Inicio » Liberación nacional » 6-D Unidade para un novo proceso constituinte

6-D Unidade para un novo proceso constituinte

mom

Ao contrario do que aconteceu na veciña República Portuguesa, no Estado Imperialista Español o réxime do ditador Franco non foi derrubado por revolta popular algunha senón que foi transformado por dúas reformas consecutivas, a Primeira Transición na década dos 60, liderada sobre todo polos tecnócratas do Opus Dei co ditador aínda vivo, e a Segunda Transición, executada nos 70 por unha alianza política entre os propios reformistas tecnócratas do franquismo, o PSOE felipista, o PCE carrillista e as burguesías nacionais vasca e catalá.

A malchamada Transición dos 70 ou II Restauración borbónica non foi outra cousa que unha Reforma pactada do réxime fascista, unha reforma deseñada e apadriñada pola Casa Branca e por unha CEE liderada pola Alemaña Occidental e á súa vez dirixida polas oligarquías central (española) e cipaias (vasca, catalá, galega, andaluza,…) co obxectivo de transformar a infraestrutura e a superestrutura do Estado Imperialista Español facéndoo homologábel ás esixencias da fase na que se atopaba o capitalismo naquel intre, isto é, a postcrise do petróleo, a contrarrevolución liberal e o principio da fin do Estado do Benestar.

A creación co apoio de Willy Brand e Olof Palme, e coa financiación das Fundacións Konrad Adenauer, Friedrich Ebert e Neumann, dun novo PSOE para neutralizar o liderado que gañara o PCE durante a ditadura preborbónica, xunto coa configuración programada da UCD para se alternar con este no poder e a campaña mediática para criminalizar a II República Española e instaurar a Monarquía, todo culminado cos autogolpes de estado e o continuo ruído de sables, axudaron a impor o réxime actual no Estado Imperialista Español coa única oposición dos movementos socialistas de liberación nacional de Galiza, Euskal Herria, Cataluña, Canarias e Andalucía.

A plasmación legal deste novo réxime reformado foi a Constitución Española de 1978, da que se cumpren 36 anos neste 6 de decembro, carta magna que impón unha xefatura do Estado en mans dunha monarquía medieval escollida polo mesmo Franco, unha economía capitalista que perpetua a explotación da clase traballadora, un marco de desigualdade para as mulleres traballadoras, unha igrexa católica machista e homófoba, un exército con poder para invadir os pobos que lexitimamente decidan independizarse e unha artificial división de poderes partitocrática e antidemocrática.

Dende os mesmos intres da súa elaboración e posterior implantación, a esquerda independentista e nacionalista galega negámonos a aceptar unha Constitución que prohibe os nosos dereitos nacionais, que nos di que a nosa lingua é secundaria, que nega a lexítima autodeterminación do pobo galego, que rebaixa calquera mínimo Estatuto de Autonomía o nivel dunha simples Lei Orgánica e que nos impide ser donas e donos dos nosos sectores produtivos e do noso futuro como clase e como nación.

Co paso dos anos foise confirmando para os intereses do pobo traballador galego a inutilidade desta Constitución allea e do réxime que regula. Porén, baixo a legalidade que esta representa, a oligarquía imperialista, o caciquismo clientelar, a igrexa, a coroa, os partidos do réxime e os seus medios, atoparon patente de corso  para a explotación, a corrupción, a represión, o enriquecemento, o latrocinio, o abuso, a tortura e o somentemento das traballadoras, dos traballadores e das nacións e pobos baixo a gadoupa do EIE.

Desde a Frente Popular Galega, neste novo aniversario da vella e caduca Constitución do 78 seguimos apostando pola unidade dos movementos e das capas populares antiimperialistas e anticapitalistas cara a ruptura democrática co actual réxime co horizonte firme nun novo proceso constituínte liderados polas clases populares no camiño da autodeterminación, a democracia, a independencia e o socialismo para Galiza e todos os pobos do Mundo.