Inicio » Comarcal, Compostela » [Compostela] Sobre a recuperación da Sala Iago

[Compostela] Sobre a recuperación da Sala Iago

O Comité de Zona da FPG de Compostela leva tempo manifestando a súa preocupación pola apropiación por parte do capital privado de diferentes espazos culturais e sociais da cidade, ante a pasividade dos sucesivos gobernos municipais que priorizaron o desenvolvemento de políticas favorábeis á defensa dos intereses de carácter privado fronte aos intereses do conxunto do pobo de Compostela, do que se derivou unha perda constante de espazos para a socialización, con especial incidencia na perda de lugares públicos ao servizo de expresións culturais e políticas consideradas “minoritarias” ou “alternativas”. Actuación administrativa que contrasta co dispendio faraónico de obras como a da Cidade da Cultura, verdadeiro mausoleo para ex-ministros de Franco e pretendido lugar de enterramento da cultura viva, activa e popular.

Baixo o paraugas dunha política municipal dirixida principalmente ao turismo como sector punteiro para a economía da comarca, e polo tanto pregada aos intereses do empresariado hostaleiro, hoteleiro e do comercio, acubilláronse as intencións máis diversas dos diferentes equipos de xestión municipal de ir apagando pouco a pouco as expresións dos actores culturais máis dinámicos da cidade, prohibindo de feito e de dereito as diferentes formas de expresión política ou cultural que, como a nosa, non comungan coa roda de muíño da democracia formal e, polo tanto, do neoliberalismo militante.

No contexto da miseria administrativa que condena ao pobo traballador á perda da súa propia vivenda (desfiuzamentos arbitrarios), e que exclúe da utilización de predios públicos aos diferentes movementos sociais, a FPG de Compostela saúda encarecidamente a recente reapropiación social da Sala Iago como xeito activo de resistencia popular ante o delirio sen couto do mercado, da propiedade privada e do esgazamento das nosas estruturas culturais.

A FPG Compostela considera unha prioridade a articulación autónoma de espazos independentes de expresión cultural e política fronte a unha xestión que xira de costas ao pobo de Compostela, e é por iso que esixe do Goberno Municipal de Compostela que asuma a súa incapacidade manifesta para unha xestión cultural municipal representativa e democrática e se afaste a un lado para deixar que o pobo articule libremente os espazos sociais de convivio e comunicación que cada día se tornan máis necesarios.

Neste sentido a FPG apresentará unha moción este martes co obxecto de que sexa debatida no pleno municipal do Concello de Santiago de Compostela.