Inicio » Internacional, Libia » Libia, novo embate colonial

Libia, novo embate colonial

Non oímos dicir nada estes días sobre que Libia é a nación africana co nivel de vida máis alto. Tampouco oímos dicir nada arredor do seu Produto Interior Bruto nominal per cápita, o máis elevado do continente. Absolutamente nada sobre ser o estado africano coa esperanza de vida máis alta. Desgrazadamente, non escoitamos que na República Libia Árabe e Socialista a banca, os máis importantes sectores produtivos , a terra e a industria petroleira están da man da clase traballadora. Non escoitamos que só se permite que os pequenos negocios familiares fiquen baixo o réxime de propiedade privada. Nin tan siquera escoitamos, evidentemente, que a clase traballadora vive baixo os puntos cardinais do socialismo árabe, do panarabismo laico, do anticolonialismo e do antiimperialismo. Pouca cousa arredor da Terceira Vía Universal; moito menos, se cabe, sobre o Libro Verde. Sabemos que nada disto foi dito, e nada disto vai ser dito, abofé. Mais, nós comunistas, temos a certeza de que estes elementos e non outros son as chaves que a clase traballadora ten que ter en conta para poder achegarse e enxergar o porqué da criminalización, do ataque, da invasión e xa inevitábel ocupación. Estes argumentos son os que as traballadoras e os traballadores debemos manexar para apreixar o porqué da expropiación dos recursos naturais da república libia.

Porén, na Frente Popular Galega dicimos que a invasión e ocupación de Afganistán deu comezo a unha nova fase do que chamaremos Terrorismo Planetario. E sostemos que esta nova fase do terrorismo imperialista e colonial, que ten os seus obxectivos fixados en África e no Oriente Medio, non ha tardar en chegar a Siria logo de facer parada e arrasar Afganistán, Iraq e agora Libia. Temos o imperativo de explicar, contra vento e maré, que o terrorismo imperialista precisa declararse con certa periodicidade, afirmar a súa omnipresenza e actualizar a súa ameaza. Ende mal, para as clases traballadoras, para a unión das proletarias e dos proletarios, para os pobos que o padecen, esta forma de agresión está promovida polo interese na depredación dos recursos naturais do planeta enteiro e preséntase baixo diferentes predicados. Tamén coñecemos as súas mascaradas máis frecuentes: a axuda humanitaria, a pacificación, o restablecemento dos dereitos humanos, o proceso de democratización baseado na xestión policial dos intereses do capital, o derrocamento dos ditadores, a guerra preventiva etc.

Os argumentos que empregan varían, pero nunca acadan valor universal. Por que senón, ocupan Iraq, poñamos por caso, derrocan o goberno de Saddam Hussein e non fan o propio con Arabia Saudita e a monarquía absolutista e islámica do rei Abdullah? Aquí, a consigna do capitalismo, cando non é o ruído da intoxicación dos medios de comunicación sistémicos, é o silencio. Polo tanto cómpre que nos expliquen as diferenzas cualitativas dende un paradigma da comunicación que fuxa da súa dimensión ilóxica e que non conduza a que a súa liberdade sexa codificada ou precodificada na infinita escintilación da produción mercantil e no que institúe a partir dela a abstracción monetaria.

E é diante do seu silencio, do seu baleiro, do seu ruído, do rexeitamento da súa adoración, xa que logo, dende o que a militancia da Frente Popular Galega iniciamos unha ruptura coa súa comunicación, coa súa produción da información, e dicimos que a resposta non hai que ir buscala moi lonxe da lóxica reprodutiva do sistema capitalista, da súa hipocresía política e do seu brazo ideolóxico: a podredume dos grandes holding mediáticos que producen para o noso consumo o sentido da realidade: os medios de comunicación, nos que a alienación adopta a súa expresión global. Eis, baixo o imperio da (des)información, onde o fío que enliña as traballadoras e os traballadores do mundo se volve invisible.

É moito hora de desmontarmos a súa incoherencia, a súa inconsistencia. É tempo de sinalarmos quén forma parte e de que xeito do terrorismo planetario. É hora de que digamos o inaudito: toda invención política que non se alicerce na libre circulación e na reprodución do sistema capitalista debe ser destruída. Toda nación que se produza fóra da figura sagrada da propiedade privada dos medios de produción debe ser abolida. Polo tanto, Libia debe ser destruída, abolida. Esta é a lóxica do Capital. Non lle coñecemos outra. É por todo isto polo que os Estados Unidos, o nome que representa o capitalismo serodio máis salvaxe que teñamos coñecido, precisan dunha opinión pública servil. É a causa da necesidade dunha Unión Europea castrada e doméstica. É o motivo polo que cómpre un ente abstracto, que dan en chamar Comunidade Internacional, non só acrítico cos intereses do Capital no planeta, que tamén adlátere e satélite . Só fai falta volvermos a vista para Zapatero, Sarkozy, Berlusconi, Merkel. É por todo iso polo que a ONU, polo que a Corte Penal Internacional amosan nestes días a súa verdadeira cara: son organismos pro- imperalistas, pro-coloniais ao servizo das políticas de acumulación do capitalismo transnacional lideradas polos Estados Unidos .

Esta é a escenografía poderosamente subtraída aos intereses dos pobos e da clase traballadora pola que valoramos as militantes e os militantes da Frente Popular Galega que é imposible escoitarmos os vindeiros días algo arredor da negativa de Libia ao asentamento no seu territorio de bases militares americanas. Algo arredor da súa inmensa riqueza, non só polas reservas que sobardan os 270.000 millóns de euros, senón que tamén polos recursos naturais que controla a súa poboación; algo sobre a súa ubicación xeoestratéxica no continente africano, sobre o grande negocio na venda de armamento que supón cada agresión imperialista, sobre o grande negocio da reconstrución do que coa súa sede acumulativa, do que coa súa guerra se destrúe; algo, en definitiva, sobre a súa oposición ás actividades do destacamento militar estadounidense procolonialista, proimperialista e anticomunista para África ( Comando Africom). Os pobos de occidente xa non son pobos do mundo: segundo a lóxica do capitalo-parlamentarismo pasaron a ser hai moito tempo “opinión pública”, e debe contentarse con acatar o dogma de fe de que o planeta será máis libre e máis seguro tanto en canto for propiedade de quen impón tal dogma.

Esta é a exposición dos motivos polos que só será posible escoitar, agás honorabeis excepcións, a voz monocorde e distorsionada do Capital, o seu ruído. Mais na Frente Popular Galega, contra a ditadura organizada do Terrorismo Planetario e baixo a bandeira do antiimperialismo e do internacionalismo proletario teimamos en termar dun imposible: escoitar a voz dos pobos e entendermos as súas realidades.

Etiquetas: ,