Inicio » Internacional, Un, Sáhara » Liberdade para o Sahara

Liberdade para o Sahara

Comunicado do Comité Central da FPG sobre o recoñecemento por parte de España da soberanía Marroquí sobre o Sahara

Foto: Getty Images

Poucos días despois de que Pedro Sánchez lle enviase armas a Ucraína  baixo o relato de combater a invasión rusa e, no medio da maior campaña de desinformación coñecida desde a II Guerra do Golfo, o mesmo presidente do goberno do estado español vén de entregarlle o Sahara a Marrocos, nunha das decisións máis indecentes que leva protagonizado o estado español en política exterior nos últimos tempos. E xa son moitas.

O goberno Sánchez practica a submisión ás directrices estadounidenses en todas as formas posibles e en todas as frontes sen que, de momento, tanta servidume lle teña servido para algo máis que manter o poder. Na política económica, as traballadoras padecemos unha nova fase da crise iniciada no 2008 sen que o goberno tome ningún tipo de medida, por caso, para regular os prezos de produtos básicos. Mentres, o oligopolio enerxético presenta, ano tras ano, beneficios desorbitados. O pánico a causarlle calquera tipo de molestia ao IBEX-35 torna cada día máis patente e mesmo permite que a ultradereita reclame na rúa, con todo o cinismo, medidas que este goberno de esquerda semella incapaz de levar a cabo, como intervir no mercado enerxético.

Na política exterior, acabamos de ver como o seguidismo paifoco das directrices norteamericanas e da OTAN ponse en práctica mesmo cando estas posicións danan os propios intereses españois reforzando a monarquía, autocrática e autoritaria, de Marrocos e a súa política de expansión cara a un territorio, o do Sahara, co que o estado español tiña evidentes responsabilidades históricas. Cando menos, tiña a obriga de apelar ao cumprimento da resolución 690 da ONU, que lle recoñece a este territorio o seu dereito á autodeterminación.

Por mandato do goberno do PSOE, apoiado tamén por parte dos ministros de Unidas Podemos, o estado español envioulle onte armas a unha das partes en conflito en Ucraína sen se molestar en verificar sequera a natureza do seu destinatario final. Hoxe, abandona de xeito vergoñento e infame á súa sorte o pobo saharauí, amosando, unha vez máis e como nos lembraba o noso mestre Castelao, que non son máis que uns imperialistas fracasados.

A FPG exprésalle ao pobo saharauí a solidariedade incondicional do pobo galego coa súa causa e coa súa loita. Non esquecemos neste intre e denunciamos a situación dramática na que malviven, esquecidos pola opinión pública internacional desde hai 50 anos,  máis de cento cincuenta mil cidadáns saharauís no campamento de Tindouf, que sobreviven unicamente grazas ao apoio digno e fraterno de Alxeria. Expresamos tamén o noso apoio firme ao Frente Polisario na súa loita solitaria e heroica pola liberdade do seu pobo.

Sahara horra!

Viva o Sahara Libre!