Inicio » Formación » Da Internacional 0

Da Internacional 0

genova2001I. Carta sen asinar e sen timbre para unha rapaza que non entende a necesidade da Internacional e da nova organización política en Galicia.
Benquerida Alba, tamén Iria, e o resto dos teus amigos e amigas:
Somos unha calada minoría de miles de persoas as que vimos de recuperar a esperanza. A esperanza é o noso primeiro acto subversivo, o noso primeiro manifesto: escollemos ser suxeitos da política e non da retórica. Somos libres para nos construír.
Quedáramos pechados na xaula dourada das urnas, como engranaxe silenciosa, mirando de fuxir da estridencia, lealmente delegadas dun proxecto levemente próximo, sen pago por ese traballo, nin real nin virtual, e sen atención ningunha dos seus dirixentes. Eran obrigas. Votábamos e propagábamos o que algún día fora levemente nacionalista e levemente socialdemócrata BNG. Afixéramonos a pechar os dentes do pensamento para favorecer un proceso viciado de raíz.
O proceso era reformista, sabíamolo, pero os anos de confusíón que seguiran á disolución de Galicia Ceibe (OLN), nos que un experimento armado acabara por pechar camiños abertos nos oitenta (e todo isto sumado ao amago da UPG de abrir a súa frente electoral ao concurso da esquerda independentista) nos condenaron a sumar forzas no ascenso electoral que non agachaban daquela o seu antifascismo e nacionalismo. Era a reedición do pensamento de Castelao. Preferimos unha incomodidade posible, razoable, antes que a reprodución das endemias sectarias, que a propia UPG vía nacer e morrer con agrado desde o intre en que decide a expulsión masiva de comunistas nos anos setenta.
Agora somos libres por fin para pensar. Ábrense centos, miles de prácticas á esquerda dos partidos parlamentaristas, renace o asociacionismo popular ao longo do mundo enteiro. Ábrese ao fluír das mentes o feliz debate que as teorías de Toni Negri, dos feminismos de esquerda, de James Petras, do ecoloxismo radical, de Naomi Klein, da liberación homosexual, de Samir Amin, do indixenismo de esquerda, provocan nese grande espazo coordinador que é polo de agora Internet. Militantes arrasados por dez, vinte anos solitarios -non todas nacemos coa mesma capacidade de resistir-, abeirados en paraísos intelectuais, na comodidade, no resentimento, tiran a poeira nas mans, traballan de novo, escriben, organizan. Houbo outras que nunca baixaron a cabeza.
A mocidade que detectades, como os protagonistas do filme Matrix, que algo funciona perversamente na representación onde fostes obrigados a vivir pola familia e polo sistema educativo, esa mocidade xa non estades sós, xa non carecedes de referentes, por moito que as respostas deban ser, por forza, de maior complexidade que a construcción clásica do teorema. As respostas no agora preséntanse abertas, tarefa contemporánea, non modelo pechado ao que adherirse. Así nacera, de feito, a primeira Internacional.
Porque agora somos libres por fin para pensar xa non renunciaremos a nada: precisamente o nada é o lugar onde vivimos. É enorme o alivio de abandonar o solapamento, de deixar a lira da seducción desafinada, na varredura. Xa non queremos seducir aqueles que nos desprezan ou que nos odian a nós, ao noso idioma, á esquerda real e non verbal da que procedemos e da que xamais debemos saír. Se para tomar o poder é preciso deixar de exercelo, o poder merecerá moi pouco a pena, será un simulacro precisamente porque nos permite ocupar os seus corredores limpos.
Vestiranos de feira e obrigaranos cada vez a silencios máis duros e a compromisos máis vergonzantes. Rematou a clase, non máis pedagoxía. A nosa retórica formaba parte da nosa renuncia ao poder. Perdíamos a emoción polo camiño: mentíamos.
