Inicio » Internacional, Euskal Herria » Hora da política en Euskadi

Hora da política en Euskadi

Hora da política en Euskadi

Se até o de agora o Estado español reducira o problema da cuestión nacional vasca a un asunto policial, o cese definitivo da actividade armada decretado por ETA nos últimos días obrígao, de novo, a considerar a lexítima aspiración do pobo vasco á autodeterminación como o que sempre foi en realidade: unha cuestión política. Chegou a hora de tratar este asunto nos parlamentos, non nas comisarías. Na Frente Popular Galega somos conscientes de que hai moitos elementos interesados en facer fracasar esta nova xeira que se abre hoxe en Euskal Herria, pero estamos certos tamén de que finalmente ha prevalecer a firme vontade do Movemento de Liberación Nacional Vasco por conducir este proceso a bo fin. Por todo isto, desde a FPG queremos expresar hoxe, coma sempre, a nosa total solidariedade coa loita do pobo vasco por conquistar a soberanía así como esixir, do Estado español, a vontade política para derrubar o réxime de excepción antidemocrático construído coa xustificación antiterrorista. En concreto, a nosa organización considera inadiables as seguintes medidas:

1ª) Derrogación da Lei de Partidos e legalización de Sortu (pendente de resolución polo Tribunal Constitucional).

2ª) Achegamento a Euskal Herria das presas e dos presos vascos, así como o recoñecemento de todos os seus dereitos conculcados.

3ª) Posta en liberdade de todas aquelas persoas presas polo feito de seren militantes dalgunha das diferentes organizacións que integran a esquerda abertzale. Polo seu valor simbólico e a súa representatividade pública, demandamos a liberdade inmediata de Rafa Díez Usabiaga e Arnaldo Otegui.

4ª) Convocatoria inmediata de eleccións no País Vasco e Navarra.