficial, só que esta potencia, coa súa habitual habilidade diplomática –tamén chamada hipocrisía, en bo romance- presenta unha fachada de desgustos perante as medidas determinadas polo goberno de Ian Smith e é apoiada na súa astuta actitude por algúns dos países do Commonwealth que a seguen, e atacada por unha parte importante dos países da África Negra, sexan ou non dóciles vasalos económicos do imperialismo inglés.

En Rhodesia, a situación pode tornar sumamente explosiva se cristalizasen os esforzos dos patriotas negros para alzarse en armas e este movemento fose apoiado, efectivamente, polas nacións africanas viciñas. Porén, agora todos os problema son comunicados en organismos tan inocuos como a ONU, a Commonwealth ou a OUA.

No en tanto, a revolución política e social de África, non fai prever unha situación revolucionaria continental. As loitas de liberación contra os portugueses deben rematar vitoriosamente, pero Portugal non significa nada na nómina imperialista. As confrontacións de importancia revolucionaria son as que poñen en xeque a todo o aparello imperialista, aínda que non por iso deixemos de loitar pola liberación das tres colonias portuguesas e por afondar das súas revolucións.

Cando as masas negras de Sudáfrica ou Rhodesia inicien a súa auténtica loita revolucionaria, terá iniciado unha nova época en África. OU, cando as masas empobrecidas dun país se lancen a rescatar o seu dereito a unha vida digna, das mans das oligarquías gobernantes.

Até agora, sucédense golpes cuarteleiros nos que un grupo de oficiais substitúe a outro ou a un gobernante que xa non sirva aos seus intereses de caste e aos das potencias os manexan silandeiramente, pero non hai convulsións populares. No Congo déronse, fugazmente, estas características impulsadas pola lembranza de Lumumba, pero foron perdendo forza nos últimos meses.

En Asia, como vimos, a situación é explosiva, e non só son Vietnam e Laos, onde se loita, os puntos de frición. Éo tamén Cambodia, onde en calquera momento pode iniciarse a agresión directa norteamericana, Tailandia, Malasia e, sen dúbida, Indonesia, onde non podemos pensar que se dixera a derradeira palabra, malia o aniquilamento do Partido Comunista dese país, ao ocupar o poder os reaccionarios. E, por suposto, Oriente Medio.

En América Latina lóitase coas armas na man en Guatemala, Colombia, Venezuela e Bolivia, e dispútanse xa os primeiros brotes en Brasil. Hai outros focos de resistencia que aparecen e se extinguen, pero case todos os países deste continente están maduros para unha loita de tal magnitude que, para resultar triunfante, non pode conformarse con menos ca instauración dun goberno de corte socialista.

Neste continente fálase practicamente unha lingua, agás no caso excepcional do Brasil, con cuxo pobo os de fala hispana poden entenderse, dada a similitude de ámbalas dúas linguas. Hai unha identidade tan grande entre as clases destes países que acadan unha identificación de tipo “internacional americano”, moito máis completa ca nos outros continentes. Lingua, costumes, relixión, amo común, únennos. O grao e as formas de explotación son similares nos seus efectos para explotadores e explotados dunha boa parte dos países da nosa América. E a rebelión está madurando aceleradamente nela.

Podemos preguntarnos: esta rebelión, como frutificará?; de que tipo será? Mantivemos, desde hai tempo, que, dadas as súas características similares, a loita en América adquirirá, no seu momento, dimensións continentais. Será escenario de moitas grandes batallas dadas pola humanidade para a súa liberación.

No marco desa loita de achega continental, as que actualmente se sosteñen de maneira activa son só episodios, pero xa deron os mártires que figurarán na historia americana como entregando a súa cota de sangue necesaria nesta última etapa de loita pola liberdade plena do home. Alí figurarán os nomes do comandante Turcios Lima, do cura Camilo Torres, do comandante Fabricio Ojeda, dos comandantes Lobatón e Luis de la Puente Uceda, figuras principalísimas nos movementos revolucionarios de Guatemala, Colombia, Venezuela e Perú.

No en tanto, a mobilización activa do pobo crea os seus novos dirixentes: César Montes e Yon Sosa erguen a bandeira en Guatemala, Fabio Vázquez e Marulanda fano en Colombia, Douglas Bravo no occidente do país e Américo Marín no Bachiller, dirixen as súas respectivas frontes en Venezuela.