Organizarnos, logo, tampouco pode ser o paso demorado que siga, como un mercenario obediente, os mandatos do teorema político. Se hai quen gusta de dicir que as palabras configuran a práctica, non é menos certo que a práctica contribúe a evitar os erros fundacionais dun pensamento que se queira de esquerda. Non se teoriza sobre organización sentado fronte unha pantalla. A organización é o acto inagural da política, non a súa consecuencia. Non hai Mundo das Ideas onde deseñala. O traballo social parte da necesidade organizativa: apréndese “con”, no contacto dos corpos, nas reunións tediosas e na pasión asemblearia, no coñecemento sobre o terreo das grandes dificultades que se derivan de querer pensar e actuar en común.
Voltou a alegría ao noso pensamento: xa non queda amo que servir, nin pista que asfaltar. Andaremos polo monte e polas rúas dos barrios feos que as falsas políticas de xestión abandonan á fochancas. Sobre pedras e sobre charqueiras, en paradas de autobús. Baixo as paredes brancas da Faculdade de Xornalismo, ao pé das lousas negras que miran ao mar, nos museos, nas aldeas abandonadas e nas aldeas e nas cidades que reocuparemos. O noso pensamento faise mundo: podemos, xa, unirnos aos miserables e ás ringleiras de mulleres cargadas de nenos que a televisión nos mostra, unicamente, para seren compadecidas. Xa non nos podemos compadecer de ninguén, somos elas. Aínda que teñamos coche ou hipoteca, ou contrato temporal, ou seis meses de esmola como desempregados. Vivimos na miseria cando acendemos a televisión, cando vemos desfilar masas de adolescentes analfabetas, horrorizadas. Cando nos prohiben pescar e criar gando, aprender formas racionais de cultivo para evitar converternos en emprego barato na cidade máis próxima. Non podemos escoller cál é a miseria onde habitamos, ela é a que nos constitúe, e nunca é fermosa.
A Frente Popular Galega convoca experiencia organizativa e novos enfoques á progresión do movemento republicano (independentismo de esquerdas). Á suma de todos os movementos anticapitalistas do planeta dámola en chamar Internacional 0, o que os medios cualifican como “movemento antiglobalización”. Somos soberanas para integrala e para contradicila, porque a Internacional 0 se nutre desas tensión, a diferencia dos modelos centralizados. Galicia é mundo. Galicia nin sequera é Galicia: é unha parte de Galicia non sometida: O seu espacio son todos e a súa militancia o planeta. A nosa República internacionalista fala e escribe en galego desde Rosalía de Castro e Curros enríquez ata Méndez Ferrín e Xohana Torres, en Rianxo e na cidade de Montevideo. Non somos patrimonio da humanidade: somos humanidade.
Desde logo que non imos pedir fragmentos de consigna e que non imos consultar polo manual as prioridades. Querémolo todo. Na Internacional 0 critícanse de xeito constructivo, os erros parlamentarios e as trampas parlamentarias e sindicais. Nós criticamos, tamén constructivamente, que se resolva con algunha frivolidade, como se aparecese de novo o graal da rebelión, o papel dos movementos de liberación nacional dentro da loita contra o capitalismo. Oímos cantar zarzuelas parecidas durante todo o século XX ao comunismo español, ao francés, ao anarquismo europeo: eles tiñan o graal e a nosa urxencia parecíalles insolidaria. Así se procedeu co feminismo ata que o seu clamor obrigou a contar con el e coa súa autonomía organizativa; así se avaliou, apuradamente, calquera brote (irlandés, vasco, aymará) que cuestionase os marcos legais, os marcos legais impostos pola burguesía internacional e transformados en feito nas legalidades e nas burguesías dos Estados-Nación. Conviven, como o corpo e a mente, nun mesmo obxectivo. Por iso non sentimos a violencia por separado, antes unha e despois a outra. Sentimos o seu alento, o alento das dúas, que son unha, na cara, moi cerca. Morremos no día a día, morre a nosa estructura social e o noso idioma. Ninguén vai dedicarlle un minuto a iso. As políticas planetarias darán, xustamente, mil voltas en torno á nosa miseria e seguirán outras miserias. Debemos facer, pois, necesaria a organización republicana e comunista da FPG: somos nós quen inclúe a Internacional 0, non ela a que nos autoriza a participar na mobilización mundial.
