Inicio » Nacional, Defensa da Terra, Movementos sociais » A FPG apoia a mobilización de mañá no Carballiño

A FPG apoia a mobilización de mañá no Carballiño

A finais do ano 2009 o novo goberno do PP na Xunta anunciaba a creación dunha macroplanta de residuos con incineración para a acumulación e queima de todo o lixo do sul galego, é o que se deu en chamar a “SOGAMA 2”.

En xaneiro do 2011 o Consello da Xunta aprobaba o Plan de Residuos 2010-2020 (xa adiantado en maio do 2010 a través dun documento de inicio) cun orzamento de pouco máis de 500 millóns de euros, dos cales máis de 400 son destinadas a infraestruturas, dedicándose o groso do investimento para a macroplanta do sul galego (case a metade do orzamento total do Plan). Afóndase no modelo caduco e fracasado de SOGAMA e apóstase pola privatización da xestión dos residuos (prevalecendo intereses mercantís aos mediambientais e da saúde).

Antecedentes
A Xunta bipartita, co PSOE xestionando a consellería de medioambiente e o BNG Vivenda e Solo, deseña un proxecto para a ubicación no concello de Carballeda de Avia (O Ribeiro) dunha macroplanta onde instalar empresas de “reciclaxe” para xestionar todo o lixo da Galiza sul, sen instalación de incineradora. Foi o chamado “Parque medioambiental de Carballeda de Avia”.

A oposición social e veciñal foi moi importante na comarca (sobre todo na vila de Ribadavia) fronte a posibilidade da instalación dun macro vertedoiro implícito a este tipo de industrias.

O PP, na oposición naquela altura, opúxose a facer unha macroplanta para todo o sul de Galiza chegando a comprometerse no caso de gobernar a non facer nada na comarca do Ribeiro. Así, prevaleceron os intereses empresariais e económicos da industria do viño, e até políticos e caciquís, pois o PSOE erixíase potencialmente coma unha nova forza con capacidade para repartir e caciquear postos de traballo fronte á hexemonía do PP.

Os criterios medioambientais e de saúde pública non lles importaban, a ubicación si, dáballes igual se a instalación ía para a Limia ou para o Carballiño, o único polo que non podían pasar era porque se asociasen os residuos coa marca viño do Ribeiro e algún pequeno interese do turismo emerxente.

Desinformación, escurantismo e mentiras

o Concurso eólico:

O 19 de novembro de 2010 Javier Guerra anunciaba a resolución do Concurso Eólico, gañando Estela Eólica 186 megavatios. Deste concurso e da súa resolución incluíase como proxecto asociado a construción e explotación dunha “planta de tratamento de residuos”. A Xunta dálle o proxecto de construción e xestión da nova macroplanta de residuos e incineradora sen que exista concurso público algún para este proxecto.

o Quen é “Estela Eólica”?

Empresa domiciliada na Coruña e creada no 2007, cunha bagaxe empresarial pobre, foi a terceira mellor agraciada no novo concurso eólico artellado polo PP (tras botar abaixo o anterior concurso eólico do bipartito, que foi declarado legal nos tribunais).

o Estela Eólica é unha empresa claramente próxima ao PP, un dos seus administradores é J.L. Quintáns Pérez, ex- responsábel de Nuevas Generaciones do PP en Zas, alén doutros socios vinculados ao PP.

o Foi adquirida en maio do 2010 pola empresa GECALSA RENOVABLES meses antes do Concurso Eólico e no mesmo mes que a Xunta presentaba o Plan de Residuos 2010 – 2020.

o Gecalsa foi creada no 1999 e está dirixida por Javier Gracia, está formada na súa maioría polo fondo de infraestruturas do Banco Santander e Caja de Burgos (agora Banca Cívica), sendo a cara visible o empresario Ginés Clemente.

o Cambios na normativa:

Recentemente créase unha nova figura legal denominada “proxectos industriais estratéxicos”, que lle vai permitir ao proxecto de Estela Eólica e á súa incineradora saltarse até nove trámites medioambientais.

o Por que no Irixo?

Até o 5 de decembro de 2011 co anuncio da ubicación no Irixo, a Xunta do PP e o conselleiro Agustin Hernández néganse a falar da localización da incineradora e dos seus fumes. Elección tras elección (locais e estatais) ocultan a ubicación, sen embargo venden o fume da instalación dunha fábrica de coches eléctricos na provincia. Baltar fala de 2 condicións para a planta, ten que ser na provincia de Ourense, por aquilo da falta de traballo e escasa industria, e limitando coa de Pontevedra, xa que esta é a orixe da meirande parte do lixo que vai acoller.