Novos brotes de guerra xurdirán nestes e noutros países americanos, como xa aconteceu en Bolivia, e irán medrando, con todas as vicisitudes que implica este perigoso oficio de revolucionario moderno. Moitos morrerán vítimas dos seus erros, outros caerán no duro combate que se achega; novos loitadores e novos dirixentes xurdirán do calor da loita revolucionaria. O pobo irá formando os seus combatentes e os seus condutores no marco selectivo da guerra mesma, e os axentes ianquis de represión aumentarán.

Hoxe hai asesores en todos os países onde a loita armada se mantén e o exército peruano realizou, segundo parece, unha vencedora batida contra os revolucionarios dese país, tamén asesorado e adestrado polos ianquis. Pero se os focos de guerra se levan con suficiente destreza política e militar, faranse practicamente imbatíbeis e exixirán novos envíos dos ianquis. No propio Perú, con tenacidade e firmeza, novas figuras aínda non completamente coñecidas, reorganizan a loita guerrilleira. Paseniño, as armas obsoletas que abondan para a represión de pequenas bandas armadas, irán converténdose en armas modernas e os grupos de asesores, en combatentes norteamericanos até que, nun momento dado, se vexan obrigados a enviar cantidades crecentes de tropas regulares para asegurar a relativa estabilidade dun poder cuxo exército nacional monicreque se desintegra perante os combatentes das guerrillas.

É o camiño de Vietnam; é o camiño que deben seguir os pobos; é o camiño que seguirá América, coa característica especial de que os grupos en armas poderían formar algo como Xuntas de Coordinación, para facer máis difícil a tarefa represiva do imperialismo ianqui e facilitar a propia causa.

América, continente esquecido polas últimas loita políticas de liberación que comeza a se facer sentir a través da Tricontinental na voz da vangarda dos seus pobos, que é a Revolución cubana, terá unha tarefa de ben maior relevo: a da creación do segundo ou terceiro Vietnam do mundo.

En definitiva, hai que ter en conta que o imperialismo é un sistema mundial, derradeira etapa do capitalismo, e que hai que derrotalo nunha grande confrontación mundial. A finalidade estratéxica desa loita debe ser a destrución do imperialismo. A participación que nos toca a nós, os explotados e atrasados do mundo, é a de eliminar as bases de sustentación do imperialismo: os nosos pobos oprimidos, de onde extraen capitais, materias primas, técnicos e obreiros baratos e a onde exportan novos capitais –instrumento de dominación-, armas e toda clase de artigos, sumíndonos nunha dependencia absoluta. O elemento fundamental desa finalidade estratéxica será, daquela, a liberación real dos pobos; liberación que se producirá mediante a loita armada, na meirande parte dos casos e que terá, en América, case indefectibelmente, a propiedade de se converter nunha revolución socialista.

Ao enfocarmos a destrución do imperialismo, hai que identificar a súa cabeza, que non é outra ca dos Estados Unidos de Norteamérica.

Debemos realizar unha tarefa de tipo xeral que teña como finalidade táctica tirar ao inimigo do seu ambiente obrigándoo a loitar en lugares onde os seus hábitos de vida non choquen coa realidade imperante. Non se debe desprezar ao adversario; o soldado norteamericano ten capacidade técnica e ten as costas protexidas por medios de tal magnitude que o fan temíbel. Fáltanlle, esencialmente, a motivación ideolóxica que teñen en grao sumo os seus máis encomiados rivais de hoxe: os soldados vietnamitas. Só poderemos triunfar sobre ese exército na medida en que academos minar a súa moral. E mínase infrinxíndolle derrotas e ocasionándolle sufrimentos repetidos.

Porén, este cativo esquema de vitorias encerra dentro de si sacrificios inmensos dos seus pobos, sacrificios que deben exixirse desde hoxe, á luz do día, e que quizais sexan menos dolorosos que os que deberon aturar, se rexeitasemos constantemente o combate, para tentar que outros fosen os que nos solucionasen os problemas.