Aínda hai quen chama nacionalistas aos membros vascos, ás mulleres corsas e chiapatecas, ao feminismo islámico de esquerda, ao cristianismo de liberación, ás desempregadas de Buenos Aires, aos homosexuais e lesbianas de Berlín, aos autónomos italianos da Internacional 0. Nós non queremos denunciar que o comunismo e o anarquismo españois sigan proclamando o teorema internacional mentres organizan folgas xerais no Estado español. Mañá faranno no contexto da Unión Europea: ¿cederán ao Partido Comunista Europeo a súa autonomía organizativa? Oímos a sinfonía, o teorema: en español, en inglés nos piden que esquezamos o noso corpo. Nós lemos os textos en español, en portugués, en francés, en inglés. Non son a nosa ameaza, de certo. Somos pacientes co nacionalismo porque levamos quiñentos anos sentindo a súa bota militar ana caluga. Nós sabemos idiomas: somos americanas, italianos, árabes, mulleres, indios, non temos nome nin raíz que servir, ademais da oposición sen coartadas á sucursal española e á franquía galega do capitalismo.
Encaramos unha nova etapa e celebramos que as mellores cabezas da Internacional 0 nos recoñezan sen pestanexar: cada un de nós é o Comité Central e a sede dos movementos anticapitalistas. Non seremos as republicanas quen veten compañeiros na oposición ao Imperio. Xa non hai veto en ningures. Pero ninguén coma nós para falar de estranxeiría e nomadismo despois de varios séculos vagando pola Terra, que é Galicia, que é planeta, á procura de dignidade. Seguimos sendo estranxeiras, sen radios libres, sen televisión libre no noso idioma, sen dereito a criar gando e a pescar, a transformar industrialmente os nosos productos. Por iso emigramos de novo, emigramos da miseria cultural e do narcotráfico que mata a mocidade ben alimentada deste país.
Ninguén, fóra da Frente Popular Galega, vai dedicarlle un minuto a iso.
P.S.:
Por iso emprendemos a migración definitiva cara a FPG e constituímola na República que somos e na República que queremos ser. Celebrámolo o 25 de xullo en Compostela: convidamos alí o mundo, ese día azul, caluroso, pero tamén o resto dos días. A nosa marcha pola cidade funda a democracia: un grupo pequeno, que leva bandeiras e carriños de neno e denuncia os nomes que representan entre nós todo o miserable que levamos coñecido. Berramos independencia e a rapazada brinca entre as consignas. Somos poucas, unha multitude, acompáñannos moitas palabras de reencontro e moitos invernos, falamos entre nós mentres andamos cara unha praza. Ninguén máis lle vai dedicar a vida enteira a iso.
Cando despois da reunión para comer voltamos a casa no coche ou a pé, nos transportes colectivos, no tren que leva cara outras cidades ou vilas, a través do cristal, nese momento o ceo faise vello, moi amodo, e finxe partir en dúas metades o horizonte.
Viviremos outro ano.
Unha aperta moi grande.
[Xabier Cordal. Primavera de 2002].
II.
i0 (internacional 0).
Existiu, sen nome, con outros nomes, dando a volta desde Seattle ata Xénova. Hai pouco en Turquía. O activismo que se chamou antiglobalización tivo tal forza que Alguén -ese alguén, coma Deus, ausente e con maiúscula- aproveitou para inaugurar o século XXI eliminando precisamente os rastros de democracia que permitían a expansión vírica dun movemento contra o capitalismo.
Mentres Sudámerica, referente social, tenta fórmulas para o obxectivo común que non han ficar no baleiro -velaí as bases colombianas dando fe do avance-, os Centros erguen muros. Parecen dispostos a cumprir o destino de esmorecer como asilo blindado ata que os bárbaros cheguen. O problema para eles é a implosión.
E cal é o obxectivo común? Por que Internacional 0? As empresas de realidade, sen que cumprise lei ningunha para iso, decretaron que o capitalismo non ten nome. Trátase do líquido primordial onde as sociedades florecen. Ao estar o seu nome prohibido coma o Nome de Deus, todos os predicados se refiren a el, pero nada se pode dicir sobre el. Obviamente tampouco cuestionalo; non posúe entidade clara e distinta alén dos seus atributos. A tese é que os seres humanos se alimentan física e espiritualmente dun tipo de organización económica que forma parte da Natureza.