O conselleiro de medioambiente e o Sr. Baltar, con afán de confundir e distraer, falan de que a súa instalación vai ser onde menos dano e impacto causara. A realidade é que xa están a negociar con diferentes alcaldes e caciques locais que se presten ao negocio. E finalmente elíxese o Irixo.

Que é a incineración?

É un negocio privado baseado en queimar o lixo a temperaturas superiores a 850ºC para xerar enerxía eléctrica como beneficio e lucro duns poucos. Pero ademais a incineración é un negocio que contamina:

– A queima de lixo sen separar pode producir produtos tóxicos canceríxenos.
– As cinzas producidas conteñen metais pesados que deberan recibir un tratamento especial para evitar a súa perigosidade e toxicidade.
– Contamina a atmosfera, a auga, o solo e polo tanto ás persoas e animais.

– A queima dos residuos con elevada materia orgánica (como vai ser o caso do Irixo) xera elementos moi contaminantes e crea novos compostos que non existen na natureza e que van parar a ela.

Ademais, a incineración impide a reciclaxe e a reutilización ao tempo que se esquece da redución do lixo, tres trabes mestras de calquera política medioambiental e base de toda a normativa europea e estatal sobre xestión de residuos, que recomendan que a incineración sexa a última vía.

As incineradoras, como a deseñada para o Irixo, baséanse en macroplantas acumuladoras de lixo e levan implícito enormes vertedoiros.

As macroplantas son socialmente anti-económicas, pois supoñen destinar inxentes recursos enerxéticos para o seu transporte e mobilización do lixo dunha área xeográfica enorme. Tamén supón o consumo enorme de enerxía para a súa posta en funcionamento (superar os 850ºc para producir enerxía). Sendo ao mesmo tempo un novo foco de contaminación polo transporte excesivo por estrada ou tren.

En definitiva, o impacto ambiental e social sobre o territorio no que se instalan é demoledor, un altísimo prezo para 250 postos de traballo que “prometen” á empresa “Estela Eólica” e ao alcalde do Irixo (que xa anunciou que el mesmo xestionaría).

Alternativa posíbel e o exemplo de Lousame

A xestión dos nosos residuos debe ser descentralizada, estruturada por plantas comarcais. Debe basearse na redución de lixo (menos consumo, menos embalaxe nos produtos…), na reutilización (por exemplo do vidro), a reciclaxe e a compostaxe do material orgánico. Tamén a través de políticas pedagóxicas. Se son os intereses económicos e o lucro privado os que priman como é posible fomentar a redución, a reutilización e a reciclaxe se canto máis queime máis gaño.

É preciso un cambio total no modelo de produción e xestión do lixo.

Lousame é un planta de compostaxe comarcal que abrangue nove concellos da Comarca do Barbanza, cunha poboación de 85.000 habitantes e 35.000 toneladas de residuos tratados, figura coma unha das instalacións con maior índice de recuperación de residuos, chegando a triplicar a media estatal por habitante, e adiantando de longo os ridículos datos de Cerceda-Sogama.

Lousame é un referente tamén porque está baseada nun modelo de xestión do lixo descentralizado (por comarcas) e segue o principio de que canto máis recicla máis beneficios xera. Ademais, conta con 150 traballadores/as, o que significa que este sistema dálle traballo a máis persoas xera máis postos de traballo en proporción ao seu tamaño e ao lixo que xestiona.

Entón, por que non se aplica este sistema por toda Galiza? A resposta é clara, o simple lucro privado das empresas enerxéticas.

Paremos a Incineradora coa mobilización do Pobo

Na FPG cremos que a mobilización popular en todos os ámbitos pode parar este novo atropelo contra Galiza, e sobre todo contra O Irixo e os territorios veciños das comarcas do Carballiño, O Ribeiro e O Deza.

Reclamamos unha consulta popular en todos os concellos afectados, negándonos a pasar polas rodas de muíño dos señores Baltar, Penedo ou Feijóo, e dos seus intereses escuros ligados á das empresas enerxéticas e nunca ao do pobo que din representar.

Desde a FPG esixímoslle á Xunta de Galicia a inmediata paralización do proxecto de Macroplanta de lixo e a Incineradora, no Irixo ou en calquera parte.

Reclamamos un novo Plan de Residuos onde de verdade se aposte pola Reciclaxe, a Redución e a Reutilización, e onde sexa prioritario a saúde e o medioambiente por riba de intereses empresariais.

Esixímoslle ao Conselleiro Águstin Hernández e ao seu xefe Feixóo unha política de xestión de residuos baseada na descentralización e na medida do posíbel comarcalización do tratamento do lixo.

Son imprescindíbeis verdadeiras políticas públicas pedagóxicas que impulsen unha cultura ecoloxista na sociedade, para reverter a actitude actual da sociedade cara os problemas medioambientais.

A saúde non ten prezo nin se vende, a Nosa Terra tampouco. Galiza Non se vende.