Claro que, o derradeiro país en liberarse, moi probabelmente, farao sen loita armada e ese pobo aforrará os sufrimentos dunha guerra longa e tan cruel como a que fan os imperialistas. Pero, se cadra, non será posíbel eludir esa loita ou os seus efectos, nunha contenda de carácter mundial e se sufrirá igual ou máis, aínda. Non podemos coñecer o futuro, pero xamais debemos ceder á tentación claudicante de sermos os abandeirados dun pobo que anseia a súa liberdade, pero renega da loita que implica e agarda por ela coma un anaco de pan de vitoria.

É absolutamente xusto evitar todo sacrificio inútil. Por iso é tan importante o esclarecemento das posibilidades efectivas que ten a América dependente de liberarse de xeito pacífico. Para nós, é clara a solución deste interrogante; poderá ser ou non o momento actual o indicado para comezar a loita, pero non podemos facernos ilusión ningunha, nin temos dereito a iso, de lograrmos a liberdade sen combater. E os combatentes non han ser meras loitas de rúa con pedras contra gases lacrimóxenos, nin de folgas xerais pacíficas; nin será a loita dun pobo enfurecido que destrúa en dous ou tres días a engrenaxe represiva das oligarquías gobernantes; será unha loita longa, cruenta, cuxa fronte estará nos refuxios guerrilleiros, nas cidades, nas casas dos combatentes –onde a represión irá na procura de vítimas fáciles entre os seus familiares- na poboación campesiña masacrada, nas aldeas ou cidades destruídas polo bombardeo inimigo.

Tira de nós esa loita; non hai máis remedio que preparala e decidirse a emprendela.

Os comezos non han ser fáciles; serán sumamente difíciles. Toda a capacidade de represión, toda a capacidade de brutalidade e demagoxia das oligarquías porase ao servizo da súa causa. A nosa misión, na primeira hora, é sobrevivir, despois actuará o exemplo perenne na guerrilla realizando a propaganda armada na acepción vietnamita da frase, abonda dicir, “a propaganda dos tiros”, dos combates que se gañan ou se perden, pero se dan, contra os inimigos.

A grande lección de superioridade da guerrilla prendendo nas masas dos desposuídos. A galvanización do espírito nacional, a preparación para tarefas máis duras, para resistir represións máis violentas.

O odio como factor de loita; o odio intransixente ao inimigo, que impulsa máis alá das limitacións naturais do ser humano e o converte nunha efectiva, violenta, selectiva e fría máquina de matar. Os nosos soldados teñen que ser así; un pobo sen odio non pode triunfar sobre un inimigo brutal.

Hai que levar a guerra até onde o inimigo a leve: á súa casa, aos seus lugares de diversión; facela total. Hai que impedirlle ter un minuto de tranquilidade, un minuto de acougo fóra dos seus cuarteis e aínda dentro dos mesmos: atacalo onde queira que se atope; facelo sentir unha fera acosada por cada lugar que transite. Entón, a súa moral irá decaendo. Farase máis bestial aínda, pero notaranse os signos do decaemento que axexa.

E que se desenvolva un verdadeiro internacionalismo proletario; con exércitos proletarios internacionais, onde a bandeira sob a que se loite sexa a causa sacra da redención da humanidade, de tal xeito que morrer baixo as bandeiras de Vietnam, de Venezuela, de Guatemala, de Laos, de Guiné, de Colombia, de Bolivia, de Brasil, para citar só os escenarios actuais da loita armada, sexa igualmente glorioso e apetecíbel para un americano, un asiático, un africano e, aínda, un europeo.

Cada gota de sangue vertida nun territorio baixo cuxa bandeira non naceu, é experiencia que recolle quen sobrevive para aplicala despois na loita pola liberación do seu lugar de orixe. E cada pobo que se libere, é unha fase da batalla pola liberación do propio pobo que se gañou.

É a hora de temperar as nosas discrepancias e poñelo todo ao servizo da loita.

Que axitan grandes controversias ao mundo que loita pola liberdade, sabémolo todos e non o podemos agochar. Que adquiriron un carácter e unha agudeza tales que loce sumamente difícil, se non imposíbel, o diálogo e a conciliación, tamén o sabemos. Procurar métodos para iniciar un diálogo do que os combatentes foxen, é unha tarefa inútil. Pero o inimigo está alí, golpea todos os días e ameaza con novos golpes e eses golpes unirannos, hoxe, mañá ou ao outro. Quen antes o capten e se preparen para esa unión necesaria, terán o recoñecemento dos pobos.

Coñecidas as virulencias e intransixencias coas que se defende cada causa, nós, os desposuídos, non podemos tomar partido por unha ou outra forma de manifestar as discrepancias, aínda cando coincidiamos ás veces con algúns limiares dunha ou outra parte, ou en maior medida cos dunha parte que cos desoutra. No momento da loita, a forma en que se fan visíbeis as actuais diferenzas constitúen unha febleza; pero o estado no que se atopan, querer arranxalas mediante palabras é unha ilusión. A historia iraas borrando ou dándolles a súa verdadeira explicación.

No noso mundo en loita, todo o que sexa discrepancia da táctica, método de acción para a consecución de obxectivos limitados, debe analizarse co respecto que merecen as apreciacións alleas. En canto ao grande obxectivo estratéxico, a destrución total do imperialismo por medio da loita, debemos ser intransixentes.

Sinteticemos así as nosas aspiracións de vitoria: destrución do imperialismo mediante a eliminación do seu baluarte máis forte: o dominio imperialista dos Estados Unidos de Norteamérica. Tomar como función táctica a liberación gradual dos pobos, un a un ou por grupos, levando ao inimigo cara a unha loita difícil fóra do seu terreo; liquidándolle as súas bases de sustentación, que son territorios dependentes.

Iso significa unha longa guerra. E, repetirémolo máis unha vez, unha guerra cruel. Que ninguén se engane cando a inicie e que ninguén vacile en iniciala por temor aos resultados que poida traer para o seu pobo. É case a única esperanza de vitoria.

Non podemos eludir a chamada da hora. Ensínanolo Vietnam coa súa permanente lección de heroísmo, a súa tráxica e cotiá lección de loita e de morte para lograr a vitoria final.

Alí, os soldados do imperialismo atopan a incomodidade de quen, acostumado ao nivel de vida que ostenta a nación norteamericana, ten que se enfrontar coa terra hostil; a inseguridade de quen non pode moverse sen sentir que pisa territorio inimigo; a morte aos que avanzan máis alá dos seus redutos fortificados, a hostilidade permanente de toda a poboación. Todo iso vai provocando a repercusión interior nos Estados Unidos; vai facendo xurdir un factor atenuado polo imperialismo en pleno vigor, a loita de clases aínda dentro do seu propio territorio.

Que luminoso e próximo ollariamos o futuro se dous, tres, moitos Vietnam floreceran na superficie do globo, coa súa cota de morte e as súas traxedias inmensas, co seu heroísmo cotián, cos seus golpes repetidos ao imperialismo, coa obriga que implica para este de dispersar as súas forzas baixo o embate do odio crecente nos pobos do mundo!

E se todos fósemos quen de unírmonos, para que os nosos golpes fosen máis sólidos e certeiros, para que a axuda de todo tipo aos pobos en loita fose aínda máis efectiva, que grande sería o mundo, e que próximo!

Se a nosoutros, os que nun pequeno punto do mapa do mundo cumprimos o deber que preconizamos e poñemos a disposición da loita este pouco que nos é permitido dar: as nosas vidas, o noso sacrificio, tócanos algún destes días lanzar o último suspiro sobre calquera terra, nosa, regada co noso sangue, sáibase que medimos a forza dos nosos actos e que non nos consideramos máis nada que elementos no grande exército do proletariado, pero sentimos orgullo de ter aprendido da Revolución cubana e do seu grande dirixente máximo a grande lección que emana da súa actitude nesta parte do mundo:

“qué importan os perigos, os sacrificios dun home ou dun pobo, cando está en xogo o destino da humanidade”.

Toda a nosa acción é un berro de guerra contra o imperialismo e un clamor pola unidade dos pobos contra o grande inimigo do xénero humano: os Estados Unidos de Norteamérica.

En calquera lugar que nos sorprenda a morte, sexa benvida, sempre que o noso berro de guerra chegara até un ouvido receptivo e outra man se tenda para empuñar as nosas armas, e outros homes se presten a entoar os cantos lutuosos con barullo de metralladoras e novos berros de guerra e de vitoria.

Ernesto Che Guevara. Publicado o 16 de abril de 1967 nun suplemento especial de Tricontinental

Etiquetas: ,