Os grupos anticapitalistas (os grupos anticapitalistas de esquerda; moitas ideoloxías se reclaman adversarias do capitalismo) continúan unha fragmentación herdada doutro contexto. Antes de chegar nos oitenta a gran ofensiva contrarrevolucionaria desde Washington, Europa occidental e o Vaticano -ofensiva á que non só debemos atrubuír o fracaso do socialismo real- a hexemonía política e intelectual da esquerda era incuestionable e podía permitirse certos luxos. Para a nosa desgraza a era Reagan-Tatcher cadrou cos importantes avances que a lóxica que describimos arriba asocia á posesión individual do ben tecnolóxico. É significativo, en termos marxistas, que o primeiro éxito do movemento anticapitalista planetario se dese cando se producíu a súa socialización, tras algunha condena case supersticiosa da súa potencialidade. Leis coma a Patriot Act (ditadas contra o fluxo dun coñecemento que remata de xeito necesario na autoorganización a escala mundial da cidadanía excluída) debuxan en negativo a Internacional 0, capaz de medrar e replicarse coas condicións propias de cada espazo. As organizacións anticapitalistas clásicas axudaron a nutrir esa estrutura innomeada e magmática, pero comportáronse coa lentitude dunha industria pesada á hora de articular desde os fogos locais unha nova Internacional, esta vez redonda coma o planeta, cuxo centro estaba en todas partes. E era un feito. Enfrontábase ao capitalismo serodio coas mesmas ferramentas que a mundialización se vira obrigada a poñernos nas mans para engordar o seu bandullo: a rapidez, a horizontalidade e a apropiación da tecnoloxía.
Así, fronte a patronal da UE, as organizacións nacionais e estatais da esquerda (que non teñen por que circunscribirse á UE, mais si deseñar un ataque desde dentro contra o que representa esa institución) seguen navegando cadansúa rúa cega. Como demostraron as últimas eleccións para a farsa de Estrasburgo, abondaban dous pequenos nodos en torno a un programa mínimo para poñer á defensiva os mastodontes informativos e xudiciais. Contando -por primeira vez en moito tempo- con certa visibilidade pública, as coalicións Iniciativa Internacionalista e Esquerda Anticapitalista ousaron relatar a evidencia: o capitalismo existe e non admite reformas; España e a UE son un cárcere de pobos. Quen promete un benestar sine die e administra lenitivos autonómicos sentiuse ameazado. Outra volta a esquerda real semella incapaz de tirar de aí unha liña para acumulacións futuras, mesmo ante o notorio nerviosismo dos partidos que viven de repretir o discurso social o día antes e o día despois de subvencionar a Banca privada. A sinxela constatación de que debe poñerse fin a este sistema económico que amorea recursos nas mans dunha elite e pon en perigo a existencia da vida sobre a Terra é a letra capital dun futuro programa de mínimos. Un programa internacional de mínimos.
Necesitamos un obxecto sólido no medio do magma. Dá a sensación de que a estridencia e o maximalismo de cada sigla son inversamente proporcionais á vertebración do suxeito que di representar. Como se continuásemos a habitar o tempo da hexemonía obreira, repetimos as fórmulas dun enorme programa liberador. Por suposto o programa continúa en pé; é a frustración ante a impotencia diaria, a do pequeno obxectivo, a que non sae gratis nin no aspecto teórico nin no práctico. Precisamos estar á altura das nosas palabras.
Axuntémonos, logo, voltemos con modestia ao principio. Nin sequera aspiremos aínda á unidade orgánica. Podemos limitarnos a poñer en práctica un só punto: unha plataforma electoral que unifique forzas anticapitalistas por riba dos Estados no ámbito da UE. A UE da directiva Bolkenstein e do retroceso das conquistas laborais. Contra toda forma de opresión (por razóns de clase, de raza, de xénero, de orientación sexual), pola autodeterminación dos pobos, polo traballo digno, contra a privatización dos bens produtivos e a espoliación dos recursos naturais. Contra o Capital.
[Xabier Cordal. Revista Embate nº12 – Verán de 2